jueves, 8 de julio de 2021

O ANCIÁN

A soidade, ás veces, consiste en sentar ante unha presa ou unha vaira para escoitar o ruído da auga e coa banda sonora dos grilos e dalgúns paxaros. O ancián está só. O ancián anda cerca ou poida que pase dos 90 anos, e na pel das súas mans asoman ben ás vistas as décadas que viviu. Para máis aquel, leva xa dúas en soidade. Contempla como cae a auga e imaxina que ve a zapateiros e cabalos do demo sobre o remanso da caída. Imaxina, porque a súa visión xa non é o que era. Por iso agora opta, nos seus paseos, por buscar lugares con ruído, con estrondo, con vida.


O ancián responde ó nome de Secundino Lamelas. Cando responde. Porque tamén a súa audición tampouco é o que era. Aínda así, e a pesar dos seus achaques e da súa soidade, Secundino intenta vivir a vida a base de sorrisos e gargalladas. Non lle importa rir só. Ri agora mesmo ante o salto rocambolesco dun sapo, porque engarrou contra unhas herbas e durante uns instantes quedou co bandullo para arriba. Logo da risa pensou ó momento na soidade da súa casa, que se lle facía sempre enorme. Tiña fillos pero todos estaban lonxe. Ou dicíanlle que estaban lonxe.

Para evitar volver pronto para a súa casa, seguiu un pouco máis ante a presa do Segundo, na zona dos Lamas. Alí era feliz escoitando o boureo da auga ou esperando a rir ante o chouto dun peixe sobre o leito do Arnoia ou ante a presenza dalgún verderolo. E alí quedou ata que se fixo case de noite.


Café A Pedreira. A Valenzá. Xoves, 8 de xullo de 2021

 

EVARISTO LUMBRERAS

A Evaristo Lumbreras gustáballe ler pola estrada que vai de Baños de Molgas a Os Milagres. E niso andaba cando o sol caía con forza sobre a zona de Entrelorríos. Cando rematou un capítulo do libro sentou nunha pedra ante o lameiro dun veciño do seu barrio e sorriu ó lembrar o alcume que lle puxeran os veciños molgueses: O Fillo do Vento. Porque como Evaristo, a maiores de ser un gran lector, corría moito pensaron que así sería coma unha homenaxe tamén a Carl Lewis. A verdade é que Evaristo Lumbreras corría máis que ninguén, principalmente cando se lanzaba por Sudalomba abaixo. Ás veces corría tanto que non podía coa inercia e non lle quedaba outra que baixar ás boleiradas.


O Fillo do Vento deixou de pensar porque a uns dez metros viu unha perdiz e axiña pensou que ese era o momento de probar a súa velocidade. Botou a correr detrás da perdiz. Esta, a verdade é que se viu apurada. O paxaro meteuse pola pista das Lagoas e chegou a temer pola súa vida. Non obstante, Evaristo soubo ó momento que non conseguiría pillar á perdiz. Correndo e todo, colleu o móbil e chamou a Usain Bolt para que lle botase unha man. Fose por telepatía ou polo que fose, o xamaicano, é dicir, o Lóstrego Bolt xa estaba preparado coas súas zapatillas douradas. Nun visto e non visto, ou mellor aínda, nun airiño cruzou o Formigueiro e Os Piuales e entre os dous acurralaron á pobre perdiz xusto no cruce coas Pedradarcas. Definitivamente, Evaristo Lumbreras xa non é o que era.


Café A Pedreira. A Valenzá. Mércores, 7 de xullo de 2021

 

miércoles, 7 de julio de 2021

FILOSOFÍA BARATA

Poida que si e poida que non. Todo dependerá. Se é si, será afirmativo e se é non, será negativo. De cando en vez sei seguir o ritmo da filosofía barata. Esa filosofía que é tan barata que tan só pode ser si ou non. Unha filosofía tan sinxela que se non tomo o café que me acaban de pór, quedo sen el. Non hai volta de folla. Nin peixe sen río ou río sen peixe. Os acuarios non contan. Porque se contaran iría o ritmo da filosofía ó carallo.


A miña filosofía barata di que se tomei o café en tres sorbos, non foi nin en dous nin en catro. E tomeino baixo o ritmo da “Marcha Imperial” de John Williams, que, con ela, sempre baixa mellor. Hai filosofías que van moito máis alá dunha banda sonora ou dunha folla en branco que se vai enchendo con pingas de orballo. Para unha boa novela xa cumpriría unha filosofía máis profunda, máis filosófica, máis fonda. A miña é barata e por iso os meus escritos tan só son pequenos relatos.

Joe Cocker non sei que andaba pintando cunha canción en “Nove semanas e media”. Quizais quixo excitar co striptease de Kim Basinger (filosofía barata), cando o auténtico striptease o levou a cabo Rita Hayworth en “Gilda”, e con tan só un guante! Nesa escena e na forma en que ten de quitalo si había filosofía!, pero da boa, da profunda, da esencial. Poida que si e poida que non, pensarán algúns. Que quede a cousa nun depende. Para non marear máis o peixe, para non andar con voltas e revoltas. Así, filosofía barata.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 6 de xullo de 2021

 

lunes, 5 de julio de 2021

SOMOS DEPREDADORES!

A verdade é que sempre quixen defender ou ilusionarme coa bondade do xénero humano; quizais influenciado un pouco polo dito ese de que o ser humano é bo por natureza. É un dicir, claro. Porque ante os últimos acontecementos ben sei incluso que non levamos o demo dentro, senón que nós somos xa o propio demo. A proba acabamos de tela nesa animalada que se cometeu contra ese rapaz da Coruña. Pero bote man ó exemplo que bote, a maldade do xénero humano asoma en cada un deles. Incluso xa desde ben pequeniños, pois por moito que se diga que os cativos son a inocencia pura, despois, a realidade amosa unha inocencia rastreira a base dos abusos nos colexios ou nos propios xogos.


E segundo o ser humano vai tendo máis coñecemento, imos a peor. A maldade faise máis patente e máis real. Matamos polos movementos dos marcos ou polas pelexas dos cans. No fútbol saímos a entrar forte, cos tacos por diante, e a enganar ós árbitros. Nos espectáculos, as envexas furgan e rañan na alma de moitos. Na vida pelexamos polo valor dunha palla. Na rúa esmagamos a aquel que nos estorba ou que nos molesta. Na política non tardamos dous días en volvernos corruptos e mentiráns. Nacemos para superar sempre ó adversario, custe o que custe. E cando nos custa moito non poñemos ningún pero en soltar o bulldog que levamos pegado á cara ou encerrado no corazón. Somos coma cans salvaxes sedentos de carnaza. Somos os maiores depredadores da nosa especie.


Café A Pedreira. A Valenzá. Luns, 5 de xullo de 2021

 

sábado, 3 de julio de 2021

A TRANCAS E BARRANCAS

A trancas e barrancas a selección española de fútbol vai pasando fases e eliminatorias na Eurocopa. Nunha Eurocopa que, cada vez que me poño diante da televisión, nunca sei onde xogan. Ó espelido que deseñou as sedes, as cidades e os países habería que facerlle un monumento á estupidez. A UEFA quere abarcar tanto que acaba perdéndose. E fai andar ás seleccións de aquí para alá coma monicreques. A trancas e barrancas tamén foron, como non, os sentimentos dos afeccionados españois (ou sexa, coma sempre), que se ó principio non tiñamos onde caernos mortos, agora ata case que poida que teñamos opcións de ganar tal torneo. Que se ó principio queriamos empalar a Morata, agora todos estamos de acordo en que é un gran xogador. A trancas e barrancas deixámonos levar, tamén, pola nosa propia estupidez. Que nin antes eramos tan malos (en tal caso, peores), nin agora somos tan bos (máis ben, regularciños). E non é menosprezar ós nosos xogadores (precisamente eu son dos que creo que os defendo a morte), senón que, sinxela e sinceramente, pouco máis temos. Poida que non se convocasen dous ou tres esencias, que o merecían, pero pouquiño máis. O que hai é practicamente o que temos.

A trancas e barrancas seica vai a audiencia de Mediaset nesta Eurocopoa. Polo menos na primeira fase. Normal. A selección non funcionaba e os comentaristas... ufff, os comentaristas son un á parte neste peregrinar televisivo. Ese tal Luque poñéndolle boca e palabras ós pensamentos dos xogadores. Ese cal Kiko falando da famosa empeña: que se lle deu coa empeña, que puxo mal a empeña e por iso o balón non foi á porta, que se lle dera coa empeña o tiro sería gol, etc. Morientes aínda tal, pero o pobre Camacho anda máis perdido que un peixe fóra da auga. Si me gusta Pablo Pinto, só que sexa polos datos (uns máis curiosos que outros) que dá ó longo da transmisión, tanto dos xogadores coma das seleccións.


A trancas e barrancas foron certas seleccións que, ó empezar, prometíanas moi felices, é dicir, que chegarían á final sen baixarse do autobús e unhas e outras acabaron caendo polo barranco da realidade, dunha realidade que di que para acadar a cume hai que suar sangue, suor e bágoas. Mañá saberemos como serán as nosas bágoas. Oxalá sexan de alegría... con eses que hai e que son os que temos.


Finca Fierro. Sábado, 3 de xullo de 2021

 

viernes, 2 de julio de 2021

ME CAGO NO SOL!

Para saír da casa ás catro da tarde en pleno verán hai que botarlle peito, hai que ter valor. Como fun á mili, pois... “valor: se le supone”. Teño valor e teño peito. Raquítico pero peito. Saín e díxenlle ó sol que non me molestase. El, obediente, acochou ou ocultou detrás da única nube negra que había no horizonte. En verdade que quedei algo abraiado, e pensei que o patrón da nosa galaxia sabería que eu era fillo do meu pai. Se o sabe, entendo o seu proceder. Porque o meu pai máis dunha vez insultaba ó sol. Era o pecado máis forte do meu pai: me cago no sol! E cando meu pai se cagaba no sol, tremía o mundo. E tremía eu, claro. Nunca me puxo a man encima, pero verlle aquela cara de vinagre cando se cabreaba ou escoitarlle aquel “me cago no sol!”, era o acicate ou a aguilloada para rezar con forza para que as vacas guiasen ben (ó arar, por veces, había que ir diante delas para que non saísen do rego), pois se nun momento dado se torcía o suco ou levantaba coa rella do arado algunha verza branca das que se puñan entre os pés das patacas ou do millo, aparecía aquel “me cago no sol!”, e eu sabía que iso era aínda peor que insultar ó de Arriba.


Seguro que o sol intuíu que eramos do mesmo sangue e colleume medo. Por unha vez gústame que algo ou alguén me teña medo. Non obstante, mirei para a nube negra e berrei un grazas; para ela por estar aí e para o sol por obedecerme e respectarme. Ás veces é bo simular que un é malo para que te respecten un pouco.


Café Kibu. A Valenzá. Venres, 2 de xullo de 2021

 

jueves, 1 de julio de 2021

SOBRE A MARCHA

Onte escribín un relato grazas á primeira frase. Frase que se me ocorreu polo camiño. E de aí, desa soa frase partiu todo o escrito. Hoxe, no mesmo traxecto, non se me ocorreu nada. Así é que non queda outra que mesturar todo o que asome pola miña mente, ou sexa, e como se adoita dicir: sobre a marcha. Si, porque ás veces non é tan fácil encher un folio ou unha páxina. Sempre reneguei das musas porque estas, como se ve, asoman cando lles dá a gana. Menos mal que tamén case sempre seguín a máxima de Cela: fincar os cóbados. Fincar os cóbados e a seguir!


Finco os cóbados sobre a mesa da terraza, contemplo a cunca do café xa baleira e mesturo. Mesturo as musas e as ganas que teño de traballar, co bozo que acabo de pór; aínda que non é necesario xa usalo ó aire libre, pero por se aquel. A verdade é que nunca me molestou moito; se quitamos, iso si, esas mañás nas que por culpa do frío, se empanaban os anteollos.

Sobre a marcha, e rematado o anterior parágrafo, fixen un descanso para contemplar como pasaba a xente e os coches e as pombas, e agora xa estou outra vez dálle que dálle e sen axuda de ningunha musa nin de nada que se lle asemelle. Simplemente os cóbados sobre a mesa e a man dereita agarrando con forza o bolígrafo. Si, sempre suxeitei o bolígrafo con moita tensión. Non sei a que se debe esa tensión, pero o caso é que no dedo corazón teño marca. Sobre a marcha a máxima de Cela fíxose relato.


Café A Pedreira. A Valenzá. Xoves, 1 de xullo de 2021