domingo, 26 de julio de 2020

POLAS CIRCUNSTANCIAS

Boto un paso detrás doutro paso, pero non ando nada. Estou confundido. Non sei que me pasa. Quero quedar quieto e a miña imaxinación voa por entre as estrelas do universo. Quero botar a correr e quedo quieto. Atrapállome nos pensamentos e chisco os ollos coma se estivera cego. Non sei, pero por veces penso que só teño dúas opcións nesta vida de circunstancias: que ou me marcho para o Polo Norte ou subo ó faiado para coller o traxe de astronauta e partir para outro planeta calquera. Dáme que non teño sitio neste terreño.

Vendo, notando e sabendo que non ando nada, simplemente sento. E deixo correr os soños por entre as flores dos toxos e as almofadas adondas. Soño coa cor verde do loureiro e coa vermella dos seus beizos. Achico os ollos, penso, pego un brinco e opto andar ou subir ata o Polo Norte. Boto un paso detrás doutro paso, e non ando nada. Quedo confuso. Cambio de tema musical e xa sei fixo que teño que buscar outro planeta. A cantos máis anos luz, mellor. Non quero que ninguén me recoñeza. Quero ser unha incógnita entre a luminosidade das estrelas. Nun chiscar de ollo poño o traxe de astronauta e co mando a distancia arrastro a nave espacial desde o alto da Chaira ata a Pitediña. Revolvo a cabeza cara á Baños de Molgas, despídome da miña terra con bágoas de orballo pingando pola cara abaixo e deixo escapar un salouco de pena. Pero marcho porque teño que marchar. Porque a confusión, o galimatías, o rebumbio que teño sobre a miña testa non o entende ninguén deste planeta. Que as circunstancias vaian comigo polos confíns do universo.


Finca Fierro. Domingo, 26 de xullo de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario