martes, 28 de febrero de 2012

A EDUCACIÓN NO FÚTBOL


              Unha vez máis non me queda outro remedio que falar dos auténticos heroes do fútbol. E de defendelos. ¡Por suposto que falo dos árbitros!, ¿de quen se non? Certo que alguén pode achacar que cobran abondo (aínda que, en comparación cos xogadores, son cantidades ridículas), pero ¿ten prezo que te evacúen nunha ambulancia por recibir unha malleira brutal? Foi o que lle aconteceu ó colexiado que dirixiu un partido en Pontevedra. Un xogador do A Lama pegoulle tal cabezada que lle rompeu o nariz e os dentes. Son da opinión de que os adestradores teñen tamén moita culpa destas barbaridades dos seus propios xogadores. En vez de educalos, encirran neles para conseguir a vitoria ó prezo que sexa, incluso botándose enriba do árbitro, meténdolle presión para acadar unha falta, unha tarxeta ou un penalti a favor. E en casos coma este, ten que ser xa a xustiza ordinaria e non os estamentos deportivos, os que teñen que tomar medidas. ¡Os erros non poder levar a malleiras! E todos cometemos erros.

              Maceda. Martes, 28 de febreiro de 2012

viernes, 24 de febrero de 2012

SECA EN PLENO INVERNO


              Os encoros descobren o “petróleo” que teñen no seu leito. Os montes empezar a arder de novo. A auga leva camiño de racionarse. O inverno aínda non acabou. Seca en pleno inverno. ¡Quen o diría! Lembro os invernos nos que a metade da serra de San Mamede botaba días cuberta de neve. Agora hai que estar á espreita para que, se por un casual neva, non se che escape o espectáculo nun tris. Lembro os invernos nos que as vacas non saían durante días da corte porque arroiaba a máis non poder e a crecida, a riada do río Arnoia facía imposible cruzar a Pitediña cara Pinouzos e o Medo, e había que buscar outras leiras para que paceran durante as pequenas escampadas que había entre treboada e treboada. Lembro os invernos nos que ir pillar uns feixes de nabos era unha auténtica aventura, a causa de que non había forma de arrincalos da terra por culpa do frío e das xeadas. Certo que este inverno xeou de raios, pero… Pero tamén é verdade que a vida cambiou tanto, que, hoxe, moi pouquiña xente anda xa a arrincar nabos. A vida cambiou coma o tempo: seca en pleno inverno. ¡Quen o diría!

              Finca Fierro. Venres, 24 de febreiro de 2012

jueves, 23 de febrero de 2012

O "ROUBO" DUN CAMPANARIO


              Alucinado quedei coa nova coa que me atopei sobre o encoro de Belesar. Resulta que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil quere abrirlle un expediente sancionador a todo un pobo porque “roubou” o campanario dunha capela cando baleiraron Belesar este verán pasado para levar a cabo unhas obras no mesmo. A ver, a ver, a ver se consigo asimilar a situación: ¡logo de que Fenosa lles afogara os recordos en 1963, agora queren afundilos outra vez porque colleron algo que era seu! ¡A Confederación Hidrográfica prefire ver como se escaralla o campanario debaixo da auga antes de que volva ser de utilidade no pobo de Portomeñe! ¿A isto non se lle adoita chamar esperpento, ou carallada, ou espantallo, ou disparate, ou desatino, ou incluso burrada? Queren afogarlles os recordos e a memoria. ¡País!

              Maceda. Xoves, 23 de febreiro de 2012

miércoles, 22 de febrero de 2012

DETRÁS DUNHA CARETA


              O home, en por si, e cando se atopa só, é covarde por natureza. Para vencer esa covardía adoita refuxiarse detrás da masa, detrás dun papel con centos de palabras escritas ou detrás dunha careta. Nunca reneguei da miña covardía, quizais por timidez, e de aí que me refuxie moitas veces detrás dun papel. Este ano, aínda que só fose por unha hora, tamén me refuxiei detrás dunha máscara e con ela sobre a cara fas cousas que nunca farías a cara descuberta. Perdes a vergonza toda. Encirras no peor inimigo e ensínaslle, se fai falta, o cu á señorita máis recatada. Nunca me gustaron as festas con moita barafunda, pero recoñezo que o entroido, durante uns días, é necesario. Aínda que só sexa para deixar acochada durante un tempo a vergoña que temos vestida durante todo o resto do ano. De cando en vez é bo saír do rego que marca a rutina.

              Maceda. Mércores, 22 de febreiro de 2012

sábado, 18 de febrero de 2012

A HEROICIDADE DOS ÁRBITROS


              Sinceramente, á última hora do sábado estaba algo preocupado porque non sabía moi ben sobre qué escribir para encher esta sección, xa que, politicamente falando, a semana non deu grandes titulares que digamos, se exceptuamos os recortes que nos fan ós papaleitugas de sempre, ou sexa, ós funcionarios. É certo, xa temos asumido que somos o chibo expiatorio de todos os males que lle acontecen a este noso país. Digo que non sabía sobre qué escribir ata que me atopei de novo cun asunto arbitral. Non podo evitalo; sempre os defenderei. Quizais porque sempre defendín ó débiles e penso que os árbitros son os máis débiles de todo o estamento futbolístico. Resulta que un galego realizou un estudo, no que utilizou para a mostraxe a dezaseis colexiados vigueses, no que chegou á conclusión de que os colexiados sofren antes dos partidos. ¡E como non van sufrir, sabendo o que lles espera en cada partido! Por moi ben que faga o seu traballo, sempre terá en contra, polo menos, ós que perden. Díxeno sempre e seguirei a dicilo: hai que ter valor para ser árbitro no noso país. Para min serán sempre os auténticos heroes do fútbol.

              Finca Fierro. Sábado, 18 de febreiro de 2012

miércoles, 15 de febrero de 2012

SOBRE O PRECIPICIO


O acantilado era tan escarpado e tan alto que impuña bastante. A familia de Beremundo Carpazo Feijoo estaba a percorrelo dende a primeira hora da mañá. Ó pouco, Beremundo viu como o seu fillo máis vello Jandro se asomaba de forma perigosa ó abismo. Ten coidado, rapaz, que podes caer. Aínda non acabara de recitar a frase cando notou que Jandro se inclinaba demais sobre o precipicio e tamén viu cómo o rapaz tropezaba e caía ó baleiro. Beremundo berrou como non berrara na súa vida. Berrou tanto que non lle saían as palabras. Quería pedir socorro para que o oíran dous pescadores que estaban preto. Os ollos non se apartaban do fondo, onde imaxinaba a Jandro, pero sen saber se estaría vivo ou morto. A angustia era tal que as ganas de mexar espertaron a Beremundo do seu sono e soño.

Maceda. Mércores, 15 de febreiro de 2012

sábado, 11 de febrero de 2012

ASUNTOS CON POLÉMICA


              A semana pasada pechou con tres asuntos dignos de mención e, tamén, por que non, con moita polémica. A sentenza sobre o xuíz Garzón. Os monicreques franceses. A reforma laboral do novo goberno. E como cada un conta a súa historia como lle peta, ou sexa, dende o seu punto de vista, un servidor tamén vai facer o mesmo. Entendo que para os do PP, a condena sobre Garzón se celebrase incluso con champaña. Para un servidor demostrouse que a xustiza no noso país é unha cagalla que luxa ós bos e xenerosos e que libera ós corruptos e estafadores. Hai moitos anos xa o comentara un alcalde andaluz: que a xustiza era unha mofa.
Sobre os monicreques franceses, a mellor forma para non ir máis alá do cabreo é pensar que é un simple programa de humor. Creo que tamén teñen dereito a expresarse como queiran; simplemente non lles fagamos caso, e punto. Nós ó noso, sigamos alentando a Contador e ós “dopados” para darlles aínda máis na cara ós franceses.
E sobre a reforma laboral… é tan boa, tan boa que será moito máis fácil e barato despedir á xente. ¡Ale!, ¡todos á p… rúa! Hai exclamacións que non se poden evitar. Non son un mal falado; son eles uns mal xestores.

Finca Fierro. Sábado, 11 de febreiro de 2012