Arrastrei o feixe de herba polo lameiro arriba. Para cargar con el ó lombo facíaseme pesado; nin tan sequera conseguiría andar uns pasos con el. Son pouquiña cousa. Fisicamente falando, digo. É que nacín setemesiños e, claro, dous meses máis na tripa de miña nai deberían notarse. Xa se sabe, as cousas son como son. Nacín ruín e morrerei ruín. Xa o teño asimilado. O de ruín tamén vai polo entendemento, polo intelecto e, principalmente, polo carácter. Son ruín en todo, e non hai volta de folla.
Cando vou para o monte coas vacas tan só sei andar ós niños das rulas por entre as silveiras e ós das azulentas polas toxeiras. Gústanme os toxos (serei coma os burros, e que) e as súas flores, a súa cor amarela é bonita de carallo. Xa sei que pican, e que. Canto máis pique o toxo, máis se mete dentro. Que son un pouco masoquista, e que. Tamén me gusta tombarme á beira das toxeiras, pechar os ollos e soñar esperto. Por certo, cando teño os ollos pechos é cando mellor vexo.
Chámome Gervasio Suárez Penedo e son fillo da Carmiña e do Evaristo, os que viven alá na aldea de arriba, pero que está por debaixo da serra. Ós meus pais chámanlles Os Biosbardos e, a min, O Gazafello, que seica é algo semellante ó biosbardo. Sei que moitos veciños se mofan un pouco ou un moito de min por ser iso... tan ruín, tan pouquiña cousa. Mal saben eles que a miña ruindade é máis canalla do que pensan; mentalmente sempre estou a botarlles pestes e desexarlles todos os males do mundo. Non teño conciencia ningunha, e que.
Ó final conseguín cargar o feixe de herba, pero ó lombo... do burro. Serei setemesiños, pero tamén son listo.
Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 30 de novembro de 2024
No hay comentarios:
Publicar un comentario