domingo, 30 de septiembre de 2012

NORMALIZAR A SINXELEZA



              “Trátase de normalizar algo tan sinxelo como que cada persoa busque a felicidade polo seu propio camiño”. Así se expresaron Iria e Bea, un matrimonio de lesbianas, logo de todos as barreiras que tiveron que cruzar para asentar aos seus fillos xemelgos. A primeira barreira, o primeiro obstáculo xa lles chegou da propia Seguridade Social ante a posibilidade de xerar fillos. E non digamos xa cando asomaron por unha consulta do hospital de Lugo, onde seica as tacharon de “parella discordante”. Tiveron que ir, claro está, polo privado. Outra barreira chegou no Rexistro Civil de Ferrol, no que non lles permitiron rexistralas ás dúas como nai e nai. Así, durante medio mes, os xemelgos non existiron para a Administración. Menos mal que en Castro de Rei non lles puxeron ningunha pega e, hoxe, contan xa cun Libro de Familia normalizado. Pregoan o caso para normalizar algo tan sinxelo. Eu tamén tiven medo cando rexistrei ao meu fillo Alán (polo nome, claro), pois a funcionaria do Rexistro Civil de Ourense, miroume e remiroume, ollou libros e máis libros, deu voltas e máis voltas antes de escribir o nome de Alán. Ás veces os funcionarios que tratamos con nomes (vilas, persoas, cidades, etc.) deberiamos ter a man libros e nomenclátor ou estar máis ao día sobre esas cuestións.

              Finca Fierro. Sábado, 29 de setembro de 2012

martes, 25 de septiembre de 2012

ASTERISCO A SECAS



              Son o asterisco dunha palabra que non se entende. Intento explicar o ruxerruxe da claridade da auga do río Sequillo, pero o seu leito baixa cheo de porcallada. Intento analizar a postura do rabo dunha vaca cando decide abeirar, pero hoxe, día de chuvia, non hai ningún tabán que a moleste. Intento estudar o pasamáns dunha escaleira que sobe ata un sétimo andar, pero o edificio carece dese apoio esencial para unha altura tal. Empezo a ser o asterisco de moitas palabras que non se entenden. Quero explicalas, pero o dicionario amósame tan só sinónimos que me din sempre o mesmo. E se procuro os antónimos, nada me concorda. Penso que son xa un asterisco a secas, que tan só acompaño ás palabras coma un simple símbolo ou debuxo.

              Finca Fierro. Martes, 25 de setembro de 2012

sábado, 22 de septiembre de 2012

DE DÚAS MANEIRAS DISTINTAS



              Se este recuncho ou recanto adoita ser a análise ou o comentario das novas semanais máis relevantes, non queda máis remedio que falar da chamada operación Pokémon, porque nos toca moi de cerca. Cada vez que lemos ou oímos algo sobre corrupción ou demais sinónimos relacionados co suborno, axiña os analizamos de dúas maneiras distintas. Se é fóra da nosa provincia, o pensamento lánzanos ao insulto en contra deses presuntos ladróns. Pero se tal corrupción ou reparto de comisións ou prevaricación ou malversación se desenvolve na nosa cidade, sobre alguén a quen coñecemos, entón, cambiamos as tornas e falamos xa de presunción de inocencia. Agora mesmo e polo pouco que aínda sei, e quizais por ese achegamento, tamén son partidario da presunción de inocencia. Como tamén me parece que tal operación deixa un certo cheiro a podre, por realizarse precisamente nestes momentos, a piques de iniciarse unha campaña electoral. De todas formas, se se demostran as acusacións, os condenados teñen que pagar, sexan do partido que sexan. Ninguén ten dereito a xogar cos cartos públicos. Custa moito gañalos para que, logo, uns cantos “espelidos” vivan á conta nosa.

              Finca Fierro. Sábado, 22 de setembro de 2012

viernes, 21 de septiembre de 2012

O REI DA AUGA BENDITA



              Ramoncín era o rei do polo frito, mentres que Isaías López Silbado é o rei da auga bendita. Sempre tivo esta fama, que ganou a pulso. Todos os días asiste á misa da súa parroquia e o primeiro que fai ao entrar na igrexa, é colocarse á beira da pía bautismal, que, claro, está sempre chea de auga bendita. Tan axiña como ve a sombra de alguén que vai entrar no recinto, molla os dedos da man dereita na auga bendita e toca, refrega estes nos dedos desas persoas que entran. E non mira se son dedos dos ricos ou pobres, dos adultos ou nenos, dos homes ou mulleres. A estas é certo que lles sorrí máis abertamente cá aqueles. A Isaías López Silbado non se lle escapa ninguén; ata persegue a algún fregués polo corredor da igrexa e obrígao a refregar os dedos. Lóxico, entón, que sexa o rei da auga bendita.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Venres, 14 de setembro de 2012

miércoles, 19 de septiembre de 2012

NON É O MESMO



              Quero ser parafuso nun aradiño de pau, pero son abeaca de ferro nun mosquito. Manda truco na Habana! Non é mesmo ser líder do Partido Popular que pobre votante do BNG. Aínda que, iso si, síntome moi orgulloso. Tampouco é o mesmo ter pintada no espello a tristeza de Cristiano Ronaldo que encher un libro coa alegría dunhas palabras de auga; frescas, limpas. Madía leva! De querer ser a ser vai medio mundo que roda polas carreiras cheas de coios brancos e de gallas caídas dos carballos. Hai que sortear eses obstáculos ou pegar media volta e volver empezar. Quero ser rego dereito na leira de millo, pero son o boi que tira do arado e brúa cando está canso. Hai regos longos e co terreo tan duro que tiran do peito e crían hernias a piques de rebentar. Non é o mesmo querer ser… e ser.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Venres, 14 de setembro de 2012

lunes, 17 de septiembre de 2012

FANÁTICO DOS CANS



              O can ten todo o pelo branco, longo e con parte do rabo rapado. Andará á moda. É pequeno. Dunha raza descoñecida para min. Só coñezo ben aos cans de palleiro, aos que lles teño moito cariño. A ver, a todos lles teño cariño! Sempre fun un fanático dos cans. O sogro ata me ten un pouco de envexa; el cóidaos toda a semana, pero cada vez que asomo pola aldea… adeus, amo!; van comigo a onde sexa. É que con eles sigo a ser un neno; estou sempre acariñándoos, pelexando con eles, tirándome ao chan con eles, xogando con eles. Poucas veces lles digo (temos catro): marcha, can! ou déitate!. Aínda que ande traballando. Son a escusa perfecta para acougar un chisco e parolar con eles. O can branco que andaba por aí xa o perdín de vista. Sigo a pensar entón en Rufo, Nea, Lala e Chispa.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Venres, 14 de setembro de 2012

TODO POLOS VOTOS



              Tres anos e pico nos que un concello (Barbadás) estivo a velas vir e nos que unha urbe (A Valenzá) se deteriorou aínda máis con respecto ás infraestruturas; agora, de golpe a porrazo, aos pouquiños días de convocarse eleccións políticas, zas!, dúas obras máis ou menos de envergadura) para A Valenzá. A primeira que asomou aos medios foi o futuro arranxo da arteria principal desta vila ata Barbadás, para darlle paso ao anuncio de licitación do centro de saúde. A propia administración autonómica recoñece uns dez mil usuarios do mesmo. E digo eu, e dez mil usuarios non son merecentes dun instituto e dun pavillón?, algo do que hoxe aínda carecen. Certo, o pavillón está a caer… nestas eleccións autonómicas ou nas próximas municipais. Seguro! Polos votos asoman as miserias, as ineptitudes. Me cago no demo!

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Venres, 14 de setembro de 2012

sábado, 15 de septiembre de 2012

SUAR COMA PÁNFILOS



              O venres foi un deses días nos que tan só con ler ou oír unha noticia, notas cómo o suor empeza a enchoupar a fronte. Tal como se atopa hoxe, economicamente, a sociedade española, non me estraña que as redes sociais ou as conversas dos bares pregoen ou divulguen os cabreos ante o descubrimento dos bens patrimoniais dos políticos. Pasando do millón de euros ou moi preto dese millón. Pensas nos teus raquíticos miles e, claro, súas coma un pánfilo, coma un paspán. Entendo que uns teñamos que ganar máis ca outros, pero coa condición de merecelo. E, actualmente, hoxe non hai ningún político do Goberno que sexa merecente duns soldos elevados. Porque en vez de sacarnos do apuro no que nos meteron outros (políticos), aínda nos están a fundir máis no pozo. Cada vez estou máis convencido de que, máis cedo ou máis tarde, todo isto vai rebentar. E dóeme unha barbaridade dicilo, porque sempre me considerei un optimista en cuestións de Estado. Señor Mariano, non se pode ter un patrimonio de 1,26 millóns de euros mentres manda o país ao carallo. Nin o señor Rubalcaba merece 1,27 millóns mentres deixa cómo “o outro” manda o país ao purgatorio.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Venres, 14 de setembro de 2012

sábado, 8 de septiembre de 2012

PENSAR MOITO MÁIS ALÁ



              Se neste mesmo espazo do xornal lle dediquei un relato aos Xogos Olímpicos gabando o esforzo, a dedicación, a incomprensión e a ignorancia sobre os deportes minoritarios, teño que, agora, dedicarlle o mesmo ou algo semellante aos Xogos Paralímpicos. Non chega con ver esas competicións e pensar no esforzo que neses momentos están a facer unhas persoas discapacitadas, senón que hai que pensar moito máis alá. Hai que gabar eses catro anos ou esa media vida que lle dedicaron para estar aí, para competir nestes Xogos. Penso que non é o mesmo esforzo o que realiza un deportista normal có que leva a cabo unha persoa diminuída. Hai que ter valor para que un día detrás doutro día, unha persoa que, por exemplo, use unha cadeira de rodas, se largue a un pavillón ou a unhas pistas de atletismo a adestrar, con todos os inconvenientes que se adoitan atopar nas rúas. E ben sabemos que as rúas españolas aínda non están preparadas para as persoas discapacitadas. É normal, entón, que en cada medalla que se lle entrega a un atleta, moitos nos emocionemos de carallo. O voso esforzo é a maior recompensa. Grazas.

              Finca Fierro. Sábado, 8 de setembro de 2012

viernes, 7 de septiembre de 2012

AS MANCHAS DO PANTALÓN



              Removo a auga sucia da charca e a porcallada chouta ao pantalón branco. As manchas vense a leguas. Hai que entrar na igrexa para escoitar a misa. É domingo. Pero quen entra con esta pinta? Súo de angustia. Respiro con forza. Entro na igrexa para colocarme na derradeira fila e contra a parede. O peor é que a nai non me verá. E pensará que non fun á misa. Súo de angustia. Trémeme o corpo. Non podo cantar en alto o Santo, Santo para que ninguén mire cara min. Se miran, ven o pantalón cheo de porcallada. Se puidera cantar, a nai sabería que estaba dentro, pero ao non poder... trémeme o corpo, súo de angustia. Afogo. Desmaio e o ruído no banco fai volver as cabezas. Deixo de pensar nas manchas do pantalón.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Mércores, 5 de setembro de 2012

MESTURA PERFECTA



              Leite de vaca con mexo de burra, mestura perfecta para unha cura. Máis ou menos. A cuestión era que rimase. Ao mellor a tal mestura si é boa para unha cura de humildade. Hai xente que é moi presuntuosa. Ou moi estúpida. Pero tamén a hai que fai de betadine ou curocromo, que che cura as feridas, incluso a aqueles que se tiran aos toxos. Coñezo a dous amigos que o curocromo consistiu en dous cigarros por tirarse aos toxos. Cousas de rapaces! Leite de burra con mexo de vaca, mestura perfecta para apegar unhas placas. Unhas placas que resgarden ese corazón podre, corrompido de tanto actuar coma un político. Hoxe non toca meterse cos políticos.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Mércores, 5 de setembro de 2012

jueves, 6 de septiembre de 2012

QUEN...



              Lume no arame de espiño. Sol na crista dun galo. Rodan os coios brancos polo barranco de Barricobos. Quen lle ten medo ao balanceo dun bambán? Chouta o sapo sobre a cova do grilo e unha rula voa ao longo do río. Queda o silencio deitado no ruxerruxe da auga e penetra unha estrela fugaz por entre os piornos do Outeiro Miau. Quen lle canta a un gaio nunha tarde de treboada? O rapaz mide o perímetro da circunferencia e a nai resolve a área do círculo. (“Cosa más fácil / ¡válgame Dios!/ área del círculo / pi erre dos” π x r²). Tocan a morto as campás da igrexa parroquial e unha procesión de formigas atravesa o camiño da Cavada. Quen corre detrás do cabalo de ferro cando pasa pola estación de Baños de Molgas? Queda o silencio en silencio.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Martes, 4 de setembro de 2012

AS NUBES DE COR GRIS



              Estou pensando que cando a nube negra pasa por enriba da de cor branca é porque a chuvia se traslada ao hemisferio de máis alá da fronteira. Con iso basta. Non me importa saber en qué país vai caer, qué planeta vai anegar, que vai alagar. Hai planetas que brillan pola súa ausencia. Certo, non brillan porque non están. Os que non están foi porque unha nube de cor gris pasou a tan só 104 quilómetros de distancia. Esa pequena distancia foi a causante de que eses planetas que non están, non estean. Sempre oín que as nubes de cor gris absorben os ruxerruxes das chuvias que ameazan o firmamento. Ante estes acontecementos, creo que as nubes de cor gris obnubiláronme a cabeza.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Martes, 4 de setembro de 2012

miércoles, 5 de septiembre de 2012

45, 5 E 6



              Xa sei que aconteceu hai tempo (en concreto, o día 1 de xullo), pero a noticia e o vídeo que vin deixoume tan trastornado que me prometín que escribiría sobre iso, pero que o faría máis tarde, coa cabeza fría, para non deixarme influenciar polas imaxes en quente. Non obstante, cada vez que o penso, alporízaseme o entendemento. Un home coas facultades mentais bastante minguadas, recibiu 46 tiros de pistola en 5 segundos efectuados por 6 axentes da policía de Detroit. Resumindo: 46 tiros, 5 segundos, 6 axentes. A un home diminuído que tan só portaba un coitelo. E xa para rematar: aos axentes asignáronlles outras operacións mentres se revisa a súa actuación. Que teñen que revisar se a maldade, a descomunalidade da acción gravouse en vídeo? Como dixo máis tarde a nai do falecido: non lle chegaba con un tiro? Sen máis comentarios.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Martes, 4 de setembro de 2012

OS ESFORZADOS DA RUTA



              Que animalada! A etapa raíña da Vuelta Ciclista a España. A subida ao Cuitu Negru. Como chegou o ciclista italiano Cataldo! Coa boca aberta. Imaxino que buscaba desesperadamente aire, osíxeno. E como se pode acelerar da maneira en que aceleraba Contador! E como se pode ter ese aguante na resposta de Purito Rodríguez! Un atacaba. O outro respondía. Ao final; o cazador, cazado. E en desniveis de ata un 24%. Que animalada! Como non vai gustar o ciclismo! Que gozada ver a etapa! Como non vou defender este deporte! É normal que o poña incluso por enriba do fútbol. Si, vexo máis fútbol porque o proxectan máis. Pero onde se atopen os esforzados da ruta que se quiten os malabaristas do balón. E aínda queda máis montaña! A conquistala aínda que sexa sen folgos!

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Martes, 4 de setembro de 2012

martes, 4 de septiembre de 2012

A MALA CAÍDA



              Cando Augusto Luis Sotillo se quixo sentar nunha cadeira do bar que estaba na rúa principal da aldea, Luciano Suárez, nun rápido movemento, quitoulle a cadeira e o seu amigo foi dar cos ósos do cu no chan. Era seu amigo e gastábanse bromas coma esa moi a miúdo. Pero por esta vez, a broma foi un pouco máis alá, xa que Augusto Luis Sotillo pegou un berro descomunal e non conseguía erguerse. Axiña asomou o sangue por debaixo do seu traseiro. Luciano Suárez non daba creto; dunha simple caída non podía saír ese sangue. Pero pola mañá, Augusto Luis manipulara nunha navalla que tiña e metéraa aberta no peto de atrás do pantalón. Agora tíñaa espetada no cu. Tras o primeiro susto, as gargalladas dos clientes invadiron o local. Augusto Luis Sotillo rosmou e aí acabou a broma.

              Cafetaría do pavillón Paco Paz de Ourense. Luns, 3 de setembro de 2012

MONO DE TRASFEGA



              Esbardallando moitas veces pola trasfega das actividades extraescolares e deportivas dos rapaces ao telos que levar de aquí para alá, do baloncesto ao kung fu, deste a aquel, e resulta que agora, aos dous meses e pico, teño mono de todo iso. Cómo botei de menos o baloncesto de Xoel!, máis co kung fu de Alán, porque este ía moitas veces só por aquilo de estar preto da casa. Cómo botei de menos os partidos de un e os campionatos do outro! E digo botei porque... por fin!, a trasfega, o baqueteo, o movemento volveu. Sempre me gustou a ansiedade, o estrés, o espírito, o nervio; e a partir de agora andarei a cen: baloncesto (os dous e en distinta categoría), kung fu, viña... Por fin volveron as présas. Por fin rematou o mono da trasfega.

              Cafetaría do pavillón Paco Paz de Ourense. Luns, 3 de setembro de 2012

sábado, 1 de septiembre de 2012

CANSADO DA TRAPALLADA ECONÓMICA



              Nos últimos anos buscar novas semanais que destaquen abondo, empezo a recoñecer que é bastante complicado, porque todo se volve a un tema que sempre recoñecín que non domino ben: a economía. E xa teño contado aquí que me cansa, que incluso no coche adoito poñer as casetes antes de seguir escoitando toda a trapallada da crise. E seguimos nesas. Por exemplo, nesta semana que nos acaba de deixar non se falou doutra cousa que non fose a subida do IVE. Menos mal que apareceu por aí o señor Feijóo comunicando que se adiantaban as eleccións. Pero resulta que como é un señor que non me cae nada ben, que pertence a un partido que non soporto, pois sigo sen poder “saborear” unha nova que me encha. Entón, fóra desas dúas noticias que “paso” un chisco delas, só me quedan as deportivas: a Volta Ciclista a España, por aquilo de que pasou pola nosa terra; a contundente vitoria do Atlético Madrid sobre o Chelsea, cun Falcao que rebenta as porterías e, a que máis me alegrou de todas, a designación de mellor xogador de Europa ao meu admirado Andresiño Iniesta. Díxeno sempre; nin Messi, nin Cristiano Ronaldo, nin gaitas… Iniesta é o mellorciño do mundo mundial.

              Finca Fierro. Sábado, 1 de setembro de 2012