miércoles, 16 de julio de 2025

NON É LISTA ELA!


Solicitei unha autorización para instalar unha antena de telefonía móbil no corno dunha vaca. En concreto, na Turina. Como esta foi e aínda é de armas tomar, estou acumulando uns carrouchos de millo para, cando chegue a ocasión, pillala a man. Coller a Turina para xunguila sempre tivo o seu aquel. Menos mal que como as cousas da administración van como van, é dicir, peor aínda que unha andaina ó ralentí dun sapoconcho. Mentres espero pola autorización paso cos aparellos por diante dos ollos da vaca para que se vaia acostumando.


A Turina é desas vacas que, ó intuír que andamos detrás dela para xunguila, levanta o rabo e non tarda en abeirar; coma quen que lle escapa ós tabáns. Non é lista ela! Na casa xúnguese ben porque a collemos na propia corte e non ten para onde escapar, pero cando imos ós toxos a Sudalomba, alá no monte Medo e moi cerquiña d´Os Milagres, ergue o rabo e... patas para que vos quero. Por veces houbo que ir por ela á casa, é dicir, a tres quilómetros do carro. Aclarar que, cando chegabamos co carro a onde estaban as gavelas dos toxos, soltabamos a xunta para que pacesen algo mentres cargabamos ou mentres aínda rematabamos de rozar as 90 ou 100 gavelas que levaría a carrada. Levabamos carrouchos de millo nos petos do pantalón ou da gabardina para ensinarllos e que se deixase coller. Non era lista o carallo da vaca: botábase a abeirar nun amén.

Agora mesmo estou a ensinarlle o medio caldeiro de carrouchos que xuntei, a ver se se decide a comelos. Estase achegando, pero o rabo tamén o está levantando xa. Non sei eu...


Café Kibu. A Valenzá. Luns, 14 de xullo de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario