Tirei a pedra. Escondín a man. Deille na cabeza. Sangrou. Escapei. Como non ía escapar! Escapei da mesma maneira que escondín a man; para que non me pillaran. Non apetece pasar días ou meses á sombra. Xa sei que sería por un simple sangrado, pero, neste país, e vendo que a xustiza é coma un bambán esperpéntico... pés, para que vos quero. Agora que corran detrás de min. Ou que corra o que recibiu o coiazo. Que o merecía. A pena é que non sangrase máis. O tío nin tan sequera caeu ó chan. A miña intención foi a de deixalo alí seco. Menos mal que quedou algo mollado co sangue.
O tipiño movérame o marco das Pedradarcas! Iso é faltar ó respecto. Ó respecto do eido, da marxe e meu. Non podía quedar de brazos cruzados. Esperei a ocasión. Sabía que as accións en quente poden saír peor. Así é que esperei.
Vino na distancia. Acochei detrás dunha toxeira. Acumulei á miña beira unha boa morea de pedras; por se non atinaba á primeira. Na espera, e como estaba nervioso, desfixen un nobelo de farrapeiras que lle levaba a miña nai. Cando o tipiño se achegou a uns cinco metros... apuntei, tirei a pedra, escondín a man, deille na cabeza, sangrou, escapei.
Agora ando ás agachadas polas carballeiras da Costela e pensando na forma de librar desta xustiza que nin é xustiza nin farrapos de gaita. Se fora xustiza, condenaba ó paspán por mover o marco. Certo que tampouco denunciei a acción. Preferín tirar a pedra, esconder a man, darlle na cabeza e mirar como sangraba, o maldito. Escapei e sigo fuxido.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 29 de outubro de 2024
No hay comentarios:
Publicar un comentario