Cada
vez admiro máis a esa xente que se lanza a peito descuberto, que é
o mesmo que lanzarse ó baleiro, coa intención de sacar adiante
aquela idea ou ideas que lles roldan pola cabeza. Son dignas de meter
nese caixón dos heroes anónimos, eses heroes polos que sempre sinto
e sentirei certa paixón. Despois hai certas actividades nas que a
admiración vai incluso máis alá do heroísmo, porque ata se pode
dicir que é unha actividade cruel para quen empeza e, para máis
aquel, sendo muller e noviña, nun mundo no que aínda que nos custe
recoñecer segue a ser machista: a da publicación dun libro, do
primeiro libro que se escribe.
Escribir,
a algúns ata lles pode parecer e resultar fácil. Escribir é
bonito. Quen máis, quen menos empezamos a escribir de adolescentes;
ou ben porque os versos brotan dos fortes sentimentos, ou ben porque
as fantasías viaxan ou navegan por unhas ideades nas que nos
sentimos os reis do mundo. Quen non soñou cos latexos dun corazón
deitado nun papel? Quen non soñou con ser o Capitán Trueno ou o
Supermán para que o mundo seguise o seu curso? Escribir é bonito.
Pero é moi difícil publicar. E aquel, mellor dito, aquela que o
consegue por primeira vez imaxínoa cun halo de explosión semellante
a esas ansiadas bombas de palenque no día do patrón de calquera
parroquia. Quen de rapaz non esperaba esa bomba de palenque? Era a
éxtase festiva.
Imaxino
a Andrea López Saborido o día que lle comunicaron que lle
publicaban a súa primeira, e por agora, única novela: “No sin
ti”. Admito que alcanzase a éxtase ou que sentise que subía ó
sétimo ceo para veu estoupar a bomba de palenque. A ver!, era como
romper o cordón umbilical. Parira a novela e había que soltala para
que se espallase polas librarías e bibliotecas.
Non
hai moito, o 17 de febreiro, chegou ela mesma para esparexela pola
libraría Eixo da nosa cidade. Alí, a súa íntima amiga Antonia
Opazo Otero divulgou, propagou varias páxinas, estendeu un pequeno
resumo dunha novela fresca, de moi fácil lectura. “No sin ti”
amosa a unha licenciada á que lle ofrecen traballo nunha axencia de
detectives en Londres e axiña se verá inmersa nunha trama de acción
para demostrar que o seu obxectivo é un asasino. Nora busca vivir
unha experiencia e non sabe onde se mete. De repente as
circunstancias supérana e iso dá lugar a que ela se atope nunha
encrucillada na que se xuntan o amor, o medo e o misterio. A mestura
perfecta para que a novela engarce, prenda nun. De verdade que
engancha.
Polas
páxinas de “No sin ti” asoman descricións realmente incribles
con escenas que case se pode dicir que son cinematográficas. Outro
dos puntos fortes é que o personaxe principal aparece tan só en
dúas ou tres escenas, está como ausente, non obstante, séntelo de
continuo. E, pola contra, o personaxe secundario do libro seica será
o que protagonizará a súa seguinte novela, que xa ten medio
argallada na cabeza, “pero isto non quere dicir que sexa a segunda
parte de “No sin ti”, recalcou Andrea López na súa
presentación.
Andrea
López Saborido naceu en Vigo o 24 de xuño de 1984 (a piques de
cumprir 33 anos). Cursou os seus estudos primarios, secundarios e de
bacharelato no colexio Salesianos da cidade olívica. Despois xa lle
deu ós estudos de administración e dirección de empresas.
Traballou durante algúns anos no sector das artes gráficas.
Auténtica devoradora de libros e escritora de pequenos relatos desde
moi pequeniña, que, a xente, ó lerllos, foi a que acirrou nela para
que iniciase a súa primeira obra longa.
E,
segundo palabras dela, iniciouna na súa época de embarazada, cando
tiña que estar en repouso. Debuxou dúas ou tres escenas na cabeza e
axiña pasou a desenvolvelas. Logo xa lle chegou a época da tensión
(como a da novela), do calvario, do heroísmo que comentaba ó
principio: o da súa publicación. Mandou a novela a catro editoriais
e, logo de catro anos!, unha delas, Ediciones Atlantis contacta con
ela para lanzarlle cara ó ceo literario a bomba de palenque. Viuna
estourar e está contenta, moi contenta. Normal, despois de vivir
unha auténtica angustia durante catro anos. Iso é heroísmo ou non
é heroísmo?
Café
Paseo de Ramoleox da Valenzá. Xoves, 2 de marzo de 2017
Publicado
en La
Región
o venres, 21-04-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario