miércoles, 2 de abril de 2025

O ACCIDENTE DO RAÑADO

 

Corrín detrás de Felisindo, O Rañado, porque me roubara unha cesta de peras que tiña na palleira. Ó mellor era de mazás; mais é o mesmo delito. Corrín coa lingua fóra porque el corría máis ca min. E iso que era coxo, o condenado. Coxeaba da perna esquerda, que seica lla partira un cabalo cando este caeu enriba del.

O accidente acontecera na carreira que leva ós Caneiros, alá pola vila de Baños de Molgas, cando o movemento dunha serpe no valado asustou de tal forma ó cabalo que, a maiores do brinco que deu, acabou caendo sobre a perna esquerda do Rañado. Cóntase que os berros, máis ben os alaridos, de Felisindo foron tan intensos que, outra vez o cabalo, co susto, levantouse, ergueuse nun amén, nun alustro. Algo que quizais, dentro do malo, mellorase a situación do Rañado. Non poderemos saber como quedaría a perna no caso de que o animal seguise alí per secula seculorum.


A verdade é que tampouco sería tanto tempo; os alaridos do rapaz axiña alertaron ós veciños que non tardaron en formar unhas angarellas, unhas padiolas de troncos de toxos (alí mesmo había uns toxos arnais que semellaban carballos) coa que o trasladaron ó centro médico molgués e, de aquí, axiña marchou para a residencia sanitaria de Ourense.

Como non conseguiron arranxarlle ben a perna (o peso do animal fixera un auténtico estrago) quedoulle xa unha coxeira de por vida. Coxeira que non evita que, o malnacido, ande a roubar todo o que atopa no seu camiño. Está tan acostumado a fuxir que, mesmo coxo, corre coma quen leva o demo detrás.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 2 de abril de 2025


Foto: Carreira do Caneiro (Baños de Molgas - Ourense)

No hay comentarios:

Publicar un comentario