viernes, 4 de febrero de 2022

SE DIGO QUE...

Se digo que o ceo está azul, será porque está despexado. Se digo que o mar é verde, ou mesmo azul tamén, será porque nos engana a vista. Se digo que as dereitas se apropian do legado de Castelao, será porque teñen moita cara e pouca vergonza. Principalmente, pouca vergonza. Volveron a facelo no 136 aniversario do seu nacemento. Se digo arre, será porque estou subido a un burro. Claro que, non sei a que burro. Porque hai burros e burros.

Se digo que se transplantaron dous riles manipulados de porco a un ser humano, será para comprobar e demostrar que, o porco, a maiores de que é un animal ó que se lle come todo desde a punta do rabo ata os ferretes dos fociños, vale incluso máis que para alimento das persoas. Os galegos, por sorte, tivemos tres animais ós que deberiamos adorar máis que a ese famoso becerro de ouro: as vacas, os burros e os porcos. Que nolo deron todo.


Se digo que me tiro minutos contemplando a estrada, será porque quero ver pasar algún coche. Se digo que alucino en colores, será porque non soño en branco e negro. Se digo que escoito a Melendi, será porque aínda non apareceu Sabina. Se digo que as medidas que se tomaron nos hospitais a causa da pandemia para visitar ós pacientes e que afondou na soidade destes, será porque non quedaría outra. Pero é moi triste estar convalecente e que durante días ou meses non te visite ninguén. Quizais lle fixese máis dano esa soidade que a propia enfermidade. E se digo que isto remata, será porque o espazo non dá para máis.


Café A Pedreira. A Valenzá. Xoves, 3 de febreiro de 2022

 

jueves, 3 de febrero de 2022

SOBRE OS BENS DA IGREXA

Coa Igrexa topamos. E topar coa Igrexa é peor que topar contra unha parede de granito. Estes días andan o Goberno e a Igrexa co baile dos bens inmobles inmatriculados que esta se apropiou entre 1998 e 2015 baixo o amparo dunha lei hipotecaria que se reformou no mandato do gran señor Aznar. Segundo un listado que realizou o Goberno aparecen 34.961 bens que non se matricularon. E case podo asegurar que a inmensa maioría dos matriculados, matriculáronse daquela maneira. Os máis vellos do lugar sabemos o poder que tiña a Igrexa para facer e desfacer ó seu antollo. Cada vez que penso nas posesións que ten a Igrexa e nas formas en que se conseguirían, unha pequena carraxe, que digo pequena, unha gran carraxe sóbeme polas veas.


É que mesmo sendo todo legal, os máis vellos do lugar lembrarán o que había que facer nesas posesións para ter á Igrexa contenta. Recordo de rapaz, pois, por exemplo, na época de arrincar as patacas, que media vila de Baños de Molgas, que digo media vila, que os máis pobres (ou os máis parviños) tiñamos que ir botarlle unha man ó cura para axudarlle a arrincalas por toda a finca. Por certo, o de botarlle unha man é un dicir, xa que el nin se agachaba nin collía unha eixada e, por veces, nin aparecía por alí. Agora mesmo non lembro moito, pero imaxino que nos pagaría cun cachiño de empanada e para de contar. Que a Igrexa, para estas cousas, sempre estaba moi pobre. E eses traballos non se facían para obter unha recompensa, senón para poder entrar no reino dos ceos. Calquera lle tose á Igrexa.


Finca Fierro. Xoves, 3 de febreiro de 2022

 

miércoles, 2 de febrero de 2022

NON SEI NADA DE MIN

Que forte! Non sei quen son. Nin de onde veño. Tan só que estou sentado na terraza dun café, tomando precisamente un café. Dáme corte preguntarlle ó camareiro se sabe como me chamo. Aínda que non creo que o soubera. Penso que non son dos que van dicindo por aí o meu nome. Porque tampouco sei moi ben se dar o real ou o alcume. Non sei por que, pero sóame que teño un alcume. Sempre oín que no noso país todos temos algún alcume. Non obstante, agora mesmo non lembro nin o nome nin o alias.


O peor chegará cando queira marchar. Para onde vou? Non sei nin de onde son nin de onde veño. A angustia, quizais o medo, xa me aperta o peito. Nin tan sequera sei se teño familia. Se vivo só. Ou nunha comuna. Ou de aluguer. Ou con piso ou casa propia. E se vivira debaixo dunha ponte ou xunto a un caixeiro?

Miro dúas pombas (que sei que son pombas) peiteando por entre as mesas e vexo os coches pasar. Sei que estou na Valenzá, como sei tamén o nome do camareiro; pero non sei nada de min. Isto é o que empezo a notar que é o gran problema: que máis ou menos sei certas cousas, agás as relacionadas comigo.

Nin sei que gustos teño. Nin se soño esperto ou durmido. Non sei se teño sentimentos e se lanzo suspiros. Non sei se me gusta ler ou escribir, aínda que estea escribindo agora. Non sei como se chaman as prendas de roupa que levo postas nin o aparello co que escribo. Quen son? De onde veño? A onde vou? Puta filosofía barata!


Café Sports Century. A Valenzá. Martes, 1 de febreiro de 2022

 

martes, 1 de febrero de 2022

UNHA CARTA MOI LONGA

Escribinlle unha carta a quen corresponda. A carta é longa, moi longa. Non acostumo a escribir cartas, pero cando o fago non me quedo curto. Esparéxome coma ese cabañón de herba que queda segundo a gadaña vai pasando ó ritmo duns brazos fortes, rexos e rápidos. Isto non o explico na carta. Para que? Non o entenderían. Moitos nin tan sequera saberán xa o que é un cabañón. A carta ten tantos folios que os quixen numerar, pero optei por non facelo. Se os numero, o que a lese, ó ver o número tan alto, seguro que se asusta e nin a empeza.


A ver, tampouco é que conte nada doutro mundo. Máis ben podo dicir que son trapalladas sen xeito nin dereito que enchen, iso si, moitos pero que moitos folios. Falo do universo sen fin e dunhas de rosas que hai á beira dunha lagoa, por exemplo. Rosas tamén as hai nos xardíns; pero estas quedan máis ben para as poesías. As rosas do xardín péganlle mellor a uns versos que a unha lagoa, mentres que unha rosa solta pode aparecer en calquera lugar. Falo dun sentimento que ás veces perde nitidez porque intento miralo a través dun espello con moito bafo, pero sabendo que, faltaría máis, está aí. Como non vai estar, se os sentimentos non se esfuman así como así.

Pola metade da carta teño que pegar un descanso porque xa me doen as articulacións da man de tanto escribir. Repito: é longa, moi longa. Logo do descanso analizo, a miúdo e a fondo, un desexo que está aí, que non se vai, que non lle importa afogar mesmo nesa lagoa ou rachar o espello para que o soño se faga realidade. Remato a carta sen saber moi ben o que dixen. É igual.


Finca Fierro. Luns, 1 de febreiro de 2022

 

domingo, 30 de enero de 2022

DOUS REGALOS

Ela díxolle a el, nunha desas citas que alguén escribe cando non ten que facer, que era o mellor regalo que tivera nunca. En referencia á súa amizade. El empreñou de romanticismo e contestoulle que era ó revés: que ela si que fora, si que é e si que será o mellor agasallo desde que o mundo é mundo. El referíase ó amor que sentía por ela. Non é o mesmo querer que amar. Aínda que el tamén sabía e asumía que era un regalo do que non podía gozar. Tan só abrilo, contemplalo e parir sentimentos ante a súa presencia. Non podía ir máis alá. A el non lle quedaba outra que esperar e seguir esperando, que confiar nesa esperanza na que os soños se volven reais. Claro que el tamén sabía que isto só adoita acontecer nas películas, nesas películas baratas.


Ela tan só sorría ante os pensamentos, opinións e ilusións del. El era un regalo de amizade. Ela era un obsequio moi fermoso, pero só para contemplalo, para admiralo. Os dous xuntos miráronse ós ollos e volveron a cabeza para fixarse nas ondas do mar, ó mesmo tempo que tamén escoitaban o ruído do mar. Foi nese momento cando el, a pesar de todo, se sentiu Jack Sparrow e optou por navegar na Perla Negra cara ó infinito e máis alá. Ela case quixo ir con el, pero ó final deixouno marchar. Sabía que el nunca tiraría o regalo ó fondo do mar; mentres que ela... ela marchou para a aldea acariñando o seu agasallo. A distancia, para os dous, cada vez era máis longa e os sentimentos, para el, máis achegados. Ás veces a realidade da vida é complicada.


Café A Pedreira. A Valenzá. Domingo, 30 de xaneiro de 2022

 

sábado, 29 de enero de 2022

DEMASIADAS FRONTES ABERTAS

Non sei por onde empezar. Que se a guerra de Ucraína. Que se a guerra do festival de Eurovisión coas nosas Tanxugueiras. Que se a guerra da merda das vacas do concello de Castrelo do Val. Que se a guerra dos bancos e caixas de aforros coa terceira idade. Que se a guerra coa Igrexa polas súas posesións. Que se a guerra coas condenas dos insultos ou non insultos. Demasiadas frontes abertas. Como nas guerras. E hoxe, dunha maneira ou doutra, hai guerra.

A de Ucraína andan, andan a ver que pasa, a ver se se evita, pero, en principio, o material bélico e as tropas vanse achegando. Máis vale previr que curar. Por se aquel, imos estar preparados.

A guerra de Eurovisión teño que recoñecer que non vin nada pola televisión, pero polo que lin, escoitei e si vin por medio dalgún vídeo que me mandaron, de auténtico escándalo o proceder do xurado. Claro que non debería de impresionarnos tanto, cando sabemos que, en certos eventos, e xogándose neles o que se xoga, as trapalladas están á orde do día. E a honradez nunca foi unha calidade da que poida presumir moito o xénero humano. Por certo, non preciso de todo ese barullo para saber quen son e o que representan As Tanxugueiras. Que os demais collen por outro camiño... como se adoita dicir: ellos se lo pierden.


Sobre o problema da limpeza da merda das vacas na vila de Castrelo do Val, eu, sinceramente, se foran miñas as vacas e as ovellas levábaas todas a que cagasen e mexasen ante a porta do concello, aínda que tivese que pagar despois a multa que impuxeron os tres grupos do concello, incluído o BNG, o “gran defensor” dos gandeiros. Ó mellor é porque todos eses políticos pensarán que os van acusar de vivir na Galicia profunda.

As trabas, atrancos ou impedimentos que os bancos e caixas lles poñen á xente maior é de auténtico escándalo. Iso só en cuestión de levar a cabo certos trámites. Pero tamén existe o asunto deses horarios esperpénticos que poñen para realizar tal ou cal xestión. Creo que xa dixen un día que non tardarán en obrigarnos a entrar nas súas oficinas co pé esquerdo ou á pata coxa. E o Goberno, ante estes abusos, segue a lavarse as mans.

A guerra dos insultos ía polo de “galego de merda” que seica non supón delito de odio. Eu digo que depende. Aquí contaría moito o ton. O espazo non dá para explicalo. A guerra dos bens da Igrexa si dará para un futuro Pingas.


Finca Fierro. Sábado, 29 de xaneiro de 2022

 

viernes, 28 de enero de 2022

O RELOXO DE PAREDE

Son o reloxo que estou colgado na parede, de cor branca, dun salón. Dun salón calquera. Nin grande nin pequeno. Un salón de clase media; ou obreira, que máis dá. Estou morto. Así de simple e de sinxelo. Levo uns días morto. Ninguén me regou con pilas alcalinas nin tan sequera cunhas baratas. Polo que pouco a pouco fun agonizando. Ata que exhalei o derradeiro tictac.


Din que o tempo pasa, ou que é eterno, ou que é infinito, ou que nunca se detén. Todo é mentira. Eu morrín. O meu tempo morreu. E o máis estraño é que sigo colgado da parede branca. Dáme que por moito tempo máis. Certo, a min que me importa xa o tempo.

Tamén confeso unha cousa: que case non me importou morrer. Sinceramente, estaba un pouco canso de tanto tictac, tictac, tictac. Tan monótono que só facía iso. Nin tan sequera tiña un pobre cuco que saíse a dar as horas. Só dúas agullas que se movían tan monotonamente que nin me decataba. Tan só escoitaba o meu propio ruído do tictac, tictac, tictac. Que canseira! Que paciencia!

Definitivamente, alégrome de estar morto, de non marcar xa o tempo. Nin eu mesmo sei que é o tempo. Uns din que pasa nun suspiro e outros que dura unha eternidade. Hainos que confesan que o tempo voa, mentres outros sinalan que non avanza, que non se move. Un barullo do demo.

Son o reloxo que vos di adeus e sen prometer volver. Porque tamén din que o tempo nunca volve.


Café A Pedreira. A Valenzá. Venres, 28 de xaneiro de 2022