miércoles, 29 de julio de 2020

O ÚLTIMO REDUTO DOS COVARDES

Non me quero deixar levar polas circunstancias, pero lévanme. Porque moitas veces hai materias, temas, asuntos que non se deberían descubrir. Ó final todo se sabe nesta vida. Así é que non queda outra que apandar e seguir o camiño que che marcan. Tamén é verdade que somos todos uns mandados. Uns mandan máis que outros e a gran maioría apanda co ditado duns e doutros. O asunto, a materia, o tema anda comigo de cacho para cabazo, ou o que é o mesmo, que me trae a mal traer. Cal é o asunto, tema ou materia? Ah, non sei. Que queredes... saber? Para que apande aínda máis. Teño os meus principios e non penso poñer a ninguén en perigo. E se non, quedade coa canción “O meu noivo é un zombi”, de Alaska e Dinarama. Que apande Alaska, que ten bo peito.

Non me quero deixar levar polo berro dun astroso, dun desgraciado; pero a impotencia fai que me sinta coitado ou desventurado e berro tralos outeiros da inocencia. E para berrar máis forte, moito máis forte subo ó penedo de Vide e esgazo o silencio por entre as carballeiras das Costelas. Logo do berro, volve o silencio. E instalado de novo no silencio apando coa circunstancia que me tocou vivir, que me toca vivir. Mentres esta non deixe de existir, haberá que agachar a cabeza, asubiar baixiño e esperar, esperar a que o tempo pase e todo cambie. Sen perder para nada a esperanza. A esperanza sempre foi, sempre será o último reduto dos covardes. E os covardes apandamos co que nos botan.


Finca Fierro. Mércores, 29 de xullo de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario