Son o soldado que anda perdido polos montes do Padornelo. Hai uns días a Benemérita petou na miña porta para dicirme que fose facer a Guerra Civil ó Padornelo. Nada máis. Colgáronme un fusil ó ombreiro e, “ale, que non entre en Galicia ningún roxo”, así me dixeron.
Hoxe, podo prometer e prometo que aínda non entrou nin roxo nin nacional, porque por aquí non asoma unha alma. E xa pateei moito monte de cristo. Tamén é verdade que, como apareza algún, sexa roxo ou nacional, non o poderá contar. Estou disposto a non deixar entrar a ninguén na nosa terra. A ninguén! A non ser que no contrasinal meta algo de Galicia ou relacionado con Galicia... andoriña, meiga, santa compaña, toxo ou flor de toxo (dá igual), afiador, morriña, etcétera. Agora ben, como entre algún que veña dicindo “por Santiago y cierra España”, ese aínda o conta menos que os demais.
Son o soldado que patrullo polos montes do Padornelo e chámome Salustiano Nobaris Santacruz, aínda que máis ben respondo por O Patrullas. Entenderedes o alcume, o alias, non si? Xa levo unhas cantas guerras encima e en todas tan só me mandan patrullar, para máis carallos, por lugares polos que nunca pasa ninguén. En todas sempre tiven ganas de matar a alguén e non houbo maneira. Non hai maneira. Tamén como apareza alguén, vai saber como as gasta este galego.
Sigo patrullando para defender a patria nosa, a nación de Breogán. Que asomen, que asomen os roxos e nacionais... ásoos no fogar de Breogán!
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 29 de outubro de 2024
No hay comentarios:
Publicar un comentario