lunes, 12 de septiembre de 2022

O EXTERMINADOR

Hai uns meses erguín coa ilusión e a esperanza de quedar só neste mundo. Conseguino. Estou só. Custoume porque non foi nada fácil, non. Tan axiña como tiven ese desexo marchei á palleira e alí dubidei entre coller a machada ou o fouciño. Optei polo fouciño. Semellaba máis fácil de manexar. A maiores de que sempre foi unha ferramenta ou aparello ó que lle teño cariño, por moito que algunhas veces me fundise no esforzo físico.


Entenderedes o que fixen con el, non si? Para quedar só neste mundo tiven que facer iso da linguaxe coloquial: segar cabezas. Podo prometer e prometo que cortei unhas cantas. Por todas as aldeas, por todas as parroquias, por todo o mundo. Crucei charcos e ríos e mares e océanos e lagoas. E saltei valados e paredes e muros e arames e sebes. E deixei unha morea e máis de vidas segadas, que encheron eses charcos, ríos, mares, océanos e lagoas de sangue vermello. O fouciño xa levaba moito tempo cuberto pola cor vermella.

Logo de percorrer os cinco continentes (mesmo deixei nos oasis dos desertos algún que outro corpo tendido), optei por coller a Perla Negra e marchar para unha illa deserta. Pero, iso si, sen películas, sen libros, sen parvadas desas que dicía a xente de levar a unha illa deserta. E, cousas da vida, fun dar a unha na que estaba o puto Robinson Crusoe. O único náufrago mundial estaba precisamente nesa illa. Non me quedou outra que, claro, pasarlle o fouciño. Paseillo e agora estou definitivamente só, ou sexa coma Deus. Cando me aburra botarei polo universo á busca de alieníxenas. Son así de exterminador.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 12 de setembro de 2022

Finca Fierro. Luns, 12 de setembro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario