viernes, 29 de marzo de 2024

MALDITA ESCURIDADE!


Como ninguén me dixo que a escuridade deixa de ser negra se lle dou á chave da luz e, non dándolle, sigo ás escuras. Ás escuras non vexo un carallo. Ando polo cuarto (ou polo que sexa) de aquí para alá e como galo sen cabeza. Choco contra as paredes e as portas, tropezo coas cadeiras e, creo, calzado que hai polo chan. O que peor levo é o de topar coas trabes e pontóns. Están baixos e eu son alto.

Son tan alto que me teño que agachar ó cruzar as portas. Porén, segundo alto que son, síntome máis torpe que ninguén. Sei que non son agudo coma un allo e, para máis aquel, a intelixencia que teño é pouca. Nin tan sequera son capaz de atinar coa claridade desa escuridade que non me deixa ver un burro a tres pasos: un simple interruptor da luz.


A escuridade, en certos momentos e para certas cousas ou asuntos ou xogos é bonita. Tamén é daniña: golpes a esgalla e por cada parte ou centímetro do corpo. A escuridade é bonita cando se quere estar só e en silencio. Que, isto, tamén se pode coa claridade, mais a concentración é outra. Sempre digo que cos ollos pechos é cando mellor vexo. Porque os soños son así de sinceros, ou sexa, que soño como quero.

Como a intelixencia miña é a que é, sigo ás escuras. Ninguén me dixo: acende a luz ou dálle á chave. Creo que acabo de pisar, de esmagar un rato, ou algo. Un chisco de noxo si que dá. Non obstante, sigo dando voltas, e levando golpes, e soltando palabras groseiras, e deixando caer algunha que outra bágoa de impotencia. Porque, si, chegou o momento en que a impotencia xa é moita. Maldita escuridade!


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 27 de marzo de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario