jueves, 26 de octubre de 2023

NA HORTA DA ALDEA


Quero cantar unha cantiga de berce, mais só me sae un rock and roll no ollo dun repolo. Opto entón por subir a el, ó repolo. E, aí, a maiores de cantar, bailo ó ritmo dunha carracha que se metera por entre as follas. Cada quen que lle busque tres pés á tomateira. Eu tan só canto, cavo e asubío rock and roll na horta da aldea!

Quero escaravellar nos pés das cebolas e son os allos os que me din que erro; que non é necesario cavar á beira deles, que simplemente queren pingas de auga ou de orballo para calmar a sede durante un tempo. Pero as malditas toupeiras que furgan polo inferno condenan a unha agonía lenta ós pementos de Padrón. Ou ós italianos. Que ninguén pense que unha horta é fácil de levar.


Quero xogar ó fútbol cos cabazos que se enlean, que se enmarañan, que se enganchan ós produtos sementados, porén só podo tirar á canastra coas peras verdes da froiteira. Non é doado escoller entre un pexego e un fatón, nin entre unha pavía e unha cirola. Optarei pola mazá, que me é moi boa para os ardores de estómago.

Quero escribir sobre a ladaíña dunha sementeira e tan só me asoma o rosario da colleita. Entre o amencer e a bocanoite transcorre a misa dunha vida labrega. Agora que cada un semente píbedas de conciencia, ou de sentidiño, ou de realidades, ou do tempo que vai e vén... e pasa. Quero correr pola marxe da leira, mais agacho debaixo dunha verza. Toca esperar por unha gavela de esterco.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 12 de outubro de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario