Sento na cadeira. Pido un café. Mentres espero, contemplo o ceo gris. Máis nubrado ca nunca. Ameaza chuvia. Se chove que chova. Chega o café. Bótolle un chisquiño de azucre. Só un chisquiño. Reméxoo, remóvoo, revólvoo. Para que se mesturen as ansias cos gozos, as pombas cos corvos e o ruído co silencio. No primeiro trago baixa unha ilusión; aquela na que todo se pode. No segundo trago enviei un estilo esperpéntico para que se mesturara cun nobelo de fíos negros. E no terceiro trago baixaron todos os momentos nos que subín ó mesmo outeiro para deixar escapar un berro seco.
Rematado o café contemplo o ambiente, o panorama. Xente que pasa amodiño. Coches que pasan correndo. Ceo que ameaza con deixar caer pingas de auga. Porén, o tempo está quente e Eros Ramazzotti di que non estamos sós. Mente! Eu estou só. A pomba que anda por entre as mesas está soa. Unha moza que pasa vai soa. Un home que entra correndo á cafetaría faino só. A soidade, ás veces, é unha sensación chea de porcalladas que non deixan articular palabra.
Está chegando o momento de que hai que marchar. Porque o tempo, moitas veces, é efémero e corre, e voa, e pasa, e non se detén. Co tempo xunguimos a vida, que tampouco se para. Certo, cando cesa... mal asunto e peor presaxio. Hai que empezar a coller a carteira para pagar o café. A pomba que estaba soa, marchou. Eu, que sigo só, vou marchar. Todo pasa, soamente, ti, recordo, te eternizas.
Café Kibu. A Valenzá. Mércores, 16 de outubro de 2024
No hay comentarios:
Publicar un comentario