lunes, 23 de octubre de 2023

NUN CHISCAR DE OLLO


A invasión era de tal magnitude que non quedaba país na Terra sen ser atacado polos extraterrestres. A xente chamáballes marcianos (influenciados, claro está, polas películas, pola televisión), pero a realidade era que viñan de tres ou catro planetas de máis alá de Plutón. Non se sabía como facían, pero o caso era que por onde pasaban arrasaban. E non tiñan compaixón de ninguén.

Eu era dos poucos que andaba a velas vir polas carreiras espalladas ós arredores da vila de Baños de Molgas. A velas vir porque non sabía que facer. De oídas sabía que eran practicamente inmortais. Por moito que se lles disparase, por moito que se derrubasen con guindastres e co que cadrase, non había maneira de acabar con eles. Erguían e seguían arrasando.


Nun momento dado no que andaba acochado detrás da parede dunha carrilleira que hai polo Lameiro de Arriba, así, de súpeto, de socate, atopeime cun extraterrestre. Case nos cagamos os dous co susto. Eu, quizais por inercia, chisquei o ollo esquerdo e, zas, vexo como o bicho se arrinca a cabeza. Coas súas propias mans! Quedei sen fala! Botei a correr e, ós poucos metros, outros dous abisinios. Pensei rapidamente e chisquei por dúas veces o mesmo ollo. Alá foron outras dúas cabezas.

Co seguinte que atopei fixen a proba co ollo dereito. A cousa aquela fixo ademán de dispararme, pero ó instante xa chisquei o esquerdo. Outra cabeza ó carallo! Desde ese momento empecei coa miña guerra particular. Tanto que xa teño un tic nervioso no ollo esquerdo. E, claro, caen a esgalla, ás moreas.


Cafetaría La Consentida. Ourense. Luns, 9 de outubro de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario