sábado, 18 de noviembre de 2023

A MELLOR MEDIDA


Díxeno sempre: a ollo é a mellor medida que hai. De aquí a alá hai tantos metros, ou quilómetros, ou varas, ou pasos, ou millas, ou leguas e non fallo. É que non fallo nin medindo en centímetros! Por saber ata sei medir as constantes do sono e a separación entre cepa e cepa ou entre pataca e verza. Sei medir a lonxitude dunha rella de arado e que sedeño fai falta para amarrar un carro de toxos. Todo a ollo.


A ollo son capaz de distinguir, de diferenciar a personalidade de todo aquel que se me pon por diante e se Plutón orbita ou non. Cando opto por analizar ó burro de Silabario Suárez, non tardo en captar, a ollo, cando erguerá a cabeza e se porá a ornear, e adiviñando, en tempo, a extensión do seu ornear. A ollo sei distinguir o acto sexual dun escornabois do dun saltón. Xemen os dous, pero non é o mesmo.

A ollo podo contar as balas que saen do exército israelí e as pelouradas ou coiazos que voan desde as mans dos nenos palestinos. A diferenza é tan abismal, tan brutal que o exterminio duns polos outros acaecerá, tamén a ollo, nun suspiro. Ou como diría un cristián: nun credo.

Nos momentos de insomnio as miñas medidas a ollo van desde a expresión dun sorriso de Barbra Streisand ó xesto de mala uva de Santiago Abascal, desde a medida do canón da pistola de Clint Eastwood á abertura de incredulidade dos ollos de Alberto Núñez Feijóo, e desde a distancia existente entre o campanario da igrexa de Baños de Molgas ó chan. Unha distancia tan ampla e tan precisa como para tirarse de cabeza e pensar que caerás de pé, cando, na realidade, sabes que caer de 30 metros de altura non é cousa de rir. A ollo, e desde o campanario, sei as fracturas existentes nas pernas do que se tirou. A ollo é unha medida real e matemática. Ou sexa, que non falla.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 15 de novembro de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario