martes, 16 de enero de 2024

OS LATEXOS DO PEÓN


Estou fóra do circuíto lingüístico. Métome no velódromo das voltas escritas. Para elo, dou tantas coma se fora un peón, unha buxaina. Un peón que baila ó compás dos impulsos das miñas palpitacións. Circulo coas ideas pegadas ás miñas ansias de dicir que o universo é todo meu. E que o de finito ou infinito depende. Depende como deixe caer os soños sobre o papel en branco. Aínda que, a maioría das veces, é cuadriculado.


Estou fóra do foso da area ideolóxico. Déixome ir polo campo aberto da señardade. Fungo tres axóuxeres e poño punto seguido no velo que me cobre a visión. Tampouco fai falta ver moito para saber que a nugalla é o espírito de non querer facer nada e que o silencio é o intervalo, o lapso que vai dun ruído a un barullo, dunha algarabía a un estrondo.

Estou fóra dos parladoiros nos que se cuestiona o tempo. Cando todos sabemos que o tempo é o que é. E que pasa. E que rende. Agora cada quen que o use como queira. Eu penso quedar quieto e que sexa o ritmo de rock and roll o que me faga mover os pés e os cotobelos. Tamén a covardía baixa a contagotas para caer sobre o papel en branco. Neste caso, cuadriculado.

Estou fóra de Graceland porque me gusta escoitar Love Me Tender desde a planicie dunha almofada. Ante isto, sei que bailarei sobre a estrutura orgánica dun desexo. Sei que entre o escurecer e clarexar está a noite, igual que entre o luscofusco e o raiar o sol. Agora só me queda seguir o ritmo dos latexos do peón, da buxaina. Que vai moi rápido, pero... a ansia de soñar é moita.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Domingo, 14 de xaneiro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario