lunes, 28 de octubre de 2024

SOÑAR OU PENSAR


Treme o corpo ante o medo, ante a dúbida a unha incógnita. E o instante vólvese lento para a desesperación do pensamento. Soñar ou pensar. Pensar ou soñar. Que máis dará! Como dicía o Juliño Iglesias: a vida segue igual. Soñar co Love Me Tender de Elvis Presley e pensar na Amapola de “Érase unha vez en América” de Ennio Morricone. O caso é saber a realidade do asunto, da materia, do caso, da cuestión, do posible ou do imposible.

Nadan as ansias nunha lagoa que borda polas beiras dunha aspiración, para ir desembocar ó niño do desexo ou do devezo. O caso é que acouguen, aí, coa felicidade ás costas. Como dicía aquel tal Gandhi: “A felicidade é cando o que pensas, o que dis e o que fas están en harmonía”. Ás veces chega con que a felicidade sexa tirar para adiante e, digo eu, sen mirar para atrás. Nada máis; así de sinxelo. Soñar ou pensar. Pensar ou soñar.


Que as incógnitas deixen de ser enigmas e que a realidade baile un tango dentro dunha habitación en penumbra ou unha polca a ceo aberto. O caso é bailar sobre a verdade dun sentimento. O peor é cando haxa que escoitar un réquiem sobre unha sensación que non se levou a cabo. Soñar ou pensar. Pensar ou soñar. Máis ou menos é o mesmo. Para que buscarlle tres pés ó gato.

Cruzan tamén a lagoa os ruxerruxes, aínda que non saiban nadar moi ben. Van da beira á marxe, do bordo á ribeira case coma polos sen cabeza, pero entre idas e voltas os soños serán eternos e os pensamentos nunca estarán baleiros. Agora, cada quen que opte por soñar ou pensar, por pensar ou soñar. Quizais o imposible torne a factible.


Finca Fierro. Barbadás. Luns, 28 de outubro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario