domingo, 26 de noviembre de 2023

DESDE A CURVA DO ARCO DA VELLA


Calei para non berrar. Cando berro óeseme máis alá da distancia, máis alá do tempo. Cando berro esgazo o momento. Berrar é bo, acelera o sangue das veas e espalla as carraxes. Cando berro é para que o silencio faga ruído, para que se meta co ruído. No silencio, a modorra adoita botarse a durmir. O durmir é para as noites, para que berren os soños. Ou os pesadelos.

Berrei desde a curva do arco da vella e deixei que o berro se espallase polo val do Medo. Ó berrar abanean os toxos e asústanse as lavandeiras. Hoxe non toca berrar nin polas guerras, nin pola apocalipse, nin polas exterminacións. Hoxe chega con berrar polos encordios que levamos dentro e, quizais, por esas ideas que bambean polo entendemento.


Cuspidos xa todos os demos, toca calar definitivamente. Deixar de berrar. Cando calo todo queda quitiño e só. De cando en vez, un suspiro si racha o silencio. Ese silencio que acouga, que se enche de modorra e de segredos. Non é necesario berrar por estes. En silencio lévanse con máis sinxeleza.

Calei para non berrar e durmín para soñar. Nos soños, xa se sabe, hai silencios e ruídos, hai dúbidas e certezas, miserias e riquezas, guerras e conflitos; nos soños, todo queda. Queda a noite que se fai eterna ou que se pasa nun suspiro. Polo día subo ó alto do outeiro para escoitar o asubío do vento. E para escoitar os meus berros déixome deslizar pola eterna curva do arco da vella. Ó aterrar quedo definitivamente... en silencio.


Café Beker. Ourense. Martes, 21 de novembro de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario