miércoles, 10 de enero de 2024

NA ESPERA


Rachei o desexo co orgasmo dun salaio. Esperei. Na espera todo quedou en silencio. Só de cando en vez un ruxerruxe de ansiedade asomaba baixo un réquiem sacramental. Non tardou Vangelis en harmonizar a tarde cun Blade Runner sentimental. Acougados os sentimentos, a espera rematou.

Camiñei ó abrigo dos valados e cada silva era unha pexa que non me deixaba andar ó meu aire polas cores do arco da vella. A treboada levábaa eu dentro. Non sempre o universo é infinito; ás veces chega con contemplar -e sen ir máis a alá- a lúa chea; para deixar que todo aboie mentres escribo un verso que, seguro, rematará nun conto.


Non todos os pensamentos empreñan, aínda que, ó parir, algúns deles sementen truques e retruques. Agora que cada quen busque o dixomedíxome que queira. Os meus quedan agochados entre as sabas brancas dun soño eterno. Aquel no que a flor de toxo se ergue sobre a matogueira máis inmensa. Aquel no que o asubío de Morricone enche de melancolía a película que formo. Esa na que a protagonista sobe e baixa, vai e vén por entre as rimas do poema, por entre os espazos de silencio e por entre o murmurio dos ecos. Agora, si, o espazo exterior é infinito e as estrelas son vagalumes que ensinan o camiño.

Rachei a ansiedade co clímax dun salouco. Volvín quedar á espera. Nesa na que, o silencio e o ruído, a rabia e a impotencia, o anhelo e a utopía, a verdade a mentira se mesturan para encher o conto que se iniciou cun verso. Nesta espera hai soños e realidades que, co tempo, encherán ou ocuparán toda unha novela.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 8 de xaneiro de 2024

Finca Fierro. Barbadás. Luns, 8 de xaneiro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario