Quen dixo medo?
Saquei dos pés as zapatillas da casa e puxen as outras, as de saír, as... tenis. Non quería chamalas así porque, para min, o tenis é un bonito deporte e non un tipo de calzado. Mais non queda outra que adaptarse aos tempos.
Postas as tenis e sendo as catro da tarde, con aviso de alerta amarela por calor, saín á aventura. Quen dixo medo?
A verdade é que a tarde non estaba para saír, e menos precisamente ás catro, pero, por circunstancias, e se quería ir tomar o típico café e escribir algo, tiña que facelo a esa hora porque onte arrincou o Mundial de Fútbol e teño intención de vivir por e para ese acontecemento. É tal o interese que me esperta que penso seguir todo o que emitan pola primeira canle da TVE. Para ver algúns partidos nas plataformas de pago terá que tratarse xa dalgún encontro moi especial. Teño entendido que, por sorte, os máis destacados tamén os ofrecerá a televisión pública.
O dito: saín á aventura e, realmente, ao abrir o portal a andaina xa botaba para atrás. A calor, a sensación de afogo, o bochorno... todo golpeaba con forza. Entoo a miña mea culpa ante semellante animalada —se pasa a algo a sanidade pagámola todos, etc.—, pero...
Pero é que tamén se me caía a casa enriba. Non todo se pode xustificar polas circunstancias nin polo fútbol. Non son persoa de pasar moito tempo encerrada e, sabendo como sei que a terraza á que vou adoita estar á sombra e que o café é unha droja tan aditiva que... iso, é droja.
E todos sabemos o que enganchan as drojas... a droja do café, a droja do fútbol, a droja da escritura...
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 12 de xuño de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario