lunes, 14 de julio de 2025

FORZA DE VONTADE


Ás veces pregúntanme se teño forza de vontade e sempre contesto que moita. Sei que teño que erguer da cama, pero a miña forza de vontade tenme pegado a ela durante horas. Xa sei que algúns ou moitos dirán que iso é nugalla, vagancia, galbana. Que va; non é fácil botar horas na cama sen facer nada. Nada fácil. Hai que ter unha forza de vontade enorme.

Cando falo dos soños, algúns repréndenme con que soñar só se soña durmidos. É mentira; teño tanta forza de vontade que, desde cativo e durante todos os días, soñei esperto. A forza de vontade consiste en facer posible o imposible. Para algo se dixo sempre que non hai nada imposible. Para min, non.


Teño tal forza de vontade que, o outro día, conseguín correr os 100 metros lisos nun alustro. Foi o día precisamente que non me movín da cama. Saín do punto de saída valla a redundancia, cando soou o trono e cheguei á meta cando asomou o alustro, a chispa, o relampo, o lóstrego, o lustro, o relustro, o apago. Cantos nomes para un disparo tormentoso. Para que algúns digan que o galego non é bonito.

A forza de vontade consiste na facultade de decidirse a actuar ou non actuar, de decidir algo despois de reflexionar. Que reflexionar nin que carallo: de súpeto e a peito descuberto! Tamén é a firmeza para realizar algo, mesmo en contra das propias inclinacións. Pensamento de facer certa cousa ou desexo de que se leve a cabo... saber que tes que erguer da cama e ter forza de vontade para non facelo. A miña vida baila ó ritmo que eu lle marco, é dicir, segundo a miña forza de vontade. Que xa dixen que era moita.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Domingo, 13 de xullo de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario