viernes, 29 de junio de 2012

MESTRES CON "TOQUE"



              A música de Jerry Goldsmith sobe polos auriculares e acouga con toda a harmonía nos meus oídos. Hai compositores de bandas sonoras dos que nunca te cansas aínda que ás veces se repitan un pouco. O caso deste home, o caso de John Williams, o caso de Vangelis, o caso de Morricone, o caso dos grandes mestres. Pero son estas repeticións as que che amosan quén é o compositor aínda que non che digan o nome. Certo, ao mellor usei mal a palabra repetición; ao mellor dou na diana se uso a palabra “toque”. Cada persoa, cada director, cada cantante, cada compositor ten o seu “toque”. Nese toque é onde realmente se os recoñece. Agora é Miles Davis o que me deleita cunha versión do “Concierto de Aranjuez”. Este señor nin “toque” nin nada. Ante este señor, silencio e a gozar.

              Finca Fierro. Venres, 29 de xuño de 2012

MÁIS ALÁ DO FÚTBOL



              Hai vida máis alá do fútbol? Claro, cómo non vai haber! Principalmente para os políticos; que cando xoga España axiña aproveitan e, coma quen non quere a cousa, van e sacan medidas para paliar a crise, ou sexa, anuncian impostos polo baixiño ou publican leis en prexuízo, faltaría máis, do paisano de a pé. Mira que afeccionados do carallo!; en vez de animar á nosa selección, esa que nos pode aliviar o mal momento que estamos vivindo, dedícanse a acocharse nos seus despachos coma as toupas para lostregarnos no medio e medio da primeira parte de tal ou cal partido cunha medida de austeridade ou de axuste. A ver se así a xente non se decata ou se decata mal. Xa se sabe… a emoción do resultado, da eliminatoria, do xogo, de España. E a verdade é que somos dobremente parvos; por finxir que non nos decatamos e por non facer nada cando si o facemos. A acción deixámola para as conversas a berros dos bares, onde se arranxa o mundo que non ten arranxo. Segundo cada español é un seleccionador, non vai ser menos coma político! Malo será que non saibamos poñer a cada quen no seu sitio!. Claro que hai vida máis alá do fútbol! Ver outro partido para pechar os ollos e tapar os oídos.

              Finca Fierro. Venres, 29 de xuño de 2012

jueves, 28 de junio de 2012

CORRE O AIRE



              Corre o aire. Quenta o sol. Silencio no papel. Ruído, moito ruído na beirarrúa. Corre o aire. Próeme a deda gorda do pé dereito. Ráñoa contra a barriga da perna esquerda. Corre o aire. Uns cantos mosquitos caen sobre as mesas da terraza. Hai que fumigar as árbores. Non se fumigan. Corre o aire, e este leva consigo aos mosquitos máis débiles. Os outros agárranse ás camisas, pantalóns e pelos da xente. Uns poucos caen nas bebidas. É igual; o que non mata engorda. Corre o aire. As bandeiras de España ondean nas terrazas das cafetarías, nas terrazas das vivendas, nas ventás, en calquera aparello no que se poida atar ou colgar unha bandeira. É que estamos a vivir os últimos momentos da Eurocopa, e España semella que camiña con paso firme, aínda que non tan espectacular coma outras veces, pero... Corre o aire. Quenta o sol. Ruído no ambiente.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 27 de xuño de 2012

miércoles, 27 de junio de 2012

MOVEMENTOS DE TROPAS



              Con parte da ventá aberta, a señora Perpetua Socorro contempla a paisaxe e tan só alcanza a ver dous castiñeiros que se atopan a uns metros. Perpetua Socorro ten melancolía nos ollos. Ou quizais tristeza. En cada folla que se move dos castiñeiros, ela ve movementos de tropas nas trincheiras. Aínda que nunca estivo nun fronte. Pero si os seus sete fillos que pariu por enriba dunha corte das vacas. Os sete quedaron enterrados por todos os puntos cardinais do país. Dende entón, non quere saber de guerras, nin de bandos; ela tan só ve movementos de tropas en cada obxecto que contempla. Imaxina nas pupilas dos seus ollos sete soldados riseiros que lle din adeus coas súas mans. E os mosquetóns colgados nos ombreiros. Unha pequena bágoa asoma no seu ollo dereito. Perpetua Socorro ergue de xunto á ventá e pon unha cunca de caldo na mesa.

              Maceda. Mércores, 27 de xuño de 2012

sábado, 23 de junio de 2012

A COMPRA DE LUCIANO PAVÉS



              “Quero dous quilos de sulfato, un paquete de xofre, unha garrafa de herbicida e unha caixa de cintas para a grampadora”, espetoulle todo categórico Luciano Pavés Casado ao dependente O Rato cando este asomou pola pequena tenda que tiña no medio da aldea. Mentres Rodrigo Sabín Cachopa, coñecido como O Rato, lle preparaba todo o pedido, Luciano Pavés comentáballe á súa dona se necesitarían algo máis. Non necesitaron, porque, tan axiña como Rodrigo empaquetou todo nunha bolsa grande, fíxolles a conta e Luciano pagou relixiosamente. Este pensou logo en parar a tomar algo no bar do Cantamañanas, pero tanto el como a súa dona Lucero Sampedro Sampedro non estaban co vestiario perfecto para meterse nun bar no que podía haber bastante xente. A Luciano, a verdade, é que non lle importaba moito ese detalle, pero á muller… xa sabemos como son algunhas para presentarse en público. Total, que seguiron camiño da leira na que ían traballar. Mais xusto ao chegar, unha pequena tromba de auga fixo que non saísen do coche ata que escampou. Fíxoo axiña e xa nos lles quedou máis remedio que facer traballar aos cadrís.

Finca Fierro. Domingo, 20 de maio de 2012

jueves, 21 de junio de 2012

O HOME



              O home que responde ao nome de Severino Sánchez Romero ten o xornal aberto sobre o mostrador e creo que le os titulares á présa, porque pasa as follas, unha detrás doutra, con certa velocidade. Sei que responde ao nome de Severino Sánchez Romero porque cando entrei e o vin, fun cara el e, de súpeto... “ei ti, como te chamas?!” Miroume de esguello, quizais con certo asombro. Chámome Severino Sánchez Romero. E non dixo nada máis. Nin me preguntou un por que e nin tan sequera me mirou máis. Seguiu co seu xornal pasando as follas con présa. Eu tampouco lle preguntei nada máis. Non lle quixen explicar que tan só quería saber o seu nome para este relato.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 20 de xuño de 2012

CHOVE SOBRE...



              A voz e a figura de Adele asoma no vídeo musical e, fóra, as gotas de chuvia caen sobre a beirarrúa, sobre a calzada e sobre as cabezas da xente que pasa. Chove. Chove nesta tarde de finais de xuño e chove sobre os coches que pasan veloces tras os cristais. Ruído na cafetaría e silencio na melancolía da canción “Someone like you”. Ao mellor a melancolía está na propia voz de Adele. Palabras de auga que enchen de melancolía unha tarde gris, triste, a un día exacto do verán. Chove sobre o currículo dun barrio que medra e crece a gran velocidade. Chove sobre a Valenzá.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 20 de xuño de 2012

O PASPÁN



              Intento ser corazón na escuma dun café, pero son a culleriña que remexe o líquido que queima, que ata pode que afogue. Culleriña de metal, fría, delgada, cor prata. Como a vida dun paspán que nada contra as correntes da ansiedade e do nerviosismo por non saber cara á onde vai. Hai paspáns que andan perdidos polos camiños da ignorancia. Menos mal que alguén sempre os atopará. Intento ser bolígrafo que deixa catro palabras escritas, pero son un borrón, un borrancho producido por unha goma desas duras que non borran. Borrón gris, que mancha, que se estende, que non deixa ler. O paspán non sabe ler a vida que pasa ao seu carón.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 20 de xuño de 2012

POLAS ESTRADAS CONVENCIONAIS



              A Dirección Xeral de Tráfico teme que se se implantan as peaxes nas autoestradas, a sinistralidade pode aumentar. E tanto! Porque moitos empezamos a facer xa o que esa Dirección teme: a de coller estradas secundarias ou convencionais para evitar botar a man á carteira. Hai pouco fun cun rapaz e coa muller ao campionato galego de kung-fu en Arteixo e, como non, pillei a estrada que vai pola Agolada e Melide, ata Betanzos. A volta fíxena por Lugo (pola A-6 aínda non se paga) e, por suposto, a N-540, polo que tampouco paguei nada. O próximo día 1, para o campionato nacional do mesmo acontecemento, iremos a Cambre e, faltaría máis!, irei por esas estradas convencionais antes de pagar unha peaxe demasiado cara e que xa pagamos abondo cos nosos impostos. Risco de accidente? Si, pero hoxe en día a vida en por si xa é un accidente.

              Maceda. Xoves, 21 de xuño de 2012

miércoles, 20 de junio de 2012

POLA BEIRARRÚA DA MEMORIA



              Catro nenos corren pola beirarrúa da memoria. O balón chouta dunha parede a un poste da luz e deste á leira do veciño. Agora, cal é o chulo que vai por el. Ricardo Penedo Suárez non é un veciño calquera. Ten fama de ameazar aos nenos con sacarlle o unto  a aquel que ouse poñer un pé na súa leira. Fálase de que, hai anos, o fillo da Toupeira, alcume de Lucía Saborido Saborido, desapareceu cando estaba a xogar preto doutra leira de Ricardo, o Escornabois. E as lerias debuxábanse no espello dun unto colgado da ventá da casa do Escornabois. Os catro nenos sentan nas banquetas da conciencia. Ninguén se atreve a ir polo balón. Este, de súpeto, asoma rodando pola beirarrúa. Os nenos corren, entón, polo sorriso da infancia.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Luns, 18 de xuño de 2012

martes, 19 de junio de 2012

A CERDEIRA



              Quero agatuñar pola cerdeira que hai na cuneta dereita da estrada, pero unha morea de silvas non me deixa que pille as cereixas vermellas ás que lle teño ganas. Claro que non me desanimo ante este impedimento, e nun santiamén achégome ata a casa para coller a foucegata que teño na palleira. Xa de volta, e vendo o traballo, a suor e o sangue que me vai custar rozar todo aquilo. dígome a min mesmo que non son quen de sufrir por catro cereixas. E como a nugalla adoita espreguizar a mente, collo o chisqueiro que levo no peto esquerdo da camisa e póñolle lume á matogueira. O problema foi que tamén ardeu a cerdeira.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Luns, 18 de xuño de 2012

ALEGORÍAS DUN PENEDO



              Estudo a calcomanía dun pardal e vexo que o ceo azul se torna gris cando os golpes dunha batería usan a onomatopea do pumba!, pumba!, pumba! Logo, tras o asubío do fol dunha gaita galega, un cantante de heavy metal troca os seus retrousos nunha balada de protesta, onde catro versos tan só nomean unha guerra étnica. Hai parodias que non teñen pés nin cabeza. E hai cabezas que non saben o que é unha alegoría de produtos salgados con sabor amargo. Tapo a calcomanía do pardal para traballar sobre o relato dunha doniña que se meteu nunha matogueira da Pitediña. Hai alegorías que se esculpen sobre un penedo.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Luns, 18 de xuño de 2012

lunes, 18 de junio de 2012

APOIO NEGATIVO AO GALEGO



              Hai pouco fixen un curso de linguaxe administrativa pola internet e nos foros ou debates dalgunhas probas sobre o uso do galego, a maioría chegamos á conclusión de que era a propia Xunta de Galicia a que non apoiaba moito que digamos o seu uso, que non realizaba as inspeccións correspondentes para facer cumprir o que é obrigatoriedade da nosa administración. Volvín ter, unha vez máis, a proba nun evento organizado pola Xunta e o Deporte Galego, o XXIX campionato de Galicia escolar de kung-fu, que se celebrou no Porriño, onde, ao final, algunhas autoridades pronunciaron algunhas verbas... en castelán, por suposto. Queda máis bonito, máis importante, menos pailán, non si?

