miércoles, 16 de octubre de 2024

PINGAS DE LETRAS


A letra con sangue entra. Tampouco é necesario ser tan drásticos. Ás veces chega coa insistencia, con deixalas caer unha e outra vez. Hai que ser pesados, perseverantes, testáns. E darlle unha e mil veces ó bolígrafo, ou á memoria para que as letras caian ou entren sen esforzo. Por iso estou zumba e dálle ás pingas de letras que esvaran pola barra do bolígrafo, ou dálle que dálle ás pingas das teclas para remarquen ou tinxen o folio en branco.

As pingas de orballo entran con melancolía cando a soidade está preñada de silencio. Entran con algarabía cando os nervios bailan sobre as entrañas da existencia. As pingas de letras caen con gozo no momento en que o soño lle gana a batalla á realidade. Despois busco catro adxectivos ou sinónimos para completar o momento.


As pingas de letras poden contar todo un universo cosido por faldriqueiras no lusco e fusco dos días. Tamén poden coser ou xunguir os ruídos co sosego, os berros co silencio, a cara coa cruz, o ir co volver, a ansia co desexo, os beizos co bico do peito. As pingas de letras son todo un poema na máis extensa novela.

A letra con sangue entra. Chega un simple café para que a imaxinación (outros chámanlle inspiración, musa) borde durante eses poucos minutos e as letras pinguen con parsimonia, con calma, por veces atropeladas, sen xeito nin modo, ó chou, tamén a rachar, pero coa intención de dicir algo, de contar algo; sen mancar, sen que doan. Hai pingas de letras que poden ser coma puñais, como as hai que poden facer que aflore un sorriso, certa felicidade. Nos tempos que corren, a letra con sangue entra xa non procede.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 15 de outubro de 2024

Finca Fierro. Barbadás. Mércores, 16 de outubro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario