lunes, 20 de julio de 2020

SOBRE UN ACTO DE ESTADO

Quere arder o mundo pero non arde. Como moito arde Ourense. Non obstante, aquí xa estamos acostumados. Aquí apandamos con todo... coa climatoloxía, cos incendios, coa política, coa miseria, coa chulería, coa política outra vez, e outra máis. Maldita política! Son as cinco e vinte da tarde e choven raios de sol sobre aqueles ós que non lles queda outra que andar polas rúas. Tamén é verdade que algúns andan por vicio. Outros escoitamos a banda sonora de “Poltergeist”, do grandioso Jerry Goldsmith. Eu, a maiores, tamén esbardallo sobre o acto de Estado que tivo lugar o outro día no Patio de Artillaría do Palacio Real de Madrid en memoria das vítimas do Covid-19.

A ver, non son un desalmado; é máis, a maiores de ser os máis prexudicados (que o pagaron coa propia morte), creo que foron os máis esquecidos nesta pandemia que nos puxo do dereito para o revés. Eu, se esbardallo sobre o acto é, sobre todo, na forma en que se fixo. Alí congregáronse todos os membros do Goberno e os presidentes das principais institucións e de todas as comunidades autónomas. Ou sexa, un gasto enorme. Porque iso arrastra, implica, supón uns traballos e uns gastos impresionantes que se podían empregar moi facilmente en Sanidade para que tal cantidade de mortes non volvera encher as páxinas dos xornais. Esta sería a mellor homenaxe que se lle podía facer ás vítimas e a todo o país. Claro que aquí sempre nos ferveron as ideas nas que podes meter man economicamente. As prevencións e axudas non compensan moito, politicamente falando. Segue a canícula.


Finca Fierro. Luns, 20 de xullo de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario