domingo, 31 de mayo de 2026

A MISTERIOSA INCLINACIÓN


Levo uns días coa impresión de que me estou inclinando cara ó lado esquerdo. E non estou falando de política, senón de cuestións físicas. Noto como todo o corpo se me torce e como tanto o pé como a perna esquerda empezan a protestar.

O primeiro día non lle dei moita importancia porque pensei que se me debilitaran algúns músculos; pero ó segundo xa comecei a preocuparme, precisamente porque non me doía nada. Algo raro estaba pasando.

Ó terceiro día, vendo que o asunto persistía, pedín cita médica. Mesmo pensei que, se a inclinación seguía facendo das súas, o día da visita terían que levarme en padiola, porque me deron a cita para dentro duns meses.


Fose como fose, o asunto xa pasaba de castaño escuro. Cada vez me ladeaba máis. Ladeaba de tal maneira que, falando claro, xa andaba torcido. Non tardei en botar man dun bastón, dun caxato que meu pai me deixara en herdanza, para evitar caer definitivamente.

O máis curioso ou estrambótico do caso foi que axiña descubrín que todo o mundo se torcera cara a un lado. Non era, daquela, un defecto físico meu, por moito que eu sexa, fisicamente, un espantallo.

Ó pouco empezou a correr o rumor de que non sei que lle pasara ó eixe da Terra e de que non tardariamos en caer do planeta ó espazo. Víaselle á xente máis que preocupación, incluso co terror xa debuxado no rostro.

Eu, en cambio, estaba do máis tranquilo. Se aquilo acaba sendo certo, sería a mellor forma de viaxar polo Universo, deica o infinito e máis alá. Co que me gusta a min o espazo sideral, estelar...


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 29 de maio de 2026

sábado, 30 de mayo de 2026

BUGALLAL, MÁIS ALÁ DOS BUGALLOS

 

Ó principio, unhas veces chamabámoslle a carreira da Cavada e, outras, a carreira dos Agros. Máis tarde, vimos gravado nunha pedra dunha palleira o nome de rúa Bugallal. E, por inercia, tal nome mandábanos ós bugallos dos carballos. Agora, xa sei que realmente o nome desa rúa de Baños de Molgas déuselle en honor a un tal Gabino Bugallal. Quen foi realmente Bugallal para merecer tal distinción?


Gabino Bugallal Araújo foi unha das figuras políticas galegas máis influentes da Restauración. Nado en Ponteareas o 19 de febreiro de 1861, formouse en Dereito nas universidades de Santiago de Compostela e Salamanca, iniciando moi novo unha carreira política que o levaría aos máis altos cargos do Estado. Deputado por Galicia durante décadas, converteuse nun dos principais dirixentes do Partido Conservador e nun home de absoluta confianza de Eduardo Dato.


A súa traxectoria foi excepcionalmente longa e destacada. Con apenas 25 anos xa ocupaba escano no Congreso dos Deputados. Ó longo da súa vida pública desempeñou diversas responsabilidades ministeriais, chegando a ser ministro de Instrución Pública, de Facenda, de Graza e Xustiza, de Gobernación e de Economía Nacional. Tamén presidiu o Congreso dos Deputados, converténdose nun dos políticos máis poderosos da España da súa época.

En marzo de 1921, tras o asasinato do presidente Eduardo Dato, asumiu de maneira interina a Presidencia do Consello de Ministros, exercendo durante uns días como xefe do Goberno español. Aínda que o seu mandato foi breve, aquel feito constitúe o punto culminante dunha carreira política que se estendeu durante máis de corenta anos.


Como ocorre con moitos personaxes históricos, a súa figura non está exenta de controversia. Durante os anos de forte conflitividade social mostrou posicións moi conservadoras e apoiou medidas de orde pública que recibiron críticas por parte dos seus adversarios políticos; a maiores de herdar, familiarmente, unha rede clientelista propia que fortaleceu mediante o intercambio de favores, as recomendacións, o padroádego persoal e a manipulación das eleccións. O “bugallalismo” demostrou ter unha gran forza na provincia de Ourense. Onde se non...

Monárquico convencido, mantivo a súa lealdade a Afonso XIII ata a proclamación da Segunda República. Non tardou entón en exiliarse a París, onde faleceu o 31 de maio de 1932, fixo onte 94 anos.



Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 30 de maio de 2026

viernes, 29 de mayo de 2026

O SABOR DA MELANCOLÍA


Matei o silencio cun berro. Resucitei fotos agochadas e babexei polas corredoiras do desexo. Subín á Perla Negra e naveguei polos mares e océanos da melancolía. A melancolía é o pracer de estar triste, dicía Víctor Hugo. Aínda que non estou triste, a nostalxia ás veces é unha hostia que hai que comer crúa. Menos mal que, como a oblea, deixa un sabor doce na boca.

Despois do berro volveu o silencio. Porque certas fotos deixan a un mudo, pampo, perplexo, atónito; pero tamén bailando sobre a ilusión dunha fantasía ou sobre a rutina dunha esperanza. E se se perde a esperanza, entón si que estamos perdidos de verdade.


Pero aquí sigo, sobre a Perla Negra, intentando recuperar o tempo e buscándome polos recunchos dos espellos. Eses espellos nos que se reflicten as ansias por medio das pingas de orballo que esvaran pola pel branca dunha aventura en tres dimensións. Ás veces, o pasado semella un porto afastado ó que nunca se regresa de todo. Outras veces é unha ferida pequena que continúa latexando en silencio.

Máis tarde, con pachorra, deixarei que a vida sexa tan só un latexo eterno.

Entre o silencio e o berro hai un lapso, un suspiro, un segundo que na memoria se fai eterno. Tempo para debuxar unha fantasía coa música de fondo de Vangelis ou co “Love Me Tender” de Elvis Presley. Entre o silencio e o berro chouta a memoria na procura de instantáneas brillantes, fermosas e cobizosas, coma se o tempo puidese deterse un intre entre os dedos.

Chego a porto, deixo a Perla Negra e métome polas carrilleiras do poema. Ese poema que se debuxa nun espello para reflectir un corpo cheo de poesía. E mentres a noite cae sobre a cuberta, comprendo que hai silencios que tamén saben abrazar.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 28 de maio de 2026

Finca Fierro. Barbadás. Xoves, 28 de maio de 2026

jueves, 28 de mayo de 2026

O ESTRAÑO CASO DO DÍA INTERMINABLE


Ultimamente estanme deixando pegada os libros que leo. A un de Julio Llamazares xa lle dediquei dous Pingas e agora tamén vou co segundo sobre a novela de José Pinto Carneiro, “O estraño caso da rapazola que entrou polo meu despacho adiante”.

Resulta que eu tamén vivín o estraño caso do día que empezara e non acababa nunca. Iso dicía eu cando levaba dúas semanas e media vendo que non se facía de noite. A min, aquilo xa me traía pola rúa da melancolía, digo da amargura. Si, porque para máis aquel, eu nin durmía nin intentaba durmir. Nunca me gustou durmir de día.


Por culpa de non durmir, e ademais de ter a cabeza coma un bombo, xa tiña os ollos inchadísimos. Tan inchados que mesmo me custaba un mundo ver por eles. Unha cousa é comprobar que non chega a noite durante dous ou tres días, pero xa durante dúas semanas e pico...

Non me quedou outra que intentar saber de verdade que carallo estaba a pasar. Botei man das primeiras persoas coas que me atopei para saber se a eles lles sucedía o mesmo ou era o meu cerebro o que xa non regulaba ben e, cando lles fixen a pregunta de por que raio non se facía de noite, ríronse na miña cara e nin ousaron contestarme. O estraño caso pintaba mal, tan mal coma o da novela do autor portugués.

Foron os seguintes paisanos os que me espetaron de súpeto que estabamos no Círculo Polar Ártico. Quedei coa boca aberta e sen reacción. Que pintaba eu naquel lugar? Como chegara ata alí? Ah, o estraño caso dun caso ben estraño.


Café Brétema. A Valenzá. Mércores, 27 de maio de 2026

miércoles, 27 de mayo de 2026

O ESTRAÑO CASO DUNHA NOVELA CURTA QUE SE FAI LONGA


O outro día, unha amiga deixoume tres libros que acababa de mercar nunha libraría de segunda man. Xa máis dunha vez me confesara que tiña os seus propios métodos para escoller lecturas: pola portada, polo título, por algo que lle chamase a atención e mesmo por pura intuición. Penso que moitos á marxe daqueles autores que coñecemos de sobra seguimos tamén algún deses criterios. Eu, por exemplo, engadiría outro: o volume. Sempre me tentaron os voluminosos, quizais porque me gusta pensar que me van acompañar durante máis tempo.

Un dos que me deixou vese ás leguas que o escolleu polo título: “O estraño caso da rapazola que entrou polo meu despacho adiante”, novela que o escritor portugués José Pinto Carneiro publicou en 1995.


O libro é curtiño 191 páxinas e, malia a contar con algúns parágrafos bastante longos, lese con facilidade. E menos mal que é curto, porque, sinceramente, fóra do propio título que si resulta rechamante—, pouco máis ten. Ademais, como o propio autor nos vai advertindo ou recoñecendo continuamente que na vida real non suceden as cousas que lles pasan ós protagonistas das películas, non fai falta ser moi listo para decatarse de que está a reproducir, ó pé da letra, todos os tópicos do cinema de detectives, gánsteres e policías.

Ó principio, a maneira de narrar de José Pinto mesmo consegue arrincar algún sorriso... ata que esa mesma fórmula empeza a cansar, e cansa, e cansa, e un acaba desexando chegar á última páxina, agradecendo polo camiño que o libro teña só 191. Iso si, nunha cousa estou totalmente de acordo coa miña amiga: o mellor da novela é o título.


Finca Fierro. Barbadás. Mércores, 27 de maio de 2026

domingo, 24 de mayo de 2026

A VERTIXE DO DESEXO


Asoma a vertixe do seu peito e a felicidade consiste en ir máis alá dun latexo compartido. El baixa amodiño, percorrendo coa ansia da súa lingua e cos seus bicos os camiños que levan á lagoa do desexo.

Ela pensa que hai 69 formas de alcanzar o paraíso: desde unha cadeira resistente ós ímpetos da dita ata a reforma estrutural dunha ducha para descubrir realmente o que é bo, para saber o que vale un peite.

Os dous cren, saben, imaxinan e desexan que o gozo vaia moito máis alá do deleite e do pracer; porque, como dicía aquel, hai que vivir, que son dous días. E viven baixo as imaxes fotográficas dos anhelos, dos devezos, das ilusións e dos soños.


Asoma tamén a vertixe da zona prohibida, onde cada salouco é unha esperanza, cada mirada unha aventura e cada xesto, cada feito un futuro orgasmo de ilusión. Sempre se dixo que o prohibido é o máis tentador.

El quere mesturar agora a fermosura cos versos, os versos cos anhelos e as ilusións coa almofada dos soños. Ela quere vivir a fantasía das formas e das posturas, deixando que as ansias sigan ó ritmo dos seus latexos. Os dous senten as palpitacións dos soños. Como dicía aquel outro: soñar é bonito, pero soñar esperto aínda o é máis.

Asoma a vertixe das imaxes e o tempo queda estancado para que a realidade amose a fermosura dun peito e o niño do desexo. Agora, que el baile un twist sobre o embigo do mundo e que ela siga o ritmo dunha das 69 posturas. E que rebente o mundo.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Sábado, 23 de maio de 2026

Finca Fierro. Barbadás. Domingo, 24 de maio de 2026

sábado, 23 de mayo de 2026

ENTRE A FORZA E O MURO


O 25 de maio é unha data sinalada para a cultura popular contemporánea. Nese día coinciden dous fitos fundamentais da historia do cinema e da música: a estrea de “Star Wars” en 1977 e a chegada ás pantallas de “Pink Floyd: The Wall” en 1982. Dúas obras distintas, pero xunguidas pola súa enorme influencia artística e social.

O 25 de maio de 1977 estreouse a película “Star Wars”, dirixida por George Lucas. Co paso do tempo, a obra sería rebautizada como “Star Wars: Episodio IV – Unha nova esperanza”, para encaixar mellor na saga galáctica creada polo director estadounidense. A película revolucionou o cinema de ciencia ficción grazas ós seus efectos especiais, á súa banda sonora e á construción dun universo narrativo completamente novo.


Antes de “Star Wars”, a ciencia ficción cinematográfica era vista moitas veces como un xénero menor. Mais a obra de Lucas mudou esa percepción. O público quedou fascinado polas aventuras de Luke Skywalker, a princesa Leia, Han Solo e Darth Vader. A mestura de mitoloxía clásica, tecnoloxía futurista e loita entre o ben e o mal converteu a película nun fenómeno mundial.

Cinco anos despois, tamén un 25 de maio, estreouse “Pink Floyd – The Wall”, baseada no álbum “The Wall” do grupo Pink Floyd. O filme dirixiuno Alan Parker e contou coa participación musical e conceptual de Roger Waters.

Se “Star Wars” representaba a aventura e a esperanza, “The Wall” mergullábase nun universo moito máis escuro e introspectivo. A obra explora o illamento emocional, os traumas da infancia e a alienación provocada pola fama e pola sociedade moderna. O protagonista constrúe simbolicamente un muro arredor da súa mente para protexerse do sufrimento.


A película destacou pola súa estética asombrosa, combinando acción real con animacións surrealistas creadas por Gerald Scarfe. Cancións como “Another Brick in the Wall” ou “Comfortably Numb” convertéronse en himnos xeracionais.

Ambas obras marcaron profundamente a cultura contemporánea. “Star Wars” abriu o camiño ás grandes sagas comerciais e ó cinema espectáculo moderno. “Pink Floyd – The Wall”, pola súa banda, consolidou a relación entre música rock e linguaxe cinematográfica experimental.

Aínda hoxe, décadas despois, estas creacións continúan influíndo en músicos, cineastas e espectadores de todo o mundo. Un 25 de maio prolífico.



Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 23 de maio de 2026

O AFOGO DA TARDE


Respiro. Respiro como podo. A sufocación, o afogo son tremendos. A problemática da escritura comeza xa no momento de tomar o café da tarde: que a suor do brazo dereito empapa o papel. E non serve de nada secar o brazo; a suor brota de novo, agroma, volve.

Volverán as escuras andoriñas / no teu balcón os seus niños a colgar, / e outra vez coa á ós teus cristais / xogando chamarán. Versos de Gustavo Adolfo Bécquer na voz de Nacha Guevara.

As andoriñas. Xa non sei se quedan tantas como antes. Intúo que non. De rapaz fascinábame aquel paxariño: polos seus niños e polos lugares onde os facía, tan próximos, tan familiares. Debaixo dos balcóns, á beira das ventás, mesmo dentro das cortes. A andoriña: o seu voo, a súa beleza. “Andoriña nova que voou”, cantaba Juan Pardo.


Pardo é a cor da terra ou das follas secas: un ton entre amarelo e negro, cun matiz tirando a vermello. Pardo tamén designa, en América, a mestizaxe: os descendentes de africanos escravizados mesturados con europeos e indíxenas, unha xente que non era considerada nin mestiza nin mulata.

Mulata. Hoxe en día moitos colectivos consideran o termo ofensivo ou racista. Argumentan que reduce a ascendencia afrodescendente a unha idea de “animalización” e hibridación.

Hibridación. Cruzamento entre especies ou variedades distintas para dar lugar a un híbrido. Como híbrido é este tempo: unha mestura de nubes e sol que desemboca nun bochorno, nunha fogaxe absoluta. Pero hai que seguir; hai que seguir con este afogo. Seguimos camiño por este serán sufocante, abafador.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 22 de maio de 2026

miércoles, 20 de mayo de 2026

TAN SÓ QUERO SABER


Deixoume unha fonda pegada o libro de Julio Llamazares, “El viaje de mi padre”. Cada vez estou máis convencido de que o meu pai fixo practicamente o mesmo percorrido co seu cando o alistaron para participar na gran masacre española de 1936. Seguro que estivo na División 83 do Corpo do Exército de Galicia, baixo as ordes do xeneral Antonio Aranda Mata.

Por medio de Internet quixen investigar algo máis, pero todo son atrancos, estorbos e dificultades. Semella que certas investigacións pertencen unicamente ó reino dos entendidos, dos especialistas, dos historiadores. Os pasos do pai dun cidadán de a pé non parecen merecentes de seren seguidos por calquera, nin sequera por un familiar.


Entendo que, cando todos os arquivos e datos estaban en papel, se protexesen das manipulacións xerais; pero agora, nesta era dixital na que todo parece estar na rede, non comprendo a razón de tantas prohibicións para determinadas consultas ou seguimentos. Eu tan só quero saber se o meu pai pertenceu a esa División ou non, se pasou por certos lugares ou non, se participou en batallas ou non. Non teño intención de manipular nada nin de cambiar a historia. Simplemente quero saber.

Hoxe en día, todos os organismos públicos deberían ofrecer máis facilidades, polo menos as consultas e mesmo para certos trámites. Tan só queremos saber; que non queremos xogar ós dados coa historia. E moito menos cun acontecemento que nos marcou tanto como sociedade e como familias.

Non obstante, seguirei dálle que dálle para descubrir o que antes non souben nin me preocupei de preguntarlle ó meu pai. E arrepíntome. Como tamén se arrepentía Llamazares.


Café Brétema. A Valenzá. Mércores, 20 de maio de 2026

lunes, 18 de mayo de 2026

A SOIDADE DA FERVENZA DO GORGUA


Transcorridas xa corenta e oito horas exactas dunha nova andaina chitoliana, aínda sigo abraiado pola ousadía, o atrevemento e a afouteza da aventura. E non por perigosa, nin por longa, nin sequera por dificultosa, senón por... por solitaria, si. E, aínda que pareza incrible, tamén por silenciosa, malia o continuo bruído do río Gorgua.

No momento en que percorrín a fervenza do río Gorgua non sentín outra cousa que calma; non vin outra cousa que beleza, nin pensei na súa suposta “perigosidade”. É agora cando caio na conta da animalada, da auténtica burrada que cometín: completamente só, por un pequeno carreiro perdido nunha carballeira espesa, sen unha alma en todo o percorrido. Só, só, só. Mesmo, máis tarde, unha veciña de Padrenda amosou o seu asombro ó saber que me metera só por aquel monte, por aquela fraga.


Porén, a realidade foi é segue sendo a dunha fervenza marabillosa, espectacular precisamente polo río tan encaixado e polo bosque pechado: nin un maldito claro, nin un descampado. Tan só o continuo murmurio, o ruxerruxe das augas rápidas rachando ese silencio, esa soidade. Pequenas cascadas cada pouco, presas aquí e acolá, vairas cada cinco ou dez metros, restos de muíños e escaleiras de pedra que facían máis levadías as subidas. Musgo. Musgo por todas partes. Todo cuberto de musgo.

Hai que repetir a experiencia, pero desta volta acompañado. Esa fervenza merece a pena facela completa. Aínda que, iso si, cunha pequena indicación: que o concello de Padrenda a sinalice un pouco mellor, polo menos no punto onde adoita comezar o percorrido, en Freáns, xusto nunha área recreativa situada no lado de abaixo da ponte que cruza o río Gorgua. Por que despois, iso si, o carreiro xa non ten perda ningunha.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Sábado, 16 de maio de 2026

sábado, 16 de mayo de 2026

O LÍDER INCA QUE ESPAÑA QUIXO BORRAR


No corazón dos Andes, cando o século XVIII chegaba ó seu fin, ergueuse unha voz que fixo tremer o poder colonial español en América. Esa voz pertencía a Túpac Amaru II, descendente da antiga nobreza incaica e herdeiro simbólico da memoria do último emperador de Vilcabamba executado polos españois dous séculos antes.

Túpac Amaru II non foi un aventureiro nin un bandoleiro, como o retrataron durante moito tempo os cronistas da coroa. Foi un home culto, comerciante, cacique de Tungasuca e coñecedor das leis do imperio español. Durante anos intentou reclamar reformas para aliviar a explotación dos pobos indíxenas: os abusos da mita (traballo obrigatorio), os impostos insoportables e a violencia dos corrixidores. Mais Madrid estaba demasiado lonxe dos Andes, e os seus representantes demasiado cegos pola cobiza.


En novembro de 1780 iniciou a gran rebelión. Capturou e executou o corrixidor Antonio de Arriaga, símbolo da opresión colonial, e chamou á insurrección de indíxenas, mestizos e crioulos. O movemento espallouse rapidamente polo sur do Perú e Bolivia. Milleiros de homes e mulleres vían nel non só un rebelde, senón a esperanza dun mundo distinto, máis xusto e menos humillante.

As autoridades españolas reaccionaron con brutalidade. O medo a unha gran revolta indíxena levou á coroa a organizar unha represión exemplar. Tras meses de combates, traizóns e persecucións, Túpac Amaru II foi capturado xunto á súa familia.

O 18 de maio de 1871, na praza de Cuzco, produciuse unha das escenas máis atroces da historia colonial americana. Primeiro obrigárono a presenciar a tortura e morte da súa muller. Despois executaron os seus fillos e colaboradores máis próximos. Querían destruílo física e moralmente diante do seu pobo.

Finalmente chegou a súa quenda. Intentaron despezalo atando os seus brazos e pernas a catro cabalos que tiraban en direccións opostas. Mais o corpo resistía. Os cronistas contan que os cabalos non lograban escangallar aquel home derrotado pero aínda desafiante. Entón os verdugos decidiron decapitalo e rematar a desfeita manualmente. As partes do seu corpo enviáronse a distintas vilas como advertencia para quen soñase con rebelarse contra o dominio español.

A discusión actual sobre a conquista e colonización de América adoita dividirse entre quen fala de descubrimento e quen fala de exterminio. Figuras como Túpac Amaru II lembran que a historia real é máis fonda e máis dolorosa. Porque 245 anos despois desa atrocidade, segue viva a pregunta que percorre os Andes desde aquela mañá: canto sangue custou construír o imperio español en América?



Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 16 de maio de 2026

viernes, 15 de mayo de 2026

A GUERRA QUE NON SOUBEN ESCOITAR


Sento na terraza do café despois de vir lendo polo paseo do río dos Muíños. Sento para tomar café e para escribir algo. Escribo sobre a guerra do pai de Julio Llamazares, que tamén é, dalgún xeito, a guerra do meu pai.

“Como sucede sempre, cando meu pai me contaba estas historias sobre a Guerra Civil española eu non lle facía moito caso e agora arrepíntome diso”, di o autor no seu libro “El viaje de mi padre”. Exactamente o que me pasou e me pasa a min: non lle prestaba demasiada atención ó meu pai e agora daría un mundo por saber máis.


Penso que este libro me descubrirá aquilo ó que eu lle fixen oídos xordos cando meu pai falaba da contenda. Dáse, ademais, a coincidencia de que o meu proxenitor andou, máis ou menos, polos mesmos lugares ca o pai de Llamazares: Teruel, o Ebro e o Levante español. Agora mesmo dáseme por pensar que mesmo puideron coincidir en algún momento os nosos pais.

Do meu pai sei con certeza dúas anécdotas, dous momentos nos que o pasou realmente mal na fronte: unha vez en que se perdeu na néboa e acabou topando co inimigo Llamazares fala no seu libro de moita néboa e de moitísimo frío, e outra na que lle ofreceu un carneiro á virxe dos Milagres se conseguía non cruzar un río (o Ebro?) no que estaban a liquidar cada soldado que tentaba atravesalo a nado. Xusto cando lle tocaba cruzar ó soldado que estaba diante del, chegou a contraorde: o río cruzaríase por outro lado.

Os pobos que nomea Julio Llamazares son pobos que tamén nomeaba meu pai, pero ós que eu daquela non lles daba importancia. Agora arrepíntome; menos mal que o libro me axuda a imaxinar.


Café Brétema. A Valenzá. Mércores, 13 de maio de 2026