viernes, 24 de febrero de 2012

SECA EN PLENO INVERNO


              Os encoros descobren o “petróleo” que teñen no seu leito. Os montes empezar a arder de novo. A auga leva camiño de racionarse. O inverno aínda non acabou. Seca en pleno inverno. ¡Quen o diría! Lembro os invernos nos que a metade da serra de San Mamede botaba días cuberta de neve. Agora hai que estar á espreita para que, se por un casual neva, non se che escape o espectáculo nun tris. Lembro os invernos nos que as vacas non saían durante días da corte porque arroiaba a máis non poder e a crecida, a riada do río Arnoia facía imposible cruzar a Pitediña cara Pinouzos e o Medo, e había que buscar outras leiras para que paceran durante as pequenas escampadas que había entre treboada e treboada. Lembro os invernos nos que ir pillar uns feixes de nabos era unha auténtica aventura, a causa de que non había forma de arrincalos da terra por culpa do frío e das xeadas. Certo que este inverno xeou de raios, pero… Pero tamén é verdade que a vida cambiou tanto, que, hoxe, moi pouquiña xente anda xa a arrincar nabos. A vida cambiou coma o tempo: seca en pleno inverno. ¡Quen o diría!

              Finca Fierro. Venres, 24 de febreiro de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario