miércoles, 13 de marzo de 2024

ENFRONTAMENTO NA AIRA DE ARRIBA


A Aira de Arriba de Baños de Molgas estaba preparada para o evento. Dous días antes, os propios veciños limpárana como se limpaba antes nos tempos da malla. O evento vaise celebrar ás catro da tarde, en plena canícula. A ocasión merece toda a luz do día e os máximos espectadores posibles.


Tal acontecemento vai ser o enfrontamento entre un piollo e unha pulga. Nunca tal se vira en Baños de Molgas. Dúas horas antes empezaron a chegar os primeiros espectadores: unha ducia de carrachas. Que non tardaron en multiplicarse por centos na seguinte media hora e, por milleiras, a piques de iniciarse o enfrontamento.

Primeiro saíu a quentar o piollo reptando desde un can que estaba á sombra do pé dun canastro, e baixo os berros emocionados das carrachas. Non tardou en entrar en escena a pulga, que, baixo os aplausos dos afeccionados, apareceu saltando desde o gato que, este si, estaba ó sol á beira doutro pé do canastro, pero algo máis lonxe do can.

Dous minutos antes de iniciarse o combate, a lide, apareceu a árbitra: unha cascuda gorda e con certa chulería; aterrou sobre a aira coma un helicóptero botando os bofes. Non tardou en especificarlle a norma a seguir: que non había normas. Que se buscasen a vida ou que se salvasen como soubesen ou puidesen.

Ergueu unha á para dar inicio ó combate. Nin a baixou. Da nada apareceron cinco pardais e non deixaron bicho con cabeza. Aquilo foi unha auténtica desfeita, unha masacre. Só se salvaron media ducia de carrachas porque, nun amén, xa me meteran na pel do can. Non houbo combate.


Café Beker. Ourense. Martes, 12 de marzo de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario