sábado, 11 de noviembre de 2023

LUZ Ó FINAL DO TÚNEL


Vin unha luz ó final do túnel. E non é unha metáfora; é a realidade. Xa levaba moito tempo por un dos túneles que había á saída de Baños de Molgas, máis en concreto o que lle chamamos o túnel de Salgueiros. Atrás xa quedaba a ponte das Cepas. O túnel polo que ando é longo coma os días de maio.


Que facía eu, ás cinco da tarde, no túnel de Salgueiros? Realmente, non o sei. Ou si. Porque despois de xantar díxenme que me apetecía andar pola vía do tren. Mesmo coa intención de chegar a Ourense antes de que se fixera noite pecha. Agora mesmo, o único que quero e botarme fóra do túnel e volver para Baños de Molgas pola estrada... tamén chamada a estrada de Salgueiros.

Desexaba botarme fóra porque... que queredes, o medo é libre e a escuridade dese túnel en toda a súa lonxitude acollooume un pouco. Sabedes que son heroe nos papeis, pero no día a día, na realidade física, son un cagadiño, un medorento do demo.

Unha e non máis, seguín pensando ó ver a luz na fin do túnel. A escuridade, os ruídos, a humidade, medo ó descoñecido, medo ó paso do tren quitáronme as ganas de seguir pola vía. E menos mal que tal tren non pasou, que se chega a pasar ata sería capaz de morrer co susto.

Pero alí estaba; a luz. Botei a correr coma quen leva o demo detrás ou coma se lle dera sebo ós pés. Ós dous minutos de saír oín, un pouco ó lonxe, o asubío do tren, o ruído do tren. Deixei escapar un sorriso de alivio.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 10 de novembro de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario