domingo, 8 de octubre de 2023

CATRO BERROS E DÚAS LABAZADAS

 

Resolvín o asunto con catro berros e dúas labazadas. Ó asasino que me quixo asasinar. Desde un primeiro momento intuín algo a situación: cando o vin agachado detrás dunhas toxeiras dos Currás. Claro que, naquel momento, non imaxinaba para nada o que ía suceder. Porque non coñecía ó tipiño de nada. Simplemente notei que me miraba fixamente e de mala maneira. Pero non lle dei moita importancia.

Non obstante, si me empecei a preocupar cando atravesei a ponte das Cabras. Déuseme por mirar para atrás e vino de novo agachado entre uns piornos de Detrás das Poulas. Foi a partir de aí cando empecei a tomar medidas, é dicir, poñer pé no asunto. Como que, en vez de seguir pola Pitediña cara á Baños de Molgas, botei a correr pola pista que vai polas Lagoas e os Piuales. No Formigueiro escondín detrás dun castiñeiro e non tardou en aparecer. “Uuuiii, que carallo”, exclamei.


Como aquilo xa pasaba de castaño escuro, optei polo que el menos se esperaba: que baixei correndo do Formigueiro y fíxenlle fronte. É dicir, lanceille catro berros e solteille dúas labazadas. Pedinlle ó momento explicacións. Non tardou en agachar a cabeza e confesar que se confundira. Que eu non era a vítima que el buscaba. Tampouco quixen saber máis. Cada un que resolva os seus asuntos como lle conveña. Eu fíxeno con catro berros e dúas labazadas que me libraron do asasino que me quixo asasinar.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 26 de setembro de 2023

sábado, 7 de octubre de 2023

DETRÁS... ESTÁN ELES


Non chegaba cunha guerra que aínda segue (a de Ucraína) e xa temos a de Israel enriba que, a ver cando remata. Non obstante, esta dáme que será rápida, moi rápida. Por eses lares a ver quen lle rosma, quen lle refunga ó fillo putativo de Estados Unidos. As guerras, con razón ou sen razón, amosan a hipocrisía e covardía do ser humano, porque adoitan declaralas aqueles que non porán un pé no campo de batalla; e os que sairán perdendo serán sempre os que non saben de que vai o asunto, os inocentes e, en concreto, os nenos. As guerras ensinan tamén que o ser humano non ten remedio, que, ás veces, por unha mexericada de nada, arman un batifondo, un desencravo que sempre remata no peor. Despois, co paso do tempo, seguro que nos arrepentiremos, mais, como dicía aquel: agora é tarde, Rosa.


Como tarde foi o cumprimento da orde de peche desas dúas discotecas de Murcia. Seica desde xaneiro do ano pasado existía tal orde á que non se lle fixo caso ningún e pasou o que pasou. Agora andan uns e outros intentando esquivar, eludir responsabilidades, ou sexa, o de sempre: botándolle a culpa ó chachachá. E as familias das vítimas esperando e confiando que a xustiza resolva. A xustiza? É un dicir, claro. Porque cando resolva...


Detrás das guerras están os políticos. Detrás das leis están os políticos. E os políticos da Unión Europea estiveron estes días en Granada para falar de pactos migratorios e de asilo. Os países queren e intentan endurecer as súas fronteiras, pero como di a periodista Ana Fuentes: “canto máis se pechen as fronteiras, máis diñeiro ganan as mafias, porque os inmigrantes e refuxiados seguirán chegando”. Os que chegan, claro. Moitos morren no deserto. Ou de frío. Ou, como non, por disparos, a tiros. As vítimas que traga o mar... desas xa é mellor non falar. O peor de todo é que, eles, saben como poden acabar e, non obstante, seguen e seguen pasando calamidades, deixando o pouco que teñen, a pel e a vida nesas mafias ás que lles importa un carallo que os pobres cheguen ou non cheguen ó seu destino. Como deberán estar nos seus lugares de orixe para lanzarse a unha carreira que saben que, ó mellor, non ten meta.


Nas guerras, a xente morre polas ansias de poder duns e doutros. Na migración, a xente morre por buscarse a vida. Pena de ironía!


Finca Fierro (Barbadás). Sábado, 7 de outubro de 2023

viernes, 6 de octubre de 2023

GAVELAS DE TOXOS


Xusto cando acabei de xantar petaron na porta da miña casa. Era a parella da garda civil. Levei un susto do demo. Case se me soben arriba todos os garavanzos que acababa de comer. Non obstante, presentáronse de boa maneira e dixéronme ó instante a que viñan. Que a ver se me comportaba ben. Que os veciños estaban a queixarse de que todas as mañás, ó pé das portas das súas casas, aparecían gavelas de toxos que dificultaban as súas saídas.


Eu, claro está, intentei negar os feitos. Asegurando que todos os toxos que collía eran para a corte e máis o cortello. Os gardas sorriron e amosáronme un vídeo por un móbil no que se me vía como deixaba gavelas nas portas do Efrén, O Arrepentido, e de Eustaquio, O Neboeiro. Como se adoita dicir, pilláronme coas mans na masa. Aínda que eu seguín intentando disimular o asunto: que o vídeo non se vía ben, que ó ser de noite podía ser calquera, que os veciños sempre me miraban mal, etc.

A garda civil armouse de paciencia e aconselloume que non o fixera máis. Ó final acabei confesando que me gustaban os toxos e que amaba a flor do toxo porque era bonita de carallo. E como me gustaba a min tamén quería que lle gustara a todo o mundo. Con outros cantos consellos máis, a garda civil marchou e eu fun para a cama botar unha sesta e soñar coa flor do toxo.

Por certo, son Olegario, O Sabugueiro, fillo do Evencio, O Aguilladas, e da Filomena, A Carracha. Son bo home pero gústanme os toxos. Mais, non pico. Iso si, pola noite, deixei gavelas en catro portas máis.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 25 de setembro de 2023

miércoles, 4 de octubre de 2023

TOCAR POR UNS E POR OUTROS


Subín ás teclas dun acordeón e toquei un requiescat in pace polos que temos que marchar. Marchar ó máis alá. A onde, se non? Aquí non queda ninguén. O tema saíume desastroso, horrible porque eu non quero marchar. Son inmortal. Ante min pasarán coma lóstregos todos os que están á miña beira.


Xa sei que todo é unha quimera, pero as teclas do piano anuncian unha resurrección bíblica; aquela daquel Lázaro que, logo dun días dixo: aquí estou de novo. E marchou todo tranquilo a cear unha cunca de caldo. Ó mellor era de grelos. É igual; el ceou ben.

Coas cordas da guitarra quixen tocar unha consagración mística, pero o tema saíu coma o rosario da aurora; por culpa dunha corda que rompeu. Xa non me quedaban instrumentos que tocar. Tiven que cantar a pelo, a capela un responso polos que xa nos deixaron. Que foron moitos. Non obstante, nunca pensei que acabaría tan axiña en dicir un amén. Acabei nun alustro porque son moi rápido cuspindo kirieleison, kristieleison.

Saín do cemiterio asubiando aquel tema que compuxeran os catro evanxelistas, no que falaban daqueles galegos que tiveran que emigrar para chantar, espetar na lúa unha bandeira azul e branca. Axiña empezou a polémica: Mateo só quería falar en galego, Marcos quería ser bilingüe, Lucas non dicía hoste nin moste e Xoán mandou ós tres ó carallo. Quedei pensando que a mellor solución era recoller os trebellos e dedicarme tan só á acordeón. Toquei polos que aínda estamos aquí.


Café Tarona. A Valenzá. Domingo, 24 de setembro de 2023

martes, 3 de octubre de 2023

QUEDO CALADO


Quedo calado e deixo que o río pase. Non son quen de formar unha presa. Tampouco quero. Para que? O río debe ter a súa liberdade. Coma calquera ser humano. O de liberdade no ser humano é un dicir. Moitos estamos e somos prisioneiros de algo. Dunha aloucada, dun latexo, dun salaio, dun esperpento, mesmo dun ruxerruxe ou dixomedíxome.


Din que a liberdade ten un prezo. Si, ás veces, demasiado caro. Pouquiñas veces é barata. A liberdade é unha cadea que racha, un zulo que estoura, un recanto escuro que rebenta. A liberdade é o negativismo ó medo. A liberdade é poder berrar desde un outeiro do monte Medo.

Quedo calado despois de tal berro e deixo que o regato desemboque no río. Para que a auga leve as carraxes e os versos que non collen no poema; e os berros que desentoan, e os silencios que non se senten; para que ninguén colla as troitas coas bragas enxoitas, para que arrastre as follas secas dos amieiros, e os caxatos da nostalxia, e os coios da infancia, e todas as novelas baratas.

Quedo calado logo de tanto arrastre. Calado e canso. Cansado de berrar e de soñar en silencio. Soñando esperto e durmido. Porque soñar é bonito. Pero cansado. Cansado de estar calado. Agora ben: non sei que dicir. Cansado de dicir e seguir ladaíñas que non veñen a conto, que, como moito, aboian sobre as augas do río que pasa. Dese río que non ten encoro, vaira, presa. Porque me neguei a facela.


Café Tarona. A Valenzá. Sábado, 23 de setembro de 2023

lunes, 2 de octubre de 2023

PARA DAR QUE FALAR


Señores do xurado, declárome inocente da culpabilidade que me queren impoñer. Eu nunca usei o fouciño para matar a ninguén. As veces que cheguei a usalo foi para rozar nos toxos nunha poula do Carril e nos comunais do Medo e de Pinouzos, pero nunca para segar cabezas. Por certo, segar ségase coa gadaña. Esta, si, tamén a usei moitas veces (máis incluso que o fouciño) para segar a herba en tantos lameiros que sería eterna a súa enumeración.

É verdade que unha noite saín polas rúas de Baños de Molgas co fouciño na man e, si, certo, coa intención de cortar cabezas (nunca de segalas), pero os veciños, ó verme as intencións, fuxían á velocidade dos lóstregos ou coma cans con vincha ó rabo. Señores meus: os veciños de Baños de Molgas non son parvos.


Fóra desa pequena arroutada, son incapaz de matar unha mosca. Se ata era incapaz de darlle coa vara ás vacas e moito menos aguilloalas. É máis, unha vez, arando, caín na conta de que suaba a cachón. Por que? Porque estaba a empurrar eu máis no arado ca elas... para que non sufrisen, para que non padecesen. E se pensaba que sufría desa maneira a xunta das vacas, como o levaría o pobre burro, que tiraba só (Dicir que cando vendemos as vacas, durante algúns anos aínda labramos as leiras co burro). Deixade voar a imaxinación e saberedes que a miña suor xa non era a rego... era como unha mangueira de bombeiros sufocando un incendio. Señores do xurado, se son un cacho de pan bendito. O asunto do fouciño era tan só para dar que falar.


Finca Fierro (Barbadás). Mércores, 20 de setembro de 2023

domingo, 1 de octubre de 2023

COA VERDADE POR DIANTE


Fun coa verdade por diante e dixéronme que todo era mentira. Non esperaba tal reacción. Analizaba unha e outra vez esa verdade e, canto máis a analizaba, máis verdade me parecía. Pois non, seguían a dicirme que todo era mentira. Cheguei a pensar se non estarían rodando unha película e querían espremer a miña reacción. Porque, esta, é certo que pasaba do asombro á carraxe, do abraio ó propio medo.

Marchei a sentar á sombra dun amieiro, á beira do río Arnoia, para que a calma das súas augas inundase as miñas ansias. Porque xa estaba ansioso, xa vivía ansioso ante o que querían que vise ou que notase: unha mentira sobre a miña verdade.


Deille a volta ó enunciado. Cataloguei a mentira e seguín estudando a verdade. Non había volta de folla: a miña verdade era a auténtica, a real. Seguía sen entender porque insistían na mentira. Eu miraba unha e outra vez o reloxo: eran exactamente as oito e media da tarde. O reloxo non mentía. Seica era eu o que mentía. Porque, segundo eles, eran exactamente as sete e media da tarde.

Ganas me daban de sacar esa pistola que non tiña para impoñer a miña verdade. A angustia xa era tan grande que alguén se compadeceu de min e comunicoume que estabamos nas Canarias. Quixen entender a diferencia horaria, pero... que pintaba, que facía eu nas Canarias. Agora mesmo xa non sei se é verdade ou é mentira que me atopo nas Canarias.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Martes, 19 de setembro de 2023