Aqueles que me seguen un pouco nos meus escritos saberán da miña fascinación polo universo, e de que daría o que fose por voar, por flotar por todo ese espazo inmenso, celestial e moi fermoso. Mais tamén recoñezo que non sei se sería capaz de realizar a fazaña do ruso Oleg Dmitriyevich Kononenko, que estivo 1.111 días en órbita.
Fálase, dise e sábese que a soidade é quizais unha das peores enfermidades, e facendo referencia a tan só unhas horas ou uns días nos que nos atopamos ou nos sentimos sós (ás veces, onde hai máis xente é onde precisamente nos encontramos máis sós); non quero imaxinar se tal soidade abarca tres anos ou máis.
Estar aí arriba é bonito, pero tirarse tanto tempo sen estar coa familia (muller e fillo, no caso deste astronauta), cos amigos ten o seu mérito e imaxino que terá, como non, a súa señardade. A miña máis completa admiración (e envexa; envexa por estar aí arriba) a ese ruso que foi quen de pasar dos mil días por ese universo sen fin. Por certo, o anterior récord de permanencia no espazo tamén estaba nas mans doutro ruso, Guennadi Padalka, con 878 días, 11 horas, 29 minutos e 48 segundos. É certo que os Estados Unidos foron os primeiros en chegar á lúa, pero é que os rusos, cosmicamente falando, son moito potencial; desde sempre, desde aquel 12 de abril de 1961, cando Yuri Gagarin se converteu no primeiro ser humano en orbitar a Terra coa súa nave espacial Vostock I.
Xa que andamos en órbita pola galaxia, paso a falar dun galáctico futbolístico galego, que incluso ata aqueles que non saben de fútbol si coñecen, como non, a Iago Aspas. E falo por boca da periodista Lucía Taboada, cando hai uns días me atopei cun artigo dela sobre o noso Príncipe das Bateas, onde asomaban uns comentarios que me deixaron medio pampo. “Aspas salvou tantas veces ó Celta que se podería considerar unha ONG en si mesma. Os afeccionados deberiamos marcar unha casa na declaración da renda”. Tamén dicía noutra frase que “a el o perseguían os defensas rivais, mentres el persigue balóns e árbitros, mortificados sempre polas súas constantes protestas”. O de mortificar ós árbitros faime graza porque é certo que, para eles, é como ese furafollas, como ese cachafello que non te deixa en paz, pero que, a maioría, non llo toman a mal. Xa saben como é. As súas protestas nunca foron desprezativas.
Finca Fierro. Barbadás. Venres, 25 de outubro de 2024
No hay comentarios:
Publicar un comentario