Solicitei permiso para buscarme a min mesmo. Ás veces pérdome e teño que andar cun ollo no prato e outro no gato, é dicir, ó axexo. Non sería a primeira vez. Que me perdo, digo, pois xa me perdín varias veces. Certo, por pouco tempo. Porque chámome, berro o meu nome e axiña me escoito. Despois, cada vez que me encontro, solto unha gargallada. Unha desas que alixeiran os nervios. Quéirase que non, chego a preocuparme cando me perdo e cando tardo en atoparme.
Porque, si, logo me encontro, pero si hai veces nas que tardo, ou ben porque algún penedo non deixa pasar o son do meu propio nome, ou ben porque no túnel da ponte das Cepas, ó berrarme a min mesmo, o eco espalla o nome e non sei por que lado buscarme.
Case prefiro que non me dean permiso e perderme para sempre dunha vez. Que pinto aquí? Para o que valgo... Ninguén me botara de menos e a min nin me vai nin me vén que me recorden. Que carallo, total a vida é un pasar, un percorrido por unha carreira calquera, iso si, chea de coios, ata a fin, ata o derradeiro suspiro, se entende.
Emporiso, e como intúo que me concederán tal permiso, xa me vou buscando. Nada, simplemente por ir adiantando. Preparo a gorxa, modulo a voz para, chegado o momento, berrar o meu nome. Hoxe dáme que me vou encontrar axiña. Onde estou non hai penedos nin túneles. Así é que cando me chame nin tan sequera terei tempo para responderme. Aparecerei de súpeto e xa está. Mentres non me concedan o permiso... sigo perdido.
Café O Chicote. A Valenzá. Martes, 9 de setembro de 2025
Foto: Túnel antes da ponte das Cepas (Baños de Molgas - Ourense)
No hay comentarios:
Publicar un comentario