sábado, 19 de abril de 2025

SILENCIO NA ALGARADA DOS SOÑOS


Estou á espera de que pase algo. Non pasa nada. Nin tan sequera unha rula. Nin tan sequera o sorriso de alguén. Todo está en silencio. Todo é baleiro. Tampouco avanza o poema. O poema no que caían sentimentos en asonante, e os pensamentos ían en consonante. Pura poesía.

A tarde é de primavera, con nubes ameazando chuvia e con certo frío de neve. O aire espalla dentes de león polo outeiro dun peito de muller e a nostalxia bebe dun tempo que foi. Sempre chegará o día no que algo pase, aínda que nada cambie. Tamén pode cambiar todo, sen que nada pase. Ás veces as cousas non son nin como ordenamos nin como queremos; son como son. Por veces ata no baleiro notas algo... só que sexa o silencio.


Levo un cacho esperando e segue sen pasar nada. Incluso o refacho de aire que espallou os dentes de león xa pasou e semella que non volve. É como eses soños bonitos que tivemos pero que non volven. Realmente, nada volve. Todo o que pasa non volve. Nin tan sequera os mesmos versos volven ó poema. A pura poesía quedou colgada no baleiro. Agora quedará por saber se aguanta ou non, se se esnafra ou non, se pasa a novela ou non.

As nubes negras aumentan. O frío mantense. A tarde de primavera está tristeira, está como mancada, como coxa, como se tivera unha perna rota, como se tamén, ela, colgara no baleiro. Nese baleiro da señardade, na que o desexo quere ser dente de león, e pinga de orballo, e flor de toxo, e bafo de espello, e silencio... silencio na algarada dos soños.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 18 de abril de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario