sábado, 13 de enero de 2024

OS CINCO PELOS DA CABEZA DE GERVASIO CANEIRO


Chove sobre a cabeza de Gervasio Caneiro. Case digo mellor que chove sobre os cinco pelos da cabeza de Gervasio Caneiro, O Medio Pelado. Tal como digo: só ten cinco pelos. Sempre tivo cinco pelos. Desde o primeiro día que viu a luz do mundo, cando o pariu súa nai xunto ó cortello dos porcos. Ó principio non lle deron moita importancia á súa calvicie, porque pensaban que xa lle aparecerían máis. Mesmo chegaron a facer bromas con que, ó final, sería un home peludo. Hoxe está igual que hai corenta anos: medio pelado. Claro que, por cinco pelos xustos, pódese dicir perfectamente que está pelado de todo.


Cando a familia e os médicos (que nunca souberon dar unha explicación) viron que aquilo xa sería como era, a nai -sempre unha nai por medio- nunca se deu por vencida e sobre a cabeza do seu fillo usou todos os remedios ou produtos habidos e por haber. Quizais o máis esperpéntico foi o de cando lle botou sobre a cabeza esterco das pitas. Tal cal. Ante iso, normal, o pobre Gervasio botou dous días sen saír da casa. Polo do cheiro. Pero nin con esterco, nin con vitaminas, nin con sulfatos a cabeza do Medio Pelado seguiu sempre cos cinco pelos.

Cinco pelos que nunca cortou. A nai non tardou entón en facerlle unha trenza, tan longa e tan resistente que incluso os máis cativos se agarraban a ela e, cos patinetes, botaban carreiriñas polas rúas da vila. Tampouco ninguén soubo dar unha explicación de por que eses cinco pelos eran tan resistentes. Hoxe en día, Gervasio Caneiro xa está tan afeito a eles (ós pelos e ós cativos) que, por que non, presume da súa trenza. Con alardeo ou non, a chuvia segue caendo sobre os cinco pelos da cabeza de Gervasio Caneiro.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 9 de xaneiro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario