sábado, 14 de octubre de 2023

O UNIVERSO


Dicía aquel que o universo era infinito. Que va!; o universo é aquel que ti queiras crear. Tamén é verdade que algúns fan do seu universo unha trapallada. Vénme á cabeza ese ou eses personaxes que empezan a pulular pola cidade das burgas; desde un mono ata Spiderman, pasando por un buzo ou algún disfrace máis. Imaxino que o seu universo será unha chamada de atención para que gabemos, para que enxalcemos os seus egos. A ver, ó mellor a primeira actuación pois ata queda bonita e pándega, pero a reiteración cansa. Coma todo.


Dicía aquel que o universo está cheo de estrelas. Que va!; o universo ten a nosa lúa e xa nos chega. Para que queremos máis. Con contemplar a lúa chea é suficiente para que os ouleos se alcen, se eleven nas noites de inverno. A lúa vella é o universo do poeta. Mesmo do labrego; que aínda segue a rexerse ou a guiarse polas fases da nosa amiga. Na realidade sabemos que inflúe nas mareas.

Dicía aquel que o universo asubía silencio e baila distancias que son difíciles de crer. Sempre imaxinei un silencio marabilloso, pero, iso si, unha lentitude eterna, cando na realidade as velocidades tamén son difíciles de crer. O universo é o espazo aberto sobre o que construímos o noso proio mundo.

Dicía aquel que o universo é ese verso que se deita sobre o leito do noso soneto, da nosa morriña. Esa na que calquera soña con anestesiala, con durmila deica o infinito e máis alá. E xa por último, digo eu que o meu universo é o silencio co que escribo.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Venres, 29 de setembro de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario