miércoles, 20 de marzo de 2024

GABIA A GABIA


Pouquiño a pouco. Paso a paso. Golpe a golpe. Gabia a gabia. Encherei a leira. De patacas. A golpe de sacho e aixada e a queixas dos cadrís acabarei a sementeira delas. Non é tarde. Antes, case sempre tiña marcados os días da Semana Santa para aproveitar á familia que estaba fóra e viña de vacacións. Antes, era certo, sementaba eidos enteiros. Agora, como semento tan só pequenos terreos, pequenas hortas, pequenos agros, pois empezo en calquera momento. Antes sementaba as patacas en Baños de Molgas. Agora toca facelo pola zona do Ribeiro e, claro, hai diferenza na temperatura, nas propias terras.


Caeron oito gabias pequenas. Dentro de dous días, se o tempo o permite, caerán outras oito ou as que cadren. Se chove, repito, non é tarde; outro día será. Botándolle o ollo á finca (xa teño confesado moitas veces que a mellor medida que existe é a de “a ollo”), penso que teño para tres quendas, tres mañás. Tomando o asunto con calma, con moita cachaza. Polo detalle de que non hai présa e... para que vou rebentar!

Hoxe caeron oito en pouquiño tempo; nunha hora ou en pouco máis dunha hora, creo. A muller tiña présa. E eu... como sabía e sei que teño incluso todo o abril... Aínda que, como poida e o tempo me deixe, a finca caerá en tres días, ou sexa, pouco máis de tres horas. Porque as quendas irán pouquiño a pouco, paso a paso, golpe de sacho, golpe de aixada, gabia a gabia e, si, tamén, queixa a queixa. Para rematar coa ladaíña que se di sempre: Que Dio-las aumente!


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 18 de marzo de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario