lunes, 28 de julio de 2025

UN GALIMATÍAS DE RÓNCALLE O NABO


Adoito dicir o que penso cando non penso nada. Se penso algo refúxiome na covardía do baleiro ou do silencio. Por veces cremos que pensamos algo, pero non pensamos nada. Neses momentos o intelecto queda buxán e aboia sobre a nada. Máis ou menos. Pensamento arriba, pensamento abaixo; case como o ser ou non ser.

Se penso, por exemplo, na flor do toxo non digo nada por medo a non descifrar ben a súa cor. Se cadra ás veces nin ten cor. Toda a vida por entre toxeiras e, agora, de súpeto, dubido da súa cor, da intensidade da súa cor. Talvez esta dúbida parta máis desa covardía do silencio. Mellor non dicir nada para non meter os pés polas mangas.


Adoito dicir o que digo porque o deixo escrito. Se non o escribira, máis seguro que me dirían que estaba maldito. Do dito ó feito vai un treito. Do esperpento á carallada non vai nada. E isto si o digo oralmente e por escrito. Aí non hai baleiro nin silencio. Hai heroicidades que caen, mansiñamente, sobre unha páxina en branco.

Se digo o que penso sen pensar en nada, entendo que é unha incongruencia que ninguén vai crer. Emporiso, non sei dicir outra cousa. Podo dicir aquilo de onde dixen digo, digo Diego. Outro máis ou menos. Porque a min estas expresións non acaban de convencerme. As cousas dinse ou non se din... aínda que non se pensen. Aínda que pensemos que pensamos o que non se debería pensar. Ou dicir. Un galimatías de róncalle o nabo.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 24 de xullo de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario