sábado, 6 de septiembre de 2025

SILENCIO E RUÍDO


O silencio é bonito cando hai silencio. Ou cando se demanda silencio. O ruído é agradable cando a soidade cansa. Ruído e silencio. Soidade e barullo. Os dous xuntos, xunguidos, unidos. En cada instante, en cada momento deixarei que os dous se mesturen nos soños, nos desexos. Na realidade, xa digo, asociados, axugados.

O silencio é bonito cando o pensamento o necesita. Cando o entendemento está de canga baixa, de capa caída, a barafunda cabalga sobre a almofada mental dos anhelos. As noites son propensas ó silencio. Os días, ó ruído. Entre luscofusco andan os dous á xaneira, en celo para, ó amencer, parir palabras de orballo sobre o intelecto apaixonado.


O silencio é bonito cando os versos saen cachazudos e acompasados. Cando se recitan, o ruído anega o poema con esa conciencia escura, tirando a negra. Os versos forman a estrofa que alenta a esperanza. O poema énchese de realidades que poden ser certas ou non, que poden quedar estancadas ou non, que poden ser fermosas e eternas ou non.

Silencio e ruído. Barullo e soidade. Xuntos. Vivindo e facendo vivir. Xunguidos como almas xemelgas que se abrazan nos sonos do tempo, nos espertares da existencia. Agora todo flúe en silencio e todo racha, esgaza co algareo da incerteza, da inseguridade. Señardade e rebuldaina. Rebumbio e saudade. As palabra de orballo enchen o poema en silencio que, ó lelo, produce ruído. Ás veces... moito ruído.


Café Brétema. A Valenzá. Venres, 5 de setembro de 2025


Foto: A Cidade Encantada (Cuenca)

No hay comentarios:

Publicar un comentario