sábado, 21 de octubre de 2023

ESTIRANDO A PATA


Estirei a pata, e quedei descansado. Non pensedes que morrín, non. Simplemente que levaba moito tempo coa perna esquerda encollida e xa me estaba collendo postura. Mellor estirala un pouco; estendela, estarricala. O de morrer vai para máis alá do tempo. Máis alá dos 100, polo menos. Aínda me quedan uns cantos Mundiais de fútbol por ver. Ou escoitar. Porque, a vista, xa veremos.


A pata levaba encollida, engruñada moito tempo porque se me deu por aí. Dixérame: a ver canto aguanto. E aguantei moito, moito tempo. Deica que notei que podía coller postura e, claro, se quero vivir tantos anos, non podo permitirme o luxo de quedar coxo, ou tollido, ou eivado, ou impedido, ou paralítico. É verdade que isto é o de menos, que o caso é vivir, aínda que sexa nunha cadeira de rodas ou encamado. A min, mentres non se me enferruxe a cabeza, mentres me sirva o entendemento, o sentidiño... coma se teño que vivir colgado dunha galla dun carballo das Mestras.

Cando por fin estarriquei a perna, notei algo así coma un estralo que pensei que xa quedaría tollido dela. Por forte só foi iso, un estralo, un estalido. Nun amén, nun credo, nun dicir Xesús empecei a movela ó compás do tema musical que estaba soando. Xa non lembro cal era, pero é igual. O caso é que non me atacou a cambra. “O insomnio dunha noite de verán”. Que? Que ese tema de Milladoiro era o que bailei coa perna esquerda. Mover movín as dúas ó compás, pero interesábame máis a esquerda. Non tardou en semellarse a unha perna de Mikhail Baryshnikov.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 5 de outubro de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario