Hai
pouco saíu publicado un relatiño meu na sección Pingas de Orballo
deste xornal, no que falaba de que me farían falta "moitas
horas máis!" das 24 que ten o día para poder atender a todo,
para dedicarme a todo, máis en concreto ás miñas afeccións
culturais. Por exemplo, ás cancións de Emilio Rúa. Por medio das
redes sociais sabía deste cantante de bares ourensán (como el mesmo
se define), pero, por falta dese tempo comentado, non me detiña a
escoitar as cancións que os seus amigos, que a xente en xeral
colgaba na rede (se me dedicara a escoitar todos os vídeos que se
colgan, non sairía do feisbuq), polo que, hoxe, non me importa
recoñecer que sabía del, pero non como cantaba.
Ata
que o venres, 16 de decembro pasado, ás oito e media da tarde me
dispuxen a escoitalo na Casa da Cutura Manuel María de Barbadás. E
xa desde a primeira canción, "A rúa", non peguei coa
cabeza contra a butaca de adiante porque sabía que me mancaría.
Pero xa nesa composición amosou unha forza expresiva e rotunda que
souben axiña que a actuación transcorrería polas augas mansas do
pop musical e polas corredoiras silenciosas das baladas. Baladas
elegantes, intensas, marabillosas.
Emilio
Rúa, pola idade, pódese dicir que aínda é novo, se comparamos a
súa idade (a piques de cumprir os 41) cos seus traballos
profesionais, pois leva publicados xa seis discos, que se di moi
pronto. Claro que esta cantidade asimílase mellor se comentamos, se
descubrimos que xa se subiu ós escenarios con tan só sete anos! Un
mocosiño aínda e xa cantando! A ver, descubramos toda a verdade:
Emilio Rúa subiu ós escenarios tan cativo porque o seu pai, os seus
catro irmáns e o seu cuñado tocaban no grupo musical Concorde
Atenea. É dicir, que mamaba a música por cada recanto da casa, por
cada táboa do escenario e por cada ensaio familiar.
Naceu
o 11 de marzo de 1976 en Vendas da Barreira, unha aldea do concello
de Riós. Aldea que crucei moitas veces na miña etapa madrileña, de
cando aínda non había autovía, e que desde a primeira viaxe sempre
me chamou a atención o seu nome, non sei... coma se se venderan
barreiras ou algo semellante. Emilio estudou no colexio público da
súa localidade e, logo, botou catro anos na Universidade Laboral da
nosa cidade. Estudou na Coruña e fixo conservatorio en Verín ata
quinto de solfexo e segundo de guitarra. Non rematou. Pero, visto o
visto, para que?
Conversando
con el para esta reportaxe comenteille non sei que dalgunha anécdota
na súa vida. Non sei a vós, pero a min sempre me gustaron aquelas
cousiñas que se saen un chisco do común. Emilio Rúa faloume dunha
que tan axiña como lla lin lembroume á película "Amarcord"
de Federico Fellini. Resulta que con doce anos, nas Pontes de García
Rodríguez, na noitevella, unha señora sacouno a bailar e apertábao
contra as súas tetas (aquí foi onde lembrei unha escena desa
película, que tamén nos puxemos frenéticos nos Milagres, alá
polos anos 70), e, a maiores, cada vez que o sacaba dáballe mil
pesetas. Impresionado pola escena, incluíuna na canción
autobiográfica "Land Rover", que, por certo, foi o
terceiro tema co que nos deleitou na Casa da Cultura Manuel María.
En
todos os apuntes cos que me atopei sobre el, todos, absolutamente
todos fan comentarios sobre a súa canción "Querida alegría",
coa que ganou dous sinalados festivais de cantautores a nivel
nacional e cantándoa en galego! É que a señora canción, logo de
dicir cousas marabillosas remata con que "temos en algures algún
destino, / pero eu elixo o meu camiño. / Dáme a man! Vente comigo!
/ Vaiamos xuntos a un mesmo sitio".
Este
molgués que escribe, a partir de xa, irá xunto coa súa música,
cos seus temas polos camiños da infancia e do rural, e dedicaralle o
seu tempo a seguir o rastro do seu sétimo disco, que penso que vai
ser de moito pendello. Non é cousa de pouco facer un disco de duetos
con Javier Álvarez, Vicky Gastelo, Mercedes Ferrer, Carmen París e
o meu admirado e amado Víctor Manuel, entre outros. Tamén ten un
proxecto con Xosé Carlos Caneiro de música e poesía poñendo en
valor a figura de Carlos Casares, ó que, por certo, se lle dedica
este ano o Día das Letras Galegas.
Café
Paseo de Ramoleox da Valenzá. Martes, 17 de xaneiro de 2017
Publicado
en La
Región
o venres, 27-01-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario