martes, 31 de enero de 2017

HAI MOITA BESTA SOLTA


Sigo a voltas cos árbitros ou coas arbitraxes porque hai e hai e hai moito energúmeno, moita besta solta no noso país. Desta vez foi no campo de A Pontenova cando medio equipo (ou máis) do Guitiriz se abalanzou sobre o árbitro. Tivo que escapar a fume de carozo. Normal; quen non lle escapa a hienas que non teñen dous dedos de fronte.
E sigo dicindo que non é problema de educación. Suponse, presúmese que xa desde cativos nos inculcan o respecto polo ser humano, por calquera ser humano. Que todo ser humano comete erros. Pero que tamén os temos que saber perdoar. Por que non correron detrás de tal compañeiro (que é unha persoa) que mandou aquel balón ás nubes cando tiña opción de marcar gol? Por que non aldraxaron a aquel outro compañeiro (que tamén é persoa) porque deu tan mal pase que lle entregou o balón ó rival? Hai fotos, hai imaxes; a miña sentenza é fácil: suspensión total de práctica do fútbol a eses abisinios e case borrar do mapa ó equipo.

Finca Fierro. Martes, 31 de xaneiro de 2017

domingo, 29 de enero de 2017

FALANDO DOS TÍTULOS DE CRÉDITO


Se remato axiña, aínda podo ver case a película enteira. Digo case, porque a película xa empezou hai media hora. Nunca me gustou ver as películas empezadas. É máis, incluso se perdo os títulos de crédito iniciais, xa case prefiro non vela. Hoxe aínda a penso ver logo de case unha hora (a media hora que leva e máis o tempo que bote no ordenador), porque xa a vin, porque non é que sea boa e porque o único que quero é matar a noite.
Falando dos títulos de crédito; agora é raro que as películas poñan os títulos de crédito ó principio. Pois mal feito! Ás veces bótome toda a película pensando nese actor ou actriz do que non me sae o nome. Se o houbese visto ó principio, zas, pois era esa ou ese. Non véndoos ó principio, esquécete xa deles; porque as televisións, tan axiña como remata o filme, ale, xa cortan. Incluso a primeira cadea!, que debería de ser a que nos ensine a todos. E hai que lembrar que unha película vai desde o primeiro fotograma ata o derradeiro fotograma.

Finca Fierro. Domingo, 29 de xaneiro de 2017

sábado, 28 de enero de 2017

PARÁGRAFO RETRANQUEIRO, PARÁGRAFO DOENTE


Teño denunciado moitas veces que Galicia é o cu do mundo e Ourense o ollo do cu. É mentira! Acabo de descubrir que en Ourense vivimos coma Deus, que somos uns nugalláns de moito coidado. Temos a tasa de actividade máis baixa de España. É dicir, estamos a velas vir. Si, porque o ministro De Guindos di que "España está crecendo e a creación de emprego é consecuencia do crecemento económico e as nosas políticas" (ou sexa, as do PP). España crece e traballa. Os de Ourense miramos como traballan os demais. Somos así de retranqueiros. E somos tan chulos, tan buscabullas que, ó día seguinte, asoma outra noticia esplendorosa: "o aforro dos ourensáns volve crecer". Aí está!, a inercia bíblica!... cáennos os pan cocidos do ceo! Non traballamos, crece o emprego e aforramos que nin-diola! Ó mellor son os bois de San Isidro que traballan por nós. Ó mellor.
Toca agora o parágrafo serio, doente, enfurecido, que non ten nada que ver co anterior, pero... Pero impresionoume a noticia que hai xa uns días lin sobre un xogador colombiano que denunciaba os insultos racistas con que o recompensan polos campos de fútbol da nosa Comunidade. E sei que se xogara fóra de Galicia, pasaríalle o mesmo. Porque lles pasa a moitos. A súa gran denuncia consistía en que estaba a piques de deixar o fútbol canso xa de tanto fillo de puta, mono e negro de merda entre outras lindeces. Deixar o fútbol! Un rapaz! Porque, ollo ó dato, escóitaos desde infantil. É dicir, a unhas idades nas que van acompañados dos pais. Que pensarán, que sentirán os seus pais ante isto? Para as medidas a tomar, moitos xa estarán pensando na educación, coma se non souberamos desde nenos que iso está mal, que todos somos persoas. No fútbol habería que suspender os partidos e que os energúmenos fosen insultar ás súas nais nas súas casas.

Finca Fierro. Sábado, 28 de xaneiro de 2017

viernes, 27 de enero de 2017

EMILIO RÚA, UN CANTANTE DE BARES

Hai pouco saíu publicado un relatiño meu na sección Pingas de Orballo deste xornal, no que falaba de que me farían falta "moitas horas máis!" das 24 que ten o día para poder atender a todo, para dedicarme a todo, máis en concreto ás miñas afeccións culturais. Por exemplo, ás cancións de Emilio Rúa. Por medio das redes sociais sabía deste cantante de bares ourensán (como el mesmo se define), pero, por falta dese tempo comentado, non me detiña a escoitar as cancións que os seus amigos, que a xente en xeral colgaba na rede (se me dedicara a escoitar todos os vídeos que se colgan, non sairía do feisbuq), polo que, hoxe, non me importa recoñecer que sabía del, pero non como cantaba.
Ata que o venres, 16 de decembro pasado, ás oito e media da tarde me dispuxen a escoitalo na Casa da Cutura Manuel María de Barbadás. E xa desde a primeira canción, "A rúa", non peguei coa cabeza contra a butaca de adiante porque sabía que me mancaría. Pero xa nesa composición amosou unha forza expresiva e rotunda que souben axiña que a actuación transcorrería polas augas mansas do pop musical e polas corredoiras silenciosas das baladas. Baladas elegantes, intensas, marabillosas.
Emilio Rúa, pola idade, pódese dicir que aínda é novo, se comparamos a súa idade (a piques de cumprir os 41) cos seus traballos profesionais, pois leva publicados xa seis discos, que se di moi pronto. Claro que esta cantidade asimílase mellor se comentamos, se descubrimos que xa se subiu ós escenarios con tan só sete anos! Un mocosiño aínda e xa cantando! A ver, descubramos toda a verdade: Emilio Rúa subiu ós escenarios tan cativo porque o seu pai, os seus catro irmáns e o seu cuñado tocaban no grupo musical Concorde Atenea. É dicir, que mamaba a música por cada recanto da casa, por cada táboa do escenario e por cada ensaio familiar.
Naceu o 11 de marzo de 1976 en Vendas da Barreira, unha aldea do concello de Riós. Aldea que crucei moitas veces na miña etapa madrileña, de cando aínda non había autovía, e que desde a primeira viaxe sempre me chamou a atención o seu nome, non sei... coma se se venderan barreiras ou algo semellante. Emilio estudou no colexio público da súa localidade e, logo, botou catro anos na Universidade Laboral da nosa cidade. Estudou na Coruña e fixo conservatorio en Verín ata quinto de solfexo e segundo de guitarra. Non rematou. Pero, visto o visto, para que?
Conversando con el para esta reportaxe comenteille non sei que dalgunha anécdota na súa vida. Non sei a vós, pero a min sempre me gustaron aquelas cousiñas que se saen un chisco do común. Emilio Rúa faloume dunha que tan axiña como lla lin lembroume á película "Amarcord" de Federico Fellini. Resulta que con doce anos, nas Pontes de García Rodríguez, na noitevella, unha señora sacouno a bailar e apertábao contra as súas tetas (aquí foi onde lembrei unha escena desa película, que tamén nos puxemos frenéticos nos Milagres, alá polos anos 70), e, a maiores, cada vez que o sacaba dáballe mil pesetas. Impresionado pola escena, incluíuna na canción autobiográfica "Land Rover", que, por certo, foi o terceiro tema co que nos deleitou na Casa da Cultura Manuel María.
En todos os apuntes cos que me atopei sobre el, todos, absolutamente todos fan comentarios sobre a súa canción "Querida alegría", coa que ganou dous sinalados festivais de cantautores a nivel nacional e cantándoa en galego! É que a señora canción, logo de dicir cousas marabillosas remata con que "temos en algures algún destino, / pero eu elixo o meu camiño. / Dáme a man! Vente comigo! / Vaiamos xuntos a un mesmo sitio".
Este molgués que escribe, a partir de xa, irá xunto coa súa música, cos seus temas polos camiños da infancia e do rural, e dedicaralle o seu tempo a seguir o rastro do seu sétimo disco, que penso que vai ser de moito pendello. Non é cousa de pouco facer un disco de duetos con Javier Álvarez, Vicky Gastelo, Mercedes Ferrer, Carmen París e o meu admirado e amado Víctor Manuel, entre outros. Tamén ten un proxecto con Xosé Carlos Caneiro de música e poesía poñendo en valor a figura de Carlos Casares, ó que, por certo, se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.


Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Martes, 17 de xaneiro de 2017


Publicado en La Región o venres, 27-01-2017

A OPCIÓN DOS POBRES


Son antimadridista. O que significa que, máis ou menos, queira que gane o Barcelona. Pois non! E moito menos na Copa do Rei. Porque para este molgués que escribe, a Copa do Rei de fútbol é a opción dos pobres. De aí que no partido Barça-Real Sociedad quería que ganasen os donostiarras. Porque se presumía que era o equipo modesto en comparación co catalán. Presumíase e é, claro; iso aínda que houbese vencido.
Na Copa do Rei sempre serei dos modestos. A non ser que haxa equipos galegos. Na Liga quero que gane sempre o Barcelona (menos contra os galegos) para amolar ós do Madrid. E porque, ademais, de que vale que o Bilbao (outro exemplo) lle gane ó Barça, se no seguinte partido, ó mellor, perde có Granada ou có Osasuna. Por iso me gusta tanto a Copa. Porque aquí non hai Barça nin Madrid nin rabo de gaitas. Aquí hai a opción de que un pobre, un modestiño chegue á final e incluso pode que erga o trofeo ata o infinito e máis alá. Se non pode ser o Celta... hala, Alavés!

Café Paladium da Valenzá. Xoves, 26 de xaneiro de 2017

martes, 24 de enero de 2017

O LATEXO DO NOSO VIVIR


Aí está. Coa forza dunha ilusión. Coa ilusión dunha carga familiar. Porque día a día é terra, é aire, é sorriso e gargallada, é loita e calma. Porque día a día sabe da súa responsabilidade. Porque ti, muller, es o latexo do noso vivir, es o espazo que ocupa todo o noso tempo. Es o tempo eterno nas nosas vidas. Es o silencio da noite e a angueira de todo o día, de todos os días. Aí está. Coa loita ansiosa ante as adversidades. Coas adversidades que agachan a cabeza ante a súa constancia. E miras para o home e pensas nos fillos; e segues.
Porque ti, miña dona, es a argola na que nos agarramos os tres. Porque ti, muller, es a música dun asubío e o asubío dun tema de amor, e de nostalxia, e de melancolía, e de morriña. Es o vivir dun revés, doutro revés. Porque non te deixas vencer. Porque nada nin ninguén che fará chantar os xeonllos. Porque vives por e para os teus. Aí está. A miña dona. Ó meu lado. Ó noso lado. Sempre. Vai por ti, neniña.

Finca Fierro. Martes, 24 de xaneiro de 2017

sábado, 21 de enero de 2017

SEGUE SEN ACABARSE O MUNDO


Nin desde hai uns meses, cando ganou as eleccións, nin desde hai uns días, cando nomearon por fin presidente a Donald Trump, se acabou o mundo. A ver se ó final todo vai quedar en auga de bacallau. Ó mellor é deses de "moito ruído e poucas noces". Oxalá. Porque ben certo é que ata eu mesmo desconfío un carallo dese paisano; non para que acabe o mundo, pero si para cometer algunha que outra falcatruada. A verdade é que ten á maioría do mundo en contra. Por algo será.
Tampouco se acaba o mundo para o Real Madrid, aínda que a semana pasada o Celtiña lle meteu o medo no cu, e precisamente na súa casa. Primeiro, o Sevilla déralle un sopramocos e o noso equipiño acabou arreándolle nesa parte onde as costas perden o seu honesto nome. Agora xa lle ganou ó Malaga e xa veredes como o río volve ó seu leito. Aínda que a min amólame ben que empecen a falar de tantos lesionados. Que un equipo dos grandes achaque os resultados ós mancados, malo! Pobres modestiños!, que terán que alegar eles ante presupostos que non alcanzan nin o soldo de dous oun tres xogadores dos grandes? Por certo, os modestos tamén teñen xogadores tocados. Pero deses non se fala.
É certo que tampouco se acabaría o mundo se os turistas tiveran que pagar por pasar a noite en Santiago. Pero creo que esa medida, se se toma, está mal tomada. É máis, deberiamos de facilitarlle ó achegamento ás nosas cidades á xente de fóra, ós turistas. Unha cousa é cobrar nun lugar no que existe masificación e non queremos que se escaralle e outro moi distinta é poñerlle atrancos ós viaxeiros. Acaso non gastamos centos de miles de euros en publicidade para atraer á xente ós nosos lugares? Pois entón!

Finca Fierro. Sábado, 21 de xaneiro de 2017