viernes, 30 de mayo de 2025

AS CORES DA TVG


O outro día lin un comentario nas redes sociais sobre o detalle de que a TVG fixo practicamente mutis ante o éxito do Celta clasificándose para a Europa League ou Liga Europea, e recalcando que se fora o Dépor... É dicir, que se lle vían as cores (máis que deportivas, políticas) a esa televisión que pagamos todos os galegos: nacionalistas, socialistas, comunistas, etc.

Ante tal comentario abrín os labios nun sorriso enorme. Porque a conta é vella. O da TVG (Televisión de Galicia) é de auténtico escándalo. Non adoito ver televisión (só para a miña sesión cinematográfica nocturna e para algún que outro partido de fútbol ou gran acontecemento deportivo), pero a muller si a ten moitas veces neses dous programas titulados: “O Termómetro” e “Hora Galega”. É aí onde caio na conta, onde vexo o que nos queren facer tragar. Refuxiándose un pouco no rural (como que miran por nós), sacan noticias que ás veces van máis alá do esperpento.


Unha chispa atravesou un carballo vello. Vai o agudo reporteiro falar con tal ou cal veciño. E vostede viu o alustro? E deixou moito resplandor? A que velocidade viría? Tívolle medo? Sabe vostede que os carballos atraen os raios? Vai volver pasar por xunto a esta árbore? Cambian de conexión e asoma un camiño que asfaltaron, por exemplo, en tan só dous metros cadrados; ou sexa, unha fochanca. Con moito bombo anúnciase tal obra, coas correspondentes entrevistas ós veciños e ós cans e gatos que pasaban por alí.

Mentres nos divulgan eses acontecementos, os asuntos realmente esenciais para a cidadanía brillan pola súa ausencia. Non vaia ser que esperte a nosa intelixencia e nos decatemos da verdade.


Café Brétema. A Valenzá. Mércores, 28 de maio de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario