sábado, 24 de mayo de 2025

POR ARRIBA OU POR ABAIXO?


Asubío polo baixiño un tema de Simone Mendes mentres espero a que me poñan, a que me sirvan o café. Pícame o calo. O ceo quedaba gris, en tramos, negro porque ameazaba chuvia, treboada, tormenta. Pregunta: É importante saber se se está por arriba ou por abaixo? Depende. Depende do asunto, da situación, das circunstancias. En moitos casos, o que está por abaixo leva as de perder... socialmente, politicamente, deportivamente, culturalmente, etc. Noutros casos creo que en menos, goza con tal acción, con tal situación. Se lle damos a volta á tortilla, o que está por enriba, adoita pasalo ben, impoñéndose, mandando, esixindo, mesmo abusando. E hai un terceiro caso que dá igual a postura, a posición, o lugar, a dirección e as figuras do Kamasutra. Neste terceiro caso... a vivir, que é pouco tempo!


Cantaruxo, tamén polo baixiño, un tema de Mariza e deixo que o sabor do café me encha de ansiedade as entrañas. Devezo por saber xa que pasa fóra: se chove, se quente, se hai sol, se cae pedra... O tempo climático, estes días, anda revolto. Como ese corpo que non sabe se se pon por arriba ou por abaixo, como esa persoa que dubida entre unha postura ou a outra. Nestes casos, o mellor é sempre tirar cara á adiante. Aínda que un se esnafre. “Co grande que es, se volteas, pégaste un hostión de campionato”, me dixeron unha vez na que comentei que ata facendo o pino se estaba ben.

Escoito un tema de Abe Rábade mentres deixo de mergullarme na situación ou posición de estar por arriba ou por abaixo. A importancia da mesma, o dito: depende.


Café Rooster. Ourense. Luns, 19 de maio de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario