Levaba tempo sen facer rutas turísticas. Case —ou sen case— podería dicir que anos. O outro día, non sei onde, vin e lin a palabra Lobeira. Díxenme que aí nunca estivera e que xa chegara o momento de ir. É máis, desde ese instante comecei a tramar a idea de visitar todas aquelas capitais municipais nas que aínda non puxera os pés.
E xa que a intención era ir a Lobeira, tampouco quería facelo ás cegas. Busquei información e atopei, polo menos, dous lugares de interese: a capela da Nosa Señora do Viso e a Fervenza do Grou.
Xa diante da Nosa Señora do Viso quedei algo abraiado pola súa marabillosa situación: no macizo da Serra do Leboreiro, desde onde se divisa unha boa parte da comarca. Atópase a 852 metros de altitude e a capela presenta un arco de medio punto. Ademais da súa localización privilexiada, chama a atención o conxunto do recinto e o ben conservado que está.
A través do guasap recomendáronme achegarme ata Grou para tomar un café. Fun e alí ninguén soubo darme razón da Fervenza do Grou —agora sei tamén que lle chaman Fecha dos Infernos de Baixo—. Con todo, faláronme da Fervenza do Fragoso —ou Corga do Poleiro—, e con iso xa me abondaba: que fose fervenza, ruxidoira, seimeira ou catarata.
É certo que, para vela, tiven que percorrer un carreiro rozado pero con bastantes atrancos que dificultaban a andaina. Hai un camiño que leva a un miradoiro, mais, como me advertiran que desde alí non se podía ver o salto de auga, nin o intentei. Por iso optei polo carreiro de abaixo. Non cheguei ó alto de todo da fervenza, pero o que vin foi suficiente para deixarme o bico doce e confirmar que pagara a pena percorrer tantos quilómetros.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 31 de marzo de 2026
.jpg)

No hay comentarios:
Publicar un comentario