lunes, 25 de agosto de 2025

UN ATEÍSMO ESTRAÑO


Aínda que son medio ateo, ou ateo por completo, rezo polos vivos, intento recordar ós mortos e, eu, vivo como podo. Ás veces tamén bailo un tango sobre a galla dun carballo. E quedo tan pancho. Outras veces asubío un réquiem polas almas do purgatorio para que ninguén intente utilizar na miña contra o adxectivo discriminatorio.

Rezar é bonito aínda que non se crea. É como pedir un imposible. Como converter os pans en peixes e a auga en viño. Como o de crer no dito ese de que “cada un sabe as súas e Deus as de todos”. É mentira. Deus non sabe nada. Absolutamente nada. Se soubera e fose legal, que non fose tan torto, seguro que sería todo doutra maneira. Porén, como todo é como é, non sabe nada. Nada de nada.


Non procede divagar sobre estes termos cristiás, relixiosos. E menos proclamando o meu ateísmo. Iso si, tampouco pasa nada porque eu rece á miña maneira, e moito menos por lembrar ós mortos. Ós que recordo sempre é para ben. Ós outros... que descansen en paz.

Un ateísmo algo esperpéntico, extravagante, estraño. É certo que non creo na relixiosidade cristiá, pero a virxe dos Milagres e o san Salvador de Baños de Molgas son outro conto, un punto e á parte, outra crenza que hai que disimular coas tradicións de toda a vida; no caso da virxe dos Milagres, a estancia no seu colexio durante oito anos e as sempiternas novenas; no caso de san Salvador, ser o patrón de Baños de Molgas e telo tan á beira da casa que mesmo daban ganas de parolar con el, de ti a ti.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 20 de agosto de 2025

Finca Fierro. Barbadás. Luns, 25 de agosto de 2025


Foto: Os Milagres (Baños de Molgas)

No hay comentarios:

Publicar un comentario