Que
bonito é soñar espertos! Díxeno, dígoo e direino sempre. Algúns
facémolo vendo unha película, outros lendo un libro, algún máis
escoitando música e, por que non, tamén os hai que soñan co
imposible. O caso é soñar. E hoxe aseguro que, ou ben dunha maneira
ou ben doutra, Culturactiva fainos soñar a todos con calquera das
súas actividades. É máis, xa leva no que vai deste mes de abril
facéndonos soñar en algunha das cinco localidades coas que
planificou unha aventura que imos destripar nesta reportaxe. Por
certo, as cinco localidades son Allariz, A Rúa, Baños de Molgas
(coidadiño!, palabras maiores), Barbadás (palabras especiais pero
máis pequenas) e Verín.
Durante
este mes de abril a distribuidora Cultuactiva, Sociedade Cooperativa
Galega, xunto co mago Teto, sacaron á palestra, ou sexa, a esas
vilas o programa Terra Máxica, que, como o seu nome indica, xa
imaxinades de que van os soños. Porque a maxia... a maxia vaia se
fai soñar!; moito máis incluso que coas artes que dicía no
anterior parágrafo. O soño desas artes, máis ou menos, imaxínalo.
Pero o soño da maxia é que o ves!
Culturactiva
é unha distribuidora de espectáculos teatrais, circenses (anda que
non fai soñar o circo!) e musicais. Así mesmo, desenvolven
proxectos propios coma, por exemplo, o Festiclown, ou o que é o
mesmo, o Festival Internacional de Clown de Galicia que, pouco a
pouco, xa se espallou por todos os territorios non só españois,
senón tamén mundiais. Esta distribuidora pode sentirse orgullosa de
darlle a coñecer ó respectable a xente coma Guadi Galego, Leilía,
Coanhadeira, Sergio Pazos, o incrible Leo Bassi e Fran Rei, que,
este, a maiores de facernos soñar coa súa maxia, xa nos fixera
soñar na propia Valenzá co espectáculo "Falar sen Cancelas",
nesta ocasión acompañado de dos monstros chamados Isabel Risco e
Pedro Brandariz, e que, faltaría máis, tiveron a súa
correspondente reportaxe neste Testemuñas alá polo 30 de setembro
pasado.
A
Cuturactiva ocorréuselle o programa de Terra Máxica pensando
precisamente que Ourense é unha provincia na que non hai moita
programación cultural fóra do que é a cidade (e se só fora
iso...). Así é que seguiron o lema de Mahoma: se a montaña non
pode ir a Mahoma que vaia este á montaña. Ou ó revés. É igual.
Culturactiva colleu e mandou ós seus profetas para que espallasen a
palabra de Deus polas vilas ou os soños dos nenos e non tan nenos
polos concellos. E niso están.
A
mellor proba: que o pasado domingo, día 2, xa iniciaron a súa
andaina, o seu camiño dos soños polas terras da Rúa, onde actuou o
mago Paco co seu espectáculo "Ledicias". Nesta localidade
terán as actuacións os domingos. Tamén os domingos 9, 23 e 30
haberá actuacións ou soños na Casa da Cultura de Allariz. Para
Verín escolleron o Auditorio Municipal e optaron polos sábados, 8,
22 e 29, nos que saltarán á palestra Fran Rei e os magos Teto e
Xacobe.
Que
si, que xa fixen adrede deixar para o final os dous concellos que se
escriben, que os escribo con palabras especiais (maiores e máis
pequenas) porque... Barbadás xa case se pode dicir que é o meu
concello de adopción e Baños de Molgas, ai Baños de Molgas!; a
estas alturas non precisa ningunha presentación pola miña parte.
Dádevos por resabidos dos meus sentimentos cara á esa vila que me
pariu e me criou. Na Casa da Cultura Manuel María de Barbadás os de
Terra Máxica actuarán os venres 7, 21 e 28.
A
Baños de Molgas pásalle practicamente o mesmo que comentaba
parágrafos atrás sobre a provincia de Ourense: que non hai moita
cousiña, que somos pobres, e punto. Porque en Baños de Molgas só
haberá unha actuación, a de Dani García, que o fará o venres 14
(Venres Santo) ás seis da tarde. Actuará no edificio multiusos da
Estación. Que significa iso? Que polo lugar no que actúa e en
compensación por haber tan só unha actuación na miña vila!, na
Venecia ourensá!, estou seguro que Dani García ou ben fai
desaparecer os vagóns de tren que haxa xunto ó aparcadoiro ou nun
amén máxico fai que pase o AVE coma un lóstrego,coma un suspiro
por diante dos narices do respectable. Ese instante será único e
irrepetible en Baños de Molgas. Será o celme, o gran soño dunha
vila inmensa. Entón, para que carallo queremos máis días!
Bromas
á parte; chapó para Culturactiva por levar soños a concellos que,
aínda que semella que non existen, están aí, que sempre estiveron
aí. Grazas por facer soñar espertos a nenos e non tan nenos coa
maxia que os levará a máis alá duns xogos internautas e duns
aparellos de labranza, que de todo hai na viña do Señor.
Café
Oren Express da Valenzá. Venres, 31 de marzo de 2017
Publicado
en La
Región
o venres, 07-04-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario