viernes, 31 de mayo de 2013

IGNORANTES QUE VIVEN COMA DEUS


              Hai unha película americana de 1982 interpretada por Robert Duvall titulada “Grazas e favores”. Así tiña que titularse tamén unha en España protagonizada por Ana Mato, a ministra de Sanidade, e coa trama Gürtel como argumento do filme. Xa sei que é un tema moi trillado e incluso cun chisco de aburrimento, pero os datos sobre a corrupción, os favores, as grazas, o ladroízo, as mentiras e a falta de xustiza neste país chegan a un punto en que, a min, persoalmente a min, me rebentan as entrañas, os fígados. Porque sei que se estas cousas saen á luz, axiña imaxino aquilo que non sabemos. Se nos alporiza todo o que está pasando por diante dos nosos ollos e, para máis aquel, vendo que a xustiza segue de brazos cruzados, non atopo palabras para describir todo aquilo que estarán cometendo ás agachadas. Non me estraña que empecemos a ter fama de corruptos. Somos corruptos! Despois de todos os beneficios económicos que teñen, andan polo mundo a gastos pagos, bebendo á conta dos nosos cartos e coa ousadía de proclamar aos catro ventos de que, por unhas ou outras cousas, non son culpables. Ana Mato non sabía nada. A infanta Elena non sabía nada. O noso presidente Feijoo non sabía nada de nada de Marcial Dorado. Aquí ninguén sabe nada. Son ignorantes, pero viven coma Deus.


              Finca Fierro. Venres, 31 de maio de 2013

OS DEFECTOS DE AARÓN


              Con tan só dúas fichas de dominó Aarón Mobile Sarreaus construíu un castelo de conto; no que un cabalo de cor branca brincaba no patio ante unha egua gris á que lle faltaba un dente. Ás veces, Aarón Mobile corría espido por todo o paseo da muralla e logo, cando chegaba a noite, loitaba contra os fantasmas que berraban pola chaira da aldea. Aarón Mobile Sarreaus nacera con tan só catro dedos na man dereita e, cousa rara, moqueaba polo oído esquerdo. A xente, ao velo, púñaselle pola outra beira para falar con el e para evitar o espectáculo dos mocos. Case se pode dicir que os seus veciños tan só coñecían a Aarón Mobile Sarreaus de perfil. Era raro velo de fronte; polos seus defectos e porque el non se deixaba ver moito. Vivía só no castelo e afastado das amizades, se é que tiña algunha. Co dedo furabolos furgaba no oído esquerdo e de alí saía o esterco co que abonaba a súa boca. Outro gran defecto.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.

              Mércores, 29 de maio de 2013

jueves, 30 de mayo de 2013

NUN RECANTO DA MEMORIA


              Quen lle mete man á pedra labrada nunha tarde de silencio? Un punteiro golpea no medio dela e un lamento vaga por todo o monte Medo. Rexouba de catro pardais por entre uns codesos e o ouleo triste, lento e longo do lobo arrepía a todos os nenos. Quen asubía desde o alto da Lomba para deixar a unhas lavercas en silencio? Niño de azulenta nunha toxeira dos Currás e sapoconcho na laga da Tapada dos Ferreiros. Zigzaguea a serpe por entre as carpazas de calquera outeiro e un neno bótase a boleiras por unha pendente de inferno. Hai nubes brancas que pasan e un ruxerruxe procedente do monte de Pinouzos semella unha treboada de ruídos descoñecidos; pero tan só é unha bandada de patos que asoma alá por Portugalego. Quen se deita ao pé dun palleiro de herba seca? A infancia déitase a modiño nun recanto da memoria para que o presente e o futuro soñen en silencio e en calquera momento.


              Biblioteca da Valenzá. Venres, 24 de maio de 2013

miércoles, 29 de mayo de 2013

QUEN, SE NON!


              Non me estrañaría nada que, non tardando moito, este país rebentase dunha vez. O asombroso é que aínda non o fixese. Despois de todo o que nos están facendo e do que nos queren facer. Os políticos, claro, Quen, se non! O cabreo vén porque les a nova de que o congreso subvenciona as copas a deputados e invitados. O normal é que un se quede coa boca aberta, coma un pasmón, porque axiña te pos a pensar e asoman á túa memoria os soldos deses presuntos políticos, os choferes para eses supostos políticos, as axudas de custo para eses hipotéticos políticos; todo é ao seu favor e todo é a roubar nos petos dos pobres desgraciados que somos nós. Despois, claro, aínda somos máis desgraciados porque imos de papáns, de papamoscas e votámolos unha e outra vez. Moitos, logo de ler estas novas ou de oílas, aínda critican ao criticador porque seica son merecentes de todas esas axudas e subvencións. Os políticos, claro. Quen, se non! Vivimos nun país corrupto e cheo de ladróns.


              Maceda. Mércores, 29 de maio de 2013

martes, 28 de mayo de 2013

POR UN CACHIÑO DE PODER


              O tempo de bailar sobre a punta dun pé xa rematou. Agora díselle a calquera: “sobe a este dedo e baila”. O dedo é o dunha man e situámolo en situación vertical e cara arriba. Agora non temos educación. Botámonos para adiante sen importar a quen aldraxamos, a quen asoballamos. Perdón, si o sabemos. Atropelamos ao inocente, ao débil. Non somos parvos e non nos atrevemos cos máis fortes, cos máis poderosos. A estes, como se adoita dicir, facémoslles a pelota. Certo que é outra forma máis de tirar para adiante, aínda que sexa rebaixándonos, arrastrándonos. Por un cachiño de poder damos un mundo, sen vergonza ou con disimulo. É igual, o caso é ser máis ca aquel. E cando xa temos o poder (o poder mal conseguido, se entende), xactámonos del, presumimos del e pregoámolo aos catro ventos. O caso é facer ostentación dese poder para que ninguén nos rosme. E hoxe en día somos moitos desta maneira no noso país.


              Cafetaría Menfis de Ourense. Venres, 24 de maio de 2013

domingo, 26 de mayo de 2013

TENSIÓN NO CASTIÑEIRO



              Tensión no alto dun castiñeiro onde unha pega mira de mala maneira a un merlo. Quen o mandaría subirse aquí, pensa a pega. Mira qué fachendosa está e que pouco representa, remoe o merlo. Mentres, o aire, que bate forte alá arriba, move as colas das dúas aves e estas teñen que facer un verdadeiro esforzo para suxeitarse. Se o levara o demo, digo o aire, murmura a pega. O merlo torce a cabeza e disimula que peitea unha folla. A pega, de chula, quere algo máis forte e lanza o seu pico contra o cañotiño que amarra o ourizo da castaña á árbore, pero con tan mala fortuna que peitea no propio ourizo e dóelle. O merlo ri polo baixo e ponlle o cu á súa rival para evitarlle máis vergoña. As uñas da pega calcan con forza sobre a galla na que pousa. A rabia é grande. E desexa máis ca nunca algo para darlle na cara ao merlo. Xusto neses momento bótalle unha man un gabián que fai fuxir ao merlo, aínda que ela tamén larga… por se acaso.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Xoves, 23 de maio de 2013

ACOSO E DERRIBO Á NOSA LINGUA



              Con confusión ou sen confusión; con razón ou sen razón, con fundamento ou sen fundamento, por unhas cousas ou por outras á nosa lingua galega sempre se lle deu para atrás desde a época de mariacastaña. Ou, polo menos, intentouse darlle para atrás. Aínda hoxe. É máis, agora mesmo, máis ca nunca. Ata os propios galegos (caso de Galicia Bilingüe) prefiren, por exemplo, o inglés á propia lingua galega. Tráfico quixo multar ás autoestradas por rotular os sinais en galego e non dixo nin mu por estar en inglés. Agora achacan que foi unha confusión. Entendo por confusión unha ou dúas ou, poñamos por caso, ata algunha sinal máis; pero seica foron aínda unhas cantas máis. Iso xa non é confusión. Iso é esmagar, perseguir, acosar e intentar derribar a nosa lingua na nosa propia terra. Tráfico volveuse atrás grazas ás protestas, se non creo que seguirían co acoso e derribo do noso idioma.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Xoves, 23 de maio de 2013