              Maceda. Luns, 18 de xuño de 2012

sábado, 16 de junio de 2012

OS GOLPES DOEN MENOS



              Ata a propia Eurocopa é o acontecemento idóneo para seguir falando da economía, dos recortes, da crise, pois certos medios de comunicación andan a querer saber se o fútbol destes día alivia un pouco o sentir da mala situación económica de España. A xente contesta, maioritariamente, que por moito que xogue ben a nosa selección ou por moito que gane, non é unha evasión perfecta para esquecernos da crise. Quéirase que non, tal distracción alcanza tan só para dúas horas de partido, que despois a vida xa che golpea de novo coa realidade. É certo, o fútbol non vai suavizar as nosas preocupacións, pero, que demo!, é ben verdade que un queda coma deus vendo un bo partido. E mentres gozas con el, non pensas noutra cousa. Polo menos eu. E coidado, adoito gozar con calquera partido ben xogado; non só cos de España. Por iso ás veces non entendo a aqueles que din que lles gusta o fútbol, pero tan só ben a España, ao Madrid ou ao Barça. Ninguén se atreve a ver un Rusia-República Checa ou un Sevilla-Málaga, por exemplo. A mala situación nosa golpéanos na cara unha e outra vez, pero doen menos os golpes seguindo a Eurocopa. Sígoa todo o que podo.

              Finca Fierro. Sábado, 16 de xuño de 2012

viernes, 15 de junio de 2012

O EGOCENTRISMO DE CR7



Será certo que Cristiano Ronaldo precisa un psicólogo para asimilar o éxito do seu “inimigo” Messi ou para calmar a obsesión que ten polo Balón de Ouro. Pero eu creo que nin por esas. Cando o outro día o seu compañeiro de selección Pepe marcou o primeiro gol contra Dinamarca (3-2 a favor dos nosos veciños), a Ronaldo vinlle un detalle que me fixo pensar no egoísmo deste xogador. Todos estaban abrazando a Pepe e dentro da piña tamén estaba Cristiano Ronaldo, coa diferenza de que el tiña unha simple man sobre a cabeza de Pepe ou de alguén do montón, pero a súa cara era todo un poema no que se lía que como el non era o autor do gol, todo o demais importáballe un pemento. Hai imaxes que valen máis ca mil palabras. Chega esa para apreciar o egocentrismo de Cristiano Ronaldo. Por certo, eu, persoalmente, daríalle o Balón de Ouro a Iniesta. Ou sexa, que non lle teña medo tan só a Messi.

Maceda. Venres, 15 de xuño de 2012

jueves, 14 de junio de 2012

A EDUCACIÓN DO FUTURO



              Volven as escolas rurais! Así, case o podemos berrar con forza. Un mestre para todos, nenos de seis anos mesturados con nenos de 12, e, coidadiño!, que ao mellor implantan a separación de macho e femia; uns gastan máis que outros e... xa se sabe, os recortes. Estamos retrocedendo de tal maneira que vexo aos meus fillos rompendo de novo o monte Medo. A nova educación, a educación do futuro tan só lles dará para andar detrás do arado de pau (a ver cómo van mercar os tractores) e un par de vacas; coma nos anos sesenta e setenta. Recórtase en educación (e en sanidade) para encher as arcas dos Bancos. Despois queren que non saiamos á rúa a protestar. Seguro!, acabarán convencéndonos; cantos máis nenos estean xuntos, mellor convivirán. O saber é o de menos. Se saben, pódenselle subir ás barbas aos que están na poltrona. Mellor que non saiban.

              Maceda. Xoves, 14 de xuño de 2012

CAGADAS DE MOSCA



              “Pero que se pode esperar dun futbolista que le a Tolstoi e a Dostoievski!”, así catalogaba o diario falanxista Arriba ao dianteiro galego Pahíño. E por isto o convocaron tan só tres veces para xogar na selección española e sendo un dos mellores goleadores de toda a historia de España. As ideas sempre foron a barreira, o muro de moita xente. Non hai moito un alcalde tamén soltou aquilo de “qué se pode esperar dun do Bloque”. Qué se pode esperar dun maricón. Qué se pode esperar dun ateo. Qué se pode esperar dun nacionalista. Qué se pode esperar dos que participaron no 15-M. Tan só conta a cultura do que está no poder. Tan só o que está no poder é un ser humano bo; os demais somos cagadas de mosca.

              Maceda. Xoves, 14 de xuño de 2012

miércoles, 13 de junio de 2012

POLA CORREDOIRA DA INFANCIA



              Quen pode encher un globo con asubíos de ouro? E un bidón con bágoas de orballo? Corre o rapaz polo carreiro estreito da vida que lle sopra detrás da orella. Corre a nena ao seu lado berrando con saloucos de rabia, de carraxe porque o cativo non a espera. Quen espera na corredoira a que pasen os nenos? Quen asubía na película dos seus soños? Quere chover a mares dos ollos da rapaza, pero a melodía dos asubíos abana, arrola o ir e vir dunha realidade por entre as carballeiras da inocencia. Son dous irmáns que aniñan nun entorno familiar tan pobre que os asubíos son de ouro e as bágoas son de orballo. Corren os dous nenos pola corredoira da infancia, polo carreiro da vida.

              Maceda. Mércores, 13 de xuño de 2012

UN TÍTULO, MOREA DE PELÍCULAS

     Falar da película que vin onte na televisión, despois do partido de fútbol entre Rusia e Polonia (1-1), é bastante complicado, pola sinxela razón de que existen unha morea de películas co mesmo título. Estou a falar de "No punto de mira". A primeira que asoma con este título é do ano 1993 ("Another Stakeout"); está dirixida por John Badham e interpretada por Richard Dreyfuss, Madeleine Stowe e Emilio Estévez. No 2000 realizouse "Punto de mira" ("One of the Hollywood Ten") (Certo, aquí falta a contracción "No"), que a dirixiu Karl Francis e con Jeff Goldblum, Greta Scacchi e os nosos Ángela Molina e Antonio Valero. Un ano máis tarde (2001) foi John Glen quen dirixiu outro filme (""The Point Men") con Christopher Lambert e Kerry Fox. No 2002 ("Liberty Stands Still") dirixiu Kari Skogland, con Wesley Snipes, Linda Fiorentino e Oliver Platt. Esta foi a que vin onte; típico thriller ianqui que non amosa nada de especial; o único, en tal caso, a Linda Fiorentino.
     E aínda que ultimamente a que se realizou no 2007 empeza a ser máis coñecida por "Shoot 'Em Up", ás veces si a subtitulan como "No punto de mira". Esta está realizada por Michael Davis e interpretada por Clive Owen, a impresionante Monica Belucci e Paul Giamatti. E xa por último queda a que realizou no 2008 Pete Travis ("Vantage Point"), con Dennis Quaid, Matthew Fox, William Hurt, Forest Whitaker, a miña Sigourney Weaver e o noso Eduardo Noriega.
     Como para andar dicindo... vin a película "No punto de mira". Ou especificas o ano ou amosas tamén o seu título orixinal. Hai que recoñecer que, ás veces, as traduccións dos títulos  sáense pola tanxente, como se adoita dicir.

     Maceda. Mércores, 13 de xuño de 2012

lunes, 11 de junio de 2012

A ÚLTIMA GOTA



              Quen dixo que o home non pensa coa cabeza fría? Bernabeu Gutiérrez Sotillo ten a cabeza apoiada sobre o azulexo do cuarto de baño. Mentres deixa escapar as augas menores, pensa. Pensa co frío sobre a súa fronte. Pensa no requiescat in pace co que despachou ao lagarto que ousou atravesar a estrada xusto cando el pasaba co seu bólido de dúas cores. Pensa na forma en lle dar uns meneos, uns toques ao seu aparato xenital para que a última gota non caia sobre o seu calzón de marca. Pero Bernabeu Gutiérrez Sotillo sabe de antemán que a última sempre caerá sobre esa peza de roupa. Coa cabeza fría sabe que ese é o gran problema do home... a última gota. A última gota que mancha.

              Maceda. Luns, 11 de xuño de 2012

sábado, 9 de junio de 2012

DOUS DE TRES



              Os grandes acontecementos da semana pasada creo que foron a crise (como xa é habitual nos últimos anos), a morte do adestrador Manolo Preciado e, por suposto, o inicio da Eurocopa. Sobre a crise xa dixen o sábado que non quería saber nada dela. Como afeccionado que son ao fútbol, tamén sentín de verdade a morte dese gran home que lle caía ben a todo o mundo, incluso a Mouriño, que xa é dicir. A parte de sentir a súa morte por ser boa persoa, decátaste da idade e pensas que aínda lle quedaba case media vida por vivir. Logo tamén está o detalle de ser adestrador durante uns anos dun equipo que sempre me caeu ben, o Sporting de Xixón. E sobre o último acontecemento nomeado… que dicir; acaba de iniciarse e imaxino que dará para máis dun relato. No momento de escribir isto (sábado pola noite), xa houbo a primeira sorpresa; Holanda viuse sorprendida por Dinamarca e xa meteu a unha das favoritas nun apuro. A ver en que queda a cousa. Oxalá neste santo momento en que me está a ler, España non se vira sorprendida por Italia. Imaxino que tamén falaremos máis adiante. Por de pronto, durante uns días falarase máis de fútbol que da crise. Menos mal!

              Finca Fierro. Sábado, 9 de xuño de 2012

viernes, 8 de junio de 2012

O CARBALLO DA PORTELA



              Xa está. Xa confisquei o carballo da Portela porque tiña a folla rebeirada. A quen se lle ocorre! De todas formas, achegueime ata a súa sombra e alí sentei para ler no xornal que a produción de árbores na comarca denominada O Recuncho da Presa era proporcional aos ovos que puña unha galiña ou pita durante todo un ano, ou sexa, escasa. Ai que ver, co bonitas que son as árbores! E ca sombra que dan! E cos niños que acollen! Agora, a causa desa escasa produción, tamén teñen que escasear, por lei ou por lóxica, os paxaros, por exemplo. Se non aniñan, non crían. Se non crían, non hai paxaros. Intentarei recompoñer a folla do carballo da Portela, a ver se así a semente se expande e repoboamos para obter unha produción acorde co nome da comarca.

              Maceda. Venres, 8 de xuño de 2012

jueves, 7 de junio de 2012

IMPOTENCIA



              Achego solicitude de impotencia ante as novas dos medios de comunicación en referencia á economía do noso país. Estou farto, canso e deprimido de escoitar, de ver e de ler sobre a paupérrima situación na que nos atopamos metidos. É que hoxe mesmo, nin o acontecemento da Eurocopa é quen de botar abaixo á prima de risco, a Bankia, a Merkel, a Rajoy, aos banqueiros, aos ladróns, aos impostos, ás baixadas de soldos e, faltaría máis, aos tiros ao branco sobre os funcionarios. Adoito escoitar as novas de Radio Nacional, pero ultimamente tan só aguanto os titulares. Logo destes, e vendo que se inicia axiña o desenvolvemento dos mesmos, e como sei que versan sobre a economía, zas, pégolle un empurrón á fita de música para introducila no casete. A música alégrame a vida.

              Maceda. Xoves, 7 de xuño de 2012

miércoles, 6 de junio de 2012

O NENO CO ARO



              O neno deixa correr o aro e tan só usa o gancho para que aquel non perda o equilibrio. Vai pola rúa da Igrexa abaixo e ten que poñer todos os sentidos na circulación porque o empedrado é tan desigual que o aro chouta de forma ostentosa cada dous por tres. De cando en vez deixa escapar unha palabra groseira e tras o seu uso, volve a cabeza dun lado para outro por medo a que alguén o oíra. Era aínda demasiado pequeno para falar coma os maiores. Por outra banda, esas bocaladas podían chegar a oídos da súa nai, e co beata que lle era igual ardía Troia ao chegar á casa. Cando a rúa se nivelou, o cativo tivo que empurrar xa o aro co gancho. Colleu a estrada que vai a Os Milagres e como todo era liso e chan optou por asubiar ao ritmo da condución.

              Maceda. Mércores, 6 de xuño de 2012

martes, 5 de junio de 2012

BERROS NO MONTE



              Rincha o cabalo e unha doniña foxe cara unhas matogueiras que hai nun recanto do lameiro de Alfonso Rojo Rojo. Cara ao norte é unha vaca de Isidro Salero Campán a que brúa de forma tan ostentosa que sabes de antemán que está botando de menos ao seu fillo que deixou na corte da aldea. Tras un instante de silencio é o propio Isidro Salero o que lle lanza un berro ao cabalo para que saia do lameiro no que se meteu para pacer; ese é o lameiro de Antón Sanjuán Pérez, un veciño de armas tomar, e Isidro non quere ningunha maraña por culpa de catro bocados do seu cabalo. Cando o cabalo volveu para o seu propio lameiro, Isidro Salero fochicou por entre as matogueiras para espantar á doniña. Era un animal bonito, pero tíñalle respecto, polo mal carácter da donicela.

              Maceda. Martes, 5 de xuño de 2012

lunes, 4 de junio de 2012

O TRABALLO DE ROBERTO



              A mesa está chea de papeis, cartas, bolígrafos, un lapis, unha grampadora, tres selos de caucho, unha pedriña redonda de cor gris cunha caricatura debuxada a man, un calendario de mesa, un clip e, por suposto, un teclado sobre o que Roberto Traspés Díaz dálle que dálle ás teclas. Algúns paisanos entran na súa oficina de cando en vez e Roberto recíbeos cun sorriso de orella a orella. Logo xa fala con eles coma se os coñecese de toda a vida. A algúns coñéceos de toda a vida. Roberto Traspés Díaz leva asuntos de irás e non volverás, é dicir, que despacha certificados de defunción nos que, o finado, vai e non volve. Aínda que tamén, ao noso amigo, o sorriso váiselle tan axiña como o paisano pide o maldito impreso. O asunto non é para rir.

              Maceda. Luns, 4 de xuño de 2012

sábado, 2 de junio de 2012

AS PRÉSAS DO TEMPO



              Once e media da noite. O ruído dun frigorífico zumba na distancia, as verbas de alguén que fala pola televisión tamén chegan aos meus oídos, e o tictac do reloxo dálle que dálle ás présas do tempo. O tempo, polo que se ve, sempre ten présa. Nunca se detén. Aínda que non exista un tictac. Aínda que non existan uns números analóxicos e fluorescentes. Aínda que non existan as agullas dos minutos. O tempo dálle que dálle, corre que corre. Sempre ten présa. Présa para chegar ao final dunha vida. Porque o tempo é aí onde se detén, cando un inicia o descanso eterno. Si, sabemos que o tempo segue dálle que dálle, pero para o que fina qué lle importa xa o tempo, nin as présas, nin o tictac, nin os reloxos. Para o que fina, o tempo freou de golpe, xa non existe.

              Finca Fierro. Sábado, 2 de xuño de 2012

A VIDA DE SOLEDAD



              Fochica de aquí e fochica de alá. Mete ovos na neveira e busca unha botella de auga da que bebe a grolos. Cando pecha a neveira, Soledad Santamarina Diéguez senta ante unha mesa de madeira, colle papel, colle bolígrafo e deixa que a tinta vaia formando palabras e frases nas que explica parte da súa vida. De cando ía á escola da aldea. De cando, aos poucos anos, cambiou para un colexio que lle estaba a uns cinco quilómetros de distancia. Tiña que facelos andando, por entre corredoiras solitarias e co medo facendo forza no cu. Non era vida para unha nena, pero os seus pais estaban no estranxeiro para que, precisamente, estudase nese colexio.
              Soledad Santamarina Diéguez fai un pequeno descanso antes de iniciar o seguinte parágrafo. No que fala xa da súa xuventude; de cando deixou os estudos porque había que traballar, de cando o traballo era unha carga que pesaba de tal maneira que bailou de un para outro ata a actualidade. Agora mesmo, pódese dicir que Soledad Santamarina vive máis ou menos ben. Pero esta historia déixaa para outro momento. Acaban de chamala para ir tomar un café.

              Finca Fierro. Sábado, 2 de xuño de 2012