miércoles, 23 de octubre de 2024

AGORA SI QUE SI


Agora si que si. Agora si que o vento zoa; estou no alto dun outeiro e báilame o pelo. Agora si que o universo está sobre min e a feira de Baños de Molgas che a á súa fin. Agora si que a lúa está en cuarto minguante e as flores dos toxos espállanse polo monte adiante. Agora si que xa sei que se o ceo está gris non pode estar azul e se unha habitación está en penumbra é porque lle falta luz.


Agora si que si. Agora si que soñei en branco e negro ante a simulada efervescencia duns bicos do peito e o ouleo do lobo anuncia que a femia está en celo. Agora si que quero correr berrando para, metro a metro, rachar o silencio e quero tirar de paciencia vendo como o sapoconcho nunca chega á meta. Agora si que a melancolía é o pracer de estar triste e as gargalladas marcan o paso dunha felicidade efémera, pero felicidade.

Agora si que si. Agora si que sigo o ritmo dunha banda sonora de Hans Zimmer, aínda que o que realmente desexo sexa a voz de Barbra Streisand. Agora si que asubío por entre as cores do arco da vella e bailo unha pandeirada ou unha muiñeira ou unha polca polo carreiro dos seos, polo camiño dos peitos. Agora si que en cada metro transcorre uns instante e en cada instante aboia un pensamento. Tamén en cada poema hai un sentimento e en cada sentimento asoma o desexo.

Agora si que si. Agora si que me deixo levar polos confíns do universo, ó mesmo tempo que sigo soñando en branco e negro pola textura dun axustador. Agora si que chegou a fin.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 21 de outubro de 2024

Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 22 de outubro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